A castroverdesa Eugenia Castro, carteira xubilada de Romeán, festexou 100 anos

Naceu en Espasande pero fixo da parroquia luguesa o seu fogar, onde inviste parte do tempo debuxando
Eugenia Castro, cos seus fillos, Xoán e Fernando. XESÚS PONTE
photo_camera Eugenia Castro, cos seus fillos, Xoán e Fernando. XESÚS PONTE

Eugenia Castro Caldeiro vén de entrar no selecto club de centenarios, unha data do máis especial que festexou onte por todo o alto cos seus familiares e amigos máis achegados na terra que a viu nacer, Castroverde.

A que foi durante dúas décadas carteira de Romeán e arredores, no concello de Lugo, nacía hai cen anos e dous días na parroquia de Espasande, no seo dunha familia de sete irmáns. Traballadora nata e artista tardía, Eugenia cambiou o seu lugar de nacemento pola parroquia do seu marido, José Vila, ao casar e rapidamente se afixo ás cartas e aos selos. José era o carteiro de Romeán e alí, no seu propio domicilio, dispoñía dun despacho de Correos que facilitaba a vida aos seus veciños: xa non había necesidade de ir ata Lugo para recoller ou enviar correspondencia, pagar recibos ou cobrar o subsidio.

A enfermidade de José acelerou o reloxo e obrigou a Eugenia, que ata entón se adicaba á agricultura e ao coidado da casa, a preparar unha oposición que acabaría aprobando "á primeira", di orgulloso o seu fillo Xoán, e a coller as rendas da cartería. Tamén a domicilio, e todo iso "cos estudos máis básicos".

Foi ao xubilarse cando iniciou unha nova andaina, desta volta como artista do bolígrafo. A través del plasma no papel as inquedanzas ata entón durmidas, e faino todos os días alomenos unha hora. "Empezou a debuxar cando se retirou, debeu ser porque me vía a min traballando", conta Xoán, escultor, "e agora eu debuxo con ela e ela comigo".

As súas obras non podían faltar no día do seu centenario, que festexou cos seus fillos, Xoán e Fernando; os seus netos, Fernando e Brais, e outros familiares e amigos que se citaron no restaurante Pereira de Castroverde. Os blocs pendurados da parede daban boa conta do talento e vitalidade de Eugenia, muller que ademais de artista é "moi relixiosa e crente". "Agora non vai á misa, pero no verán, co bo tempo, seguro que volve", dicía Xoán. Seguro.

Comentarios