O Concello do Corgo, a través do Proxecto Corgoral, de recuperación da memoria e tradición oral do municipio, programa para este sábado día 5 de novembro, na biblioteca do Punto de Atención á Lectura, varias actividades.
A xornada comezará ás 17.00 horas, cunha mostra da alfarería popular da provincia de Lugo, na que haberá representación da olaría de Bonxe e Gundivós. Lolo da Vila, cerámista de Anseán, amosará e falará dos pormenores do oficio.
A seguir proxectarase a película El rey del río, que foi rodada en Adai e en Folgosa, no pazo de Tella e no pazo de Piñeiro, e que contou no reparto con Alfredo Landa e Carmen Maura.
A xornada rematará cun encontro coa escritora Ánxela Gracián, que lerá poemas que teñen relación coa feira do 13 en Adai. Todos os nenos e nenas que se animen a asistir recibirán un agasallo.
O Proxecto Corgoral vén facendo un traballo de dinamización cultural intenso nos últimos tempos. O 24 de setembro o Punto de Atención á Lectura acolleu a Polafía O Corgo, unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG que contou co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e a colaboración do Concello do Corgo.