Catalogado un petróglifo no paseo fluvial de Friol

O gravado prehistórico, dos que informou á Xunta o colectivo Patrimonio dos Ancares no ano 2016, pasa a ter a consideración de Ben de Interese Cultural
Petróglifo no paseo fluvial de Friol. EP
photo_camera Petróglifo no paseo fluvial de Friol. EP

A Xunta vén de catalogar un petróglifo situado no paseo fluvial de Friol, que como todo gravado prehistórico pasa a terá a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC). A catalogación foi impulsada polo colectivo Patrimonio dos Ancares, logo de que no ano 2013 o veciño de Friol Diego Viñas reparase nestas gravuras, moi preto do río Narla.

Os integrantes de Patrimonio dos Ancares achegáronse ao lugar en varias ocasións para comprobar a tipoloxía, labor nada doada a simple vista debido á forte erosión das figuras. "Despois de varias visitas, utilizando distintas técnicas fotográficas (luz nocturna indirecta e fotogrametrías) realizadas polo compañeiro Alex Negreira, puidemos verificar que na parte superior e máis lisa da pedra os nosos antepasados de hai uns 4.000 anos insculpiran varias figuras compostas por unha combinación de catro círculos concéntricos con coviña central da que parte un apéndice, unha combinación de tres círculos concéntricos con coviña central, e un círculo simple. Nas inmediacións hai outra pena con oito cazoletas e pías", contan dende o colectivo.

Nos anos 2016 e 2021 Patrimonio dos Ancares informou dos achados ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Lugo para que procedesen á súa catalogación. O día 15 de novembro de 2022 recibiron a constestación da Xunta, que despois das correspondentes comprobacións, comprobou cos seus arqueólogos que, efectivamente, se trata duns petroglifos prehistóricos, asignándolles o código de catalogación GA27020347.

Ao tratarse duns gravados prehistóricos e segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, pasan a ter a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), gozando dende este momento da máxima protección legal.

No concello de Friol localízanse unhas 40 penas con petróglifos, o que o converte nun referente na arte rupestre ao aire libre da provincia de Lugo, tanto pola cantidade como pola calidade dos motivos gravados.

O colectivo tamén recibiu a comunicación da catalogación  "dun interesantísimo ben patrimonial en Martul (Outeiro de Rei), solicitude que realizamos no ano 2017". Trátase dunha pedra reutilizada na casa reitoral onde se ve a representación dunha figura humana de trazos ben definidos que debuxan o corpo, brazos, pernas e cabeza onde se aprecian a boca e os ollos. A tradición oral di que apareceu nunha mámoa, se ben se descoñece en que lugar se atopaba este enterramento.

Friol-Pt Paseo Fluvial
Gravura nunha das pedras da casa reitoral de Martul, en Outeiro de Rei.

A primeira e única referencia a esta singular peza débese a Guerra Mosquera no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1976). "Como hipótese por atoparse descontextualizada, quizais representaría a unha divindade feminina espida, unha deusa da fecundidade", indican dende o colectivo.

Comentarios