viernes. 05.03.2021 |
El tiempo
viernes. 05.03.2021
El tiempo

O Concello do Corgo inicia o proxecto de recollida da súa literatura de tradición oral

O Corgo. EP
O Corgo. EP
O antropólogo Lois Ladra encargarase da posta en marcha e será o alumnado quen faga entrevistas a persoas maiores

Case 200 aldeas, salpicadas en 38 parroquias. En cada unha, un aceno distinto, un responso, un romance, unha lenda. O Corgo ten unha gran tradición oral, si, coma moitos outros municipios de Galicia. Porén, faino excepcional o feito de ser un dos poucos, contados cos dedos da man, que conta cun proxecto de recolla de literatura de tradición oral e patrimonio cultural inmaterial impulsado polo Concello.

Esta iniciativa partiu dunha moción do BNG hai xa catro anos, que fora aprobada por unanimidade pola necesidade de salvagardar a memoria e os saberes dunha xeración que ás veces non atopa cabos máis novos para prenderse. "Estamos moi contentos co proxecto", indicou o alcalde, o popular Felipe Labrada. O concurso convocado no verán para seleccionar o perfil máis axeitado para o posto resolveuse en decembro, e obtivo a praza o antropólogo e arqueólogo Lois Ladra, que á súa vez vén de gañar en 2020 o premio Pedra do Destino dos Amigos dos Museos de Galicia.

O contexto da pandemia fixo que, sen embargo, Lois Ladra tivese que reformular a folla de ruta. Corgoral comezará este mes de febreiro no Ceip Plurilingüe do Corgo. Para non expoñer as persoas maiores, será o propio alumnado quen realice as entrevistas no contexto da unidade familiar e como parte dunha actividade extraescolar, conta Ladra. O mes de febreiro estará adicado aos contos; o de marzo, ás lendas; o de abril, ás cantigas e o de maio, aos refráns e adiviñas.

As entrevistas dos nenos e maiores serán gravadas, e posteriormente revisadas e peneiradas por Ladra, para concretar entrevistas con maior profundidade no futuro. Por outro lado, Ladra tamén está sondando en distintas institucións —como o Museo do Pobo Galego, a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega— a existencia de recollas realizadas no municipio, principalmente nas décadas dos 60 e dos 70.

BO FACER. Lois Ladra valorou esta iniciativa do Concello do Corgo, "por desgraza excepcional en Galicia". Este experto, que ten traballado moito en Portugal, destacou a existencia deste tipo de proxectos liderados por administracións locais no país veciño. "En Galicia, as recollas foron historicamente realizadas de maneira voluntaria, con fins académicos ou por parte de persoas cunha sensibilidade especial, e as institucións sempre o viron como algo individual", indicou.

O Concello do Corgo inicia o proxecto de recollida da súa...
Comentarios