Colleitar con creatividade

Miguel del Castillo (Sevilla, 1958) chegou hai sete anos a Recelle, en Portomarín. Unha forma moi particular de entender a vida no campo e o seu impulso por aportar diversidade á cultura galega fixeron que se introducise no cultivo de tardíos
Miguel del Castillo, explicando o proceso de colleita que segue na súa horta en Recelle. SABELA FREIRE
photo_camera Miguel del Castillo, explicando o proceso de colleita que segue na súa horta en Recelle. SABELA FREIRE

Os patróns da dieta actual indican que cada vez se consumen máis produtos que non son propios da tempada. Por iso, e ante a ameaza do cambio climático, dende a agricultura búscanse fórmulas para facer variedades de sementes resistentes a distintos períodos, evitando que se importe masivamente doutras zonas.

Isto é ao que se dedica un sevillano asentado dende hai sete anos en Recelle,  parroquia pertencente ao concello de Portomarín. Miguel del Castillo Ferrero (Sevilla, 1958) decidiu encarar unha sorte de reclusión entre a natureza experimentando coa colleita de sementes:

"El invierno aquí es horrible, entonces me pregunté por qué no darle algo de alegría y surgió esta idea".

Hoxe, Miguel é un veciño máis da vila. Pasa o tempo nunha parcela de colleita dividida en diferentes zonas segundo as características das plantas. Pódense ver regos no chan cubertos por cartóns reutilizados, baldas que emprega para especies dun menor tamaño, ou ben outras estruturas semellantes a invernadoiros nas que conseguir microclimas.

"Es una forma de vivir en el campo y contribuir a la diversidad alimentaria, algo con lo que estoy muy satisfecho"

En Galicia, en pleno período canicular, non sería o tempo de cultivo máis adecuado para moitas especies. Porén, este agricultor trata de retrasar a colleita de sementes a partir do equinoccio e ata principios de agosto como momento crítico, co obxectivo de que se adapten a climas distintos. Miguel observa que está conseguindo pequenos logros que o animan a preservar sementes seleccionadas dun ano para outro: "He conseguido germinar bien en agosto y ubicar bien la siembra en microclimas dentro del huerto".

Mais, como chegou Miguel a isto? Asegura que se trata dunha creatividade xurdida por mor das súas inquedanzas e recoñece que os seus métodos teñen algo de "ciencia infusa", posto que todo o que coñece sobre a materia é de forma empírica e  autodidacta, nunha sorte de "diálogo con la naturaleza".

O certo é que o proceso de colleita que segue este agricultor aseméllase moito ao tradicional, sen axuda de grandes aparellos e de forma ecolóxica. Primeiro, apunta nunha etiqueta branca, resistente á choiva e á terra, a especie e a data na que se realizará o sementado. A cor branca indica que a semente é de primeira xeración, mentres que, se utiliza unha etiqueta vermella, será unha semente xa labrada de varias xeracións. Unha vez feito isto, fai un oco nas baldas ou nos regos do chan, con terra preparada e nutrida a base de compost natural, e procede a plantalas. Segundo comenta, os materiais empregados, como o cartón, permiten soster a humidade e manter a terra a unha temperatura adecuada, protexendo os cultivos de contrastes prexudiciais. Ademais, isto evita que o agricultor se vexa obrigado a regar diariamente.

En canto aos resultados, a súa meta non é que saia unha recolleita abundante, senón que lle basta con que emerxan "un par de plantas" porque, asegura, "esto demuestra que algunas semillas son más débiles que otras, y con el paso de generaciones tal vez pudieran ir fijando en su memoria genética factores como el frío y la humedad, en un proceso de embravecimiento natural". Polo tanto, o importante neste labor é acumular xeracións de sementes. "No me interesa tener quinientas ni doscientas, sino saber que pueden sobrevivir a períodos de cultivo distintos", comenta. "Ahora habría que pensar en reconducir los cultivos de forma alternante entre meses clásicos de cultivo y períodos fríos", explica.

Especies

E que colleita Miguel? Sobre todo leguminosas, debido ao seu alto valor nutricional, e tamén variedades de froitas e hortalizas como tomates, pementos, cabazas ou sandías. Nestes momentos, traballa con oito legumes que van ben en períodos tardíos. Dentro desas, apunta, hai algunhas que van "casi perfectas" no mes de agosto -que xa son tardías de por si-, como a faba riñón, e outras que hai que ir pouco a pouco, como os tirabeques e a Vicia faba ou faba común. "Después tendríamos los guisantes, que son resistentes a los cambios, pero no son tan productivos, y los altramuces". A pesar de probar cunha ampla variedade de especies, non todas se adaptan igual á colleita tardía; hai algunhas que non resultan, como é o caso das verdinas ou a faba de Lourenzá.

Na actualidade, a enxeñaría xenética verde está moi desenvolvida, pero Miguel pensa que o esencial é empezar por un método tradicional que poida asumir cada agricultor: "Coger unas semillas, seleccionarlas de un año para otro y ver cómo se robustecen. Si logras constatar esto, entonces podrás dar paso a otra gente que trabajará en ámbitos más científicos".

"Si no viera cosas positivas en lo que estoy haciendo, ya lo hubiera dejado. A mi edad lo que uno quiere es aportar algo y yo lo hago contribuyendo a una mayor diversidad alimentaria en la cultura gallega", sostén Miguel acerca das razóns que o levaron a traballar neste primitivo quefacer.

Comentarios