A cultura contra a represión

A bibliotecaria Juana Capdevielle foi unha das intelectuais maís importantes da República, acadando logros inimaxinables para as mulleres daquela época. A súa vida e, sobre todo, a súa morte están ligadas por sempre ao concello de Rábade
2020081518165499726
photo_camera A bibliotecaria e pedagoga Juana Capdevielle. AEP

En Rábade non se produciron enfrontamentos bélicos durante a Guerra Civil, pero houbo un feito que tivo lugar no concello que marcou profundamente aos veciños: o asasinato de Juana Capdevielle o 18 de agosto de 1936. A bibliotecaria foi executada á altura do quilómetro 526 da estrada N-VI ao seu paso polo municipio, e aínda que a elección daquel lugar foi fortuíta, a súa historia quedou unida á da vila para sempre.

Falar de Juana Capdevielle é falar, segundo a investigadora da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH), Carmen García Rodeja, de "liberdade, educación, cultura... Exemplificaba perfectamente os valores da República", indica. Sempre destacou pola súa intelixencia e o seu interese por aprender, o que a levou a estudar Filosofía na Universidade Central de Madrid. Alí relacionouse con figuras tan destacadas como María Zambrano e Ortega y Gasset.

Posteriormente pasou a formar parte do Corpo de Arquiveiros e Bibliotecarios, e converteuse na primeira muller en acadar a dirección dunha biblioteca de centro: foi na da súa antiga facultade de Filosofía na Universidade Central.

A paixón pola cultura e a eduación de Capdevielle levouna a converterse na primeira muller en dirixir unha biblioteca de centro

Os logros acadados por Juana non se quedan aí. Foi membro fundador e tesoureira da Asociación de Bibliotecarios e Bibliógrafos de España, creada no ano 1934; dirixiu o Ateneo de Madrid e tamén participou en destacados eventos como as Primeiras Xornadas Euxénicas Españolas de Xenética, Euxenesia e Pedagoxía Sexual, ás que acudiu como conferenciante co texto El problema del amor en el ambiente universitario. O pensamento de Juana era progresista, valoraba a educación e a cultura por riba de todo, e isto "procede dos valores sobre os que se asentou a República", afirma García Rodeja.

Outro dos lazos que une a Capdevielle con Galicia vén do seu matrimonio co gobernador da República en A Coruña, Francisco Pérez Carballo, que ademais tiña raíces no concello ancarés das Nogais, e co que casou en marzo de 1936. O seu enlace foi a perfecta representación do cambio social que se estaba a dar en España. Con todo, el foi fusilado nada máis iniciarse o levantamento franquista, o 24 de xullo de 1936.

O asasinato de Capdevielle, sucedido menos dun mes despois, foi máis ca unha simple execución en opinión de Carmen. "A súa morte foi a morte da liberdade, da cultura, da educación, de todo o que simbolizaban ela e a República. Ademais, serviu para infundir o terror entre a poboación, que era un dos obxectivos da represión franquista", explica. A pesar de todos os logros que alcanzou ao longo da súa vida, algúns case inimaxinables para mulleres daquela época, a figura de Capdevielle apenas é recoñecida entre a poboación.

Os motivos detrás desta situación, segundo a investigadora do ARMH, responden "ao abandono, ninguneo e esquecemento que sufriron e sofren as vítimas do franquismo". García fai fincapé en que esta situación "non entende de xéneros, pois Pérez Carballo ten unha sepultura triste e soa na Coruña". Por iso opina que debemos "falar dela, de quen era e que facía" para que a xente descubra a figura de Juana Capdevielle, pois non hai mellor maneira de honrar a súa memoria que ensinando.

Rábade non esquece a Juana Capdevielle
O Concello de Rábade iniciou no ano 2008 a recuperación da figura de Juana Capdevielle xunto coa Fundación Amigos de Galicia, o Ateneo Republicano de Galicia e familiares dela e de Pérez Carballo.

Daquela inauguraron un parque co seu nome no punto onde apareceu o seu corpo e unha escultura conmemorativa. Ademais, ·cada día da República tentamos levar un ramo de flores á súa tumba·, declara o alcalde, Francisco Fernández Montes, que opina que Capdevielle foi "unha persoa adiantada ao seu tempo".

Recoñecida
O descoñecemento que xira en xeral arredor da figura de Juana Capdevielle non se dá no concello rabadense, onde "todo o mundo a coñece ou, polo menos, oíu falar dela", afirma Fernández Montes. De feito, a súa sepultura atópase no municipio lucense por expreso desexo da familia, segundo indica o rexedor.

Relación con Lorca
O Concello de Rábade promoverá unha homenaxe á súa figura o vindeiro 18 de agosto, no aniversario da súa morte, que consistirá nunha ofrenda florar e un concerto do cantante Raúl Alcover, autor dun disco homenaxe a García Lorca, La voz de Federico. O poeta foi asasinado o mesmo día que Juana Capdevielle, á cal o unía unha relación de amizade; de feito, a última función da súa compañía teatral La Barraca tivo lugar no Ateneo de Madrid que ela dirixía.

Comentarios