sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

Castroverde rende homenaxe a Manuel Varela, que foi o seu cura durante 55 anos

undefined
Manuel Varela (no centro), á súa chegada á igrexa parroquial de Castroverde. EP
A igrexa parroquial colocou unha placa pola súa "entrega pastoral" e aposta "cultural e social"

Di o seu sucesor, Nicolás Susena, que cando Manuel Varela Gorgoso chegou a Castroverde para exercer o seu sacerdocio, hai xa 55 anos, a figura do cura era a de referente na parroquia. "Eras o transporte, o alcalde, o médico, o amigo e todo o que fixera falla", comenta. O sábado, ducias de feligreses deste municipio rendéronlle homenaxe por saber ocupar esa posición dun xeito xeneroso, como reza a inscrición da placa que colocaron na igrexa, na que se detaca tanto a súa "entrega pastoral" coma o "desenvolvemento social e cultural" que levou a cabo no Concello de Castroverde.

O acto de homenaxe, que xa estaba previsto un ano atrás para poñer broche á súa xubilación, tivo que agardar ata onte polo actual contexto da pandemia. Comezou a xornada na propia igrexa parroquial de Castroverde, unha das dez que levaba este párroco, onde tivo lugar unha acción de grazas.

Tras a colocación da placa, os asistentes desprazáronse ao patio do CPI de Castroverde, onde Nicolás Susena oficiou unha misa. Alí foille entregado un álbum de fotografías que os veciños e veciñas da zona foron compilando nos últimos tempos. Ademais deste regalo tan persoal foi tamén agasallado cun bono para ir ao balneario e desfrutar do merecido descanso. Pechou o acto o Orfeón Xoán Montes, e as persoas asistentes puideron desfrutar duns pinchos.

Emocionado, Manuel Varela admitiu que o acto "superou todas as miñas previsións, e estou desbordado coa bondade e xenerosidade da xente", recoñeceu. Na reflexión que lle é propia, engadiu que "se deixaramos os defectos de lado e mirásemos as virtudes uns dos outros, o mundo sería distinto", engadiu. Inda así, a pesar do día tan especial, recoñeceu que "a mellor homenaxe foi a que me deron vivindo xuntos, a convivencia durante 55 anos e cinco meses coma se de familia se tratase. Iso quedoume grabado no ser, e non hai quen o quite", declarou.

Ademais do sacerdocio, e de todos eses labores que asumiu como cura do seu tempo, dende teimar para que se fixeran pistas ou canalizacións de auga a algunhas aldeas, Manuel Varela fundou a asociación Espalladoira, dende a que promoveu e promocionou o uso da lingua galega e a música tradicional. "Hoxe o corazón acelerou máis da velocidade permitida", comentaba aos seus 85 anos, e logo de ser nomeado tamén o mes pasado como fillo adoptivo do Concello de Castroverde.

Castroverde rende homenaxe a Manuel Varela, que foi o seu cura...
Comentarios