Os competidores de Abel Caballero iluminan o Nadal en Outeiro de Rei

Uns Reis Magos recubertos de luces led encabezan o alumeamento da casa da familia Cobas
Luces
photo_camera Decoración de Nadal da casa de Sobrada. XESÚS PONTE

O Nadal na parroquia de Sobrada (Outeiro de Rei) non comeza ata que Manolo Cobas e Mari Luz Yáñez encenden as luces do seu domicilio. Convertidas xa nun clásico, o matrimonio xa ten todo listo para iluminar a noite a carón da estrada que une a localidade con Castro de Ribeiras de Lea. Este ano, a modo de novidade, colocaron as figuras dos tres Reis Magos e elaboraron unha casiña para o portal de Belén.

 

"Todos os anos intentamos innovar un pouco", comenta o ideador, "tratamos de introducir algunha cousiña nova para que chame máis a atención". O matrimonio consegue o seu obxectivo, pois son moitos os condutores que reducen a velocidade para admirar as decoracións da vivenda.

Os motivos do Nadal engalanan a fachada e xardín dianteiro do domicilio de Cobas e Yáñez, cuxa afición parece non tocar teito. "O veciño xa me ofreceu a finca do lado para poñer máis adornos", comenta divertido.

Un traballo de ideación, produción e colocación que Manolo Cobas comeza arredor do mes de agosto. "A finais do verán xa empezo a pensar no que quero colocar este Nadal. O que máis traballo me deu este ano foron as figuras dos Reis Magos, que están feitas por min", sinala. Así, desde os últimos meses e ata o seu encendido, este veciño de Outeiro de Rei non parou "nin un só día".

Sobre a cantidade de luces que tiveron que instalar, o matrimonio afirma que perderon a conta dos metros de led que adornan a súa casa, "aínda que todo paga a pena por ver desfrutar a todos os que se achegan a visitarnos", aseguran.

O éxito das decoracións de Manolo e Mari Luz é rotundo, chegando a colocar diante da porta principal da vivenda un corazón de ferro a modo de photocall para que a veciñanza se inmortalice coas luces. "Os nenos saen de aquí encantados, son os que veñen con máis ilusión", asegura Cobas.

A creación desta microcidade alumeada do lugar de Piñeiro iníciase no papel, tal e como revela Manolo. "Busco as cousas que quero facer en Internet, debúxoas coas medidas correspondentes e pásoas ao ferro, en varas das que se usan para as obras", relata o veciño, que dedica todo o tempo que pode a esta paixón desde hai case dúas décadas.

Preguntado sobre quen comezou antes, se el ou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, responde que "eu fun o primeiro, pero el fíxose máis famoso". Unha sana competencia que xa se converteu en todo un reclamo para o Nadal de Outeiro: "Hai días que chegan fileiras de coches. Vén xente da costa de Lugo, de Meira...", sinala.

Manolo e Mari Luz invitan a toda a veciñanza a achegarse ao seu particular poboado de Nadal. Pode visitarse de xeito gratuíto desde as 18.30 ata as 00.00 horas —algo máis tarde nas fins de semana— ata o día de Reis.

Luces2

Comentarios