domingo. 09.08.2020 |
El tiempo
domingo. 09.08.2020
El tiempo

O Concello de Outeiro de Rei aumenta varias taxas e desata as críticas do BNG

José Pardo Lombao. XESÚS PONTE
José Pardo Lombao. XESÚS PONTE
O goberno incrementou un 40% o custo da recollida do lixo e un 20% o da traída de auga e os nacionalistas pedían "conxelalas"

O Concello de Outeiro de Rei aprobou nun pleno extraordinario o orzamento municipal do ano 2020, con oito votos a favor, fronte aos catro da oposición. O orzamento ascende a 6,2 millóns de euros, dos cales 2,5 millóns destinaranse á xestión dunha palloza da comarca. "O resto empregarase para a mellora de vías públicas, centros deportivos ou centros sociais, entre outras cousas", declara o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo.

O goberno local, liderado polo Partido Popular, aprobou a proposta de incrementar as taxas de recollida de lixo nun 40%, así como a de abastecemento de auga nun 20%. O BNG, pola súa banda, presentou emendas para que non se aplicase ningunha suba de impostos.

"Non é normal que no medio da peor crise sufrida en 100 anos, o alcalde suba dun xeito brutal as taxas municipais mentres que unha parte dos nosos veciños e veciñas están, ou van estar, nunha situación moi precaria", manifestou a concelleira nacionalista Elvira Lombao.

O BNG presentou sendas emendas para "conxelar" as taxas municipais mentres duren os efectos sociais e económicos da crise sanitaria provocada polo Covid-19, as cales foron rexeitadas ante a aprobación das taxas propostas polo alcalde popular.

Os nacionalistas tamén se queixaron de que "aumentasen deste xeito as taxas destes servizos cando as queixas pola calidade deles non fai máis que aumentar", recriminan.

"Dende o BNG levamos anos tentando que se artelle un sistema de axudas para as persoas do concello que poidan ter problemas para pagar os servizos e as taxas municipais, situación que agora sería máis necesaria que nunca, pero o alcalde segue negándose a tal regulamento", explicou Elvira Lombao, que considera o incremento dos impostos como unha "falta de sensibilidade coas persoas que teñen que pagar obrigatoriamente os servizos básicos".

O Concello de Outeiro de Rei aumenta varias taxas e desata as...
Comentarios