A castroverdesa Delia Arrojo Capón súmase á relación de centenarios do concello

A muller, veciña de Gracián, celebrou o aniversario cos seus fillos e recibiu un obsequio do goberno local pola efeméride
Delia Arrojo Capón, cos seus dous fillos. EP
photo_camera Delia Arrojo capón, cos seus fillos. EP

A castroverdesa Delia Arrojo Capón incorporouse esta semana ao club de veciños centenarios do concello. O martes celebrou os seus 100 anos de vida rodeada da súa familia e recibiu tamén un detalle por parte do goberno local, que consistiu nunha placa na que se recorda esa efeméride.

Delia Arrojo Capón naceu na coñecida como Casa do Lagar, que está situada na parroquia de Paderne. Viviu alí ata que casou con Armando Gude Pérez e foron vivir ao lugar de Gracián, na parroquia de San Paio de Arcos, onde reside dende entón.

Esta castroverdesa é a quinta de sete irmáns, dos que só sobrevive ela. O seu marido era canteiro e o matrimonio tamén se dedicou ata a súa xubilación á agricultura e aos labores do campo. Ten dous fillos, Manolo e José Luis.

Viúva dende hai 25 anos, seguiu axudando nas tarefas domésticas na casa, onde na actualidade reside cun dos seus fillos e co seu neto José Luis.

Segundo explican os seus familiares, esta castroverdesa gozou de moi boa saúde ata hai uns sete anos, cando empezou a ter algún achaque propio da súa avanzada idade.

Comentarios