Que comen as aves en inverno?

Unha ducia de nenos que asistiron ao campamento de Nadal da Casa das Insuas aprenderon a elaborar comedeiros e galletas para que a ningún paxariño lle falte alimento nesta época
Participantes do campamento 'A banda das Insuas'. EP
photo_camera Participantes do campamento "A bandada das Insuas" e Beatriz Rodríguez-Morales, cun comedeiro xa integrado na súa terraza.
 Que comen os paxariños no inverno? Nos países nórdicos, ou no Reino Unido, que tanta querenza ten polas aves, é normal ver comedeiros en bosques, casas e xardíns, sobre todo en inverno, cando máis escasean os froitos, cereais e insectos que constitúen a base da súa alimentación, ou cando a neve cubre durante días todo o que levar ao peteiro.

A bandada das Insuas, o campamento de Nadal que se celebrou na Casa das Insuas de Rábade, partiu desa pregunta, e quixo darlle resposta. Durante varios días, da man da doutora en enxeñaría de montes e educadora ambiental Beatriz Rodríguez-Morales, canda outros monitores e a cesteira Idoia Cuesta, doce nenos e nenas elaboraron comedeiros para aves.

Para iso, primeiro tiveron que podar os vimieiros dos prados das Insuas, ata facerse con doce varas de vimbio cada un. Despois, da man de Idoia Cuesta, trenzáronas con vimbio máis fino. Dentro dese cono, que cada un levou consigo a casa, é posible meter trozos de froita, ou bolas con manteiga, cereais e restos de pan. Beatriz xa pendurou o comedeiro na súa terraza, a carón da muralla de Lugo. No caderno onde dende hai anos rexistra as aves que visitan ese lugar, anotou, xa ao día seguinte, a visita do paporrubio. Ten confianza en que pronto virán as dos ferreiriños e as das estreliñas riscadas. "Estes comedeiros son para aves áxiles, que poidan asumir varias posicións", indicou. Non valerían, por tanto, para os pardais, ou para os córvidos.

Pero ademais, os paxaros en inverno tamén comen galletas. Si, galletas que os participantes no campamento elaboraron con pan de molde un pouquiño duro e untado con mel e cereais. Con formas de adornos navideños, atáronas ás pólas das árbores das Insuas con algodón biodegradable, coma se de árbores de Nadal se tratase. E alí quedaron, tintinando, para a ledicia dos paxaros.

Os asistentes aprenderon tamén das aves que marchan para pasar o inverno en latitudes máis cálidas e das que veñen doutros lugares máis fríos. Comprobaron no ceo o voo ondulado dos estorniños e a uve invertida que forman gansos ou corvos mariños para non se cansaren tanto. "O primeiro é o que fai máis esforzo, pero os demais aproveitan o voo dos que os preceden. Cando o primeiro cansa, outro toma o relevo", conta Beatriz.

Ningún dos asistentes cansou, porén, de escoitar historias de aves ou de camiñar polas Insuas buscando o seu rastro, e coma seguindo aquel poema no que Bernardo Atxaga se preguntaba "será que os paxaros se agochan para morrer?", atoparon tamén un dos seus delicados esqueletos. Coñecer é o mesmo que establecer un vínculo, di Beatriz. Canto máis coñecemento, máis amor, e máis preguntas. Agora, a que se fan é se a comida lles estará boa alí, pendurada dos bidueiros.

Comentarios