Corgoral reuniu nunha publicación un total de 135 adiviñas do municipio

Para compilalas, este proxecto de recollida da literatura de tradición oral serviuse do traballo elaborado por Jesús Abuín, cronista oficial do Corgo, e tamén polo alumnado do concello
Presentaión do 'Adiviñanceiro do Corgo' o domingo pasado. EP
photo_camera Presentaión do 'Adiviñanceiro do Corgo' o domingo pasado. EP

O Concello do Corgo é o único na provincia cun proxecto de recollida da literatura de tradición oral, unha excepción nun país onde a meirande parte do patrimonio inmaterial foi recollido de maneira voluntaria, sen apoio institucional. Logo de ano e medio de vida e da man do antropólogo e arqueólogo Lois Ladra, Corgoral presentou o pasado domingo a publicación Adiviñanceiro tradicional do Concello do Corgo, o resultado dunha das varias iniciativas que ten en marcha.

Sentado na primeira fileira, no evento que tivo lugar na biblioteca municipal, situábase Jesús Abuín, cronista do municipio e unha das persoas coas que falou Lois Ladra para pór en marcha a iniciativa.

Como investigador afeccionado, entre moitas outras contribucións, Jesús Abuín compilara no ano 1947 un total de 31 adiviñas, que gardou nun caderniño no que Ladra viu un enorme interese. Abuín sempre tivo como teima que O Corgo contase cunha biblioteca e que o seu arquivo non se perdese. E foi, precisamente, na biblioteca, onde tivo a satisfacción de ver parte da súa investigación publicada.

Por outra banda, nestes meses, Ladra tamén estivo revisando a prensa escolar, dende 1980 até 2021. Das aportacións deste tipo de documento na recompliación da literatura popular de tradición oral publicou un artigo na revista Corga. No caso das adiviñas, a prensa escolar serviu para recuperar 49 neses anos consultados. Estas compilacións enriquecéronse coa iniciativa, posta en marcha por Corgoral, de traballo co alumnado que, de xeito voluntario, recolleu un total de 55 en diálogo cos seus familiares. Logo de ordenalas, de eliminar as repetidas ou as traducidas do castelán, o número ficou en 135.

"Démonos conta de que o concello do Corgo era o segundo galego, despois do de Carnota, cun maior número de adiviñas recollidas", conta Ladra. Por iso, propuxéronlle ao Concello editalas. Ademais da separata, presentada o domingo pasado nun acto de celebración da Semana das Letras, o traballo sairá na revista Lucensia e poderá consultarse na web.

Comentarios