O certame de investigación de Friol premia un estudo sobre mámoas e petróglifos

É de Xabier Moure e Brais Rodríguez. Quedou segunda Ana Fariñas con outro sobre a Prehistoria

Membros do xurado do certame friolés de investigación. EP
photo_camera Membros do xurado do certame friolés de investigación. EP

Un estudo sobre as mámoas e os petróglifos de Friol, de Xabier Moure e Brais Rodríguez, gañou o primeiro premio na segunda edición do certame de investigación histórica e cultural sobre o municipio. Convocárono o Concello, a asociación Carballo Vivo e a facultade de Ciencias da Educación da USC. Os gañadores levarán 2.000 euros e o segundo premio, dotado de 500, foi para Ana Fariñas, que tamén puxo o foco no Friol Prehistórico.

O xurado, que enxalzou a calidade destes estudos, estivo integrado polo alcalde, José Ángel Santos; o presidente de Carballo Vivo, José Manuel Yglesias; o investigador Javier Gómez Vila, a pedagoga Montserrat Castro e o escritor Antonio Reigosa.

Xabier Moure e Brais Rodríguez amosaron a súa satisfacción por este recoñecemento a un traballo no que fan referencia a vestixios dos que xa había constancia e aos xacementos que eles mesmos acharon logo dun intenso traballo de campo nos últimos tres anos.

Sobre os bens xa catalogados, Moure loou o traballo feito a finais dos anos 80 e comezos dos 90 por Juan Francisco Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela, que documentaron más de 150 mámoas -máis habituais que os petróglifos en Friol-, pero lamentouse de que ese labor fose "esquecido" pola administración, que "gardou ese traballo nun caixón".

No traballo premiado, o número de mámoas elévase a máis de 200, ao engadirse as descubertas por Moure e Rodríguez, e destácase a riqueza deses xacementos en Friol. "Están as mámoas máis grandes de Galicia, algunha de máis de 60 metros de diámetro", dixo Moure. Destacou, entre elas, a necrópole de Monteirón, en Narla, e as de Vilalvite e Muruxosa, que conservan o dolmen.

Os premiados aspiran a publicar este traballo engadindo os xacementos que acharon nos últimos meses, co estudo xa entregado. De feito, hai unhas semanas localizaron un dolmen cuns valiosos gravados en Miraz. Moure dixo que o estado xeral destes bens é "regular ou malo" e instou á súa conservación e posta en valor.

Comentarios