Miércoles. 13.12.2017 |
El tiempo
Miércoles. 13.12.2017
El tiempo

Castroverde, unha historia musicada

Brais e Xairo López, a xeración máis nova de músicos de Pena e familiares de membros da Banda de Bolaño e da Orquestra Alegría. J.VÁZQUEZ
Brais e Xairo López, a xeración máis nova de músicos de Pena e familiares de membros da Banda de Bolaño e da Orquestra Alegría. J.VÁZQUEZ

A música xogou un papel preponderante na historia castroverdense dos séculos XIX e XX, contando con numerosas bandas e intérpretes de gran sona

Castroverde respira música a cada paso que se dá por ela. Dende hai séculos, parroquias completas viviron ligadas a unha tradición musical que chegou aos poucos ata os nosos días. 

Brais e Xairo López son dous irmáns de sete e nove anos que representan á perfección esta fonda pegada da música entre os veciños. Os dous estanse a formar nese eido, un toca o trombón e o outro a tuba, e forman parte dunha familia que foi protagonista de varias etapas da historia musical castroverdense. O seu bisavó, Ramiro Novo, foi integrante da Banda de Bolaño, a máis lonxeva e prestixiosa do municipio, e o seu avó, Bautista Novo, formou parte da primeira orquestra da zona, a Alegría.

Orquesta Alegría
Orquestra Alegría
 

O historiador castroverdense Ricardo Polín, estudoso deste tema, conta que "os primeiros relatos nos que se ten constancia da tradición musical do municipio falan das coplas, caracterizadas pola súa transmisión oral e que trataban temas sociais da zona ou incluso as leas da época". Estas pezas fixéronse moi populares cando entraron en xogo as figuras dos cegos, dando lugar ás coplas de cegos e lazarillos. A súa presenza está ligada ás festas e romarías, nas que eran moi ben acollidos, e incluso os veciños lles daban pousada e comida. Na zona foran moi coñecidas A Cega de Peredo e O Cego da Fontaneira.

Durante todo o século XIX, e nos principios do XX, tomaron especial relevancia os gaiteiros. Tocaban principalmente en foliadas, pero facíano a título individual, sen formar bandas, e actuaban á chamada da mocidade. Hai documentadas festas celebradas durante a noite de San Xoán, na que a presenza musical a outorgaban os gaiteiros. Durante o século XIX adquiriron importancia algúns como Domingo Penelas, que iniciou revoltas contra os frades.

Comezan a aparecer tamén os construtores de gaitas que, no século XX chegan ao seu mellor momento, con figuras como a de Gerardo Rodil, coñecido como Gerardo de Dios e considerado un dos mellores luthiers, que estableceu no seu fogar en Santadrao, na parroquia de Montecubeiro, o seu obradoiro, do que fixo participar a toda a súa familia, facendo da música e da construción de instrumentos o sustento da casa. 

Pena estivo habitado ao completo por familias de músicos e na actualidade aínda hai veciños que seguen con esta tradición

Os gaiteiros foron desaparecendo aos poucos. Das máis de dúas ducias deles dos que se ten constancia dende a segunda metade do século XIX, non queda nada máis que as lembranzas dos seus familiares. Polín cre que «que non haxa ningún tipo de recoñecemento oficial por estas figuras que son parte da nosa historia é unha vergoña». O único momento no que se propuxo unha homenaxe foi no caso de Álvaro Fouz, que aínda que era natural de Baleira, era un gaiteiro moi reputado en Castroverde. Varias asociacións locais intentaron sen éxito que fose nomeado 'Gaiteiro oficial de Castroverde'. Neste senso, Polín tamén destaca a Rogelio Reigosa, párroco e cronista oficial de Castroverde, grande aficionado á música e introdutor do órgano na súa parroquia, que só recibiu unha homenaxe a título póstumo, en forma de recordatorio no lugar onde está enterrado. Destácase tamén a presenza de solistas como o acordeonista Enrique de Hedra, de Pena; o percusionista Manelo de Cabaxeiro, de Uriz, ou o cantor José Fernández Pardo, de Páramo.

BANDAS. Coa desaparición paseniña dos gaiteiros comezaron a aparecer agrupacións, de como moito unha ducia de persoas ao principio, con instrumentos de vento metal e percusións varias, que comezaban a animar as foliadas e romarías castroverdenses. 

As bandas de Pena e Bolaño profesionalizaron a súa actividade, establecendo prezos por actuación e ensaios semanais

A primeira banda nada na zona, a pioneira do que viría despois, foi a que crearon en 1879, na parroquia de Vilabade, dous personaxes coñecidos como O Zapateiro e O Fogueteiro, que xuntaron varias persoas da parroquia e as formaron en aspectos musicais como o solfeo. O lugar que viu nacer esta banda foi a igrexa de Vilabade, que conta cun pórtico renacentista que lles permitía tocar a cuberto e lles outorgaba as características para unha boa audición.

A de Vilabade foi o xerme para que en 1886 nacera unha nova banda, a de Faxilde, fundada e organizada por Jesús Arias, que pertencía á casa da Cancela, unha familia de músicos con bastante sona na parroquia. 

A raíz destas dúas bandas, chegou o mellor momento musical de Castroverde co nacemento da Banda de Bolaño, a máis lonxeva e prestixiosa das que se crearon nestas terras. Naceu no ano 1890 e estendeu a súa actividade ata 1947, sendo a súa alma máter o chamado Tío Antón, tamén coñecido como Malacriatura. A banda de Bolaño era recoñecida incluso fóra do municipio, actuando por toda a provincia e incluso nos Oscos, xa en Asturias.


Polín, diante do Templete de Bolaño, que acolleu concertos da Banda

Co éxito que tivo a banda, en 1939 algún membro marchou da mesma para formar a súa propia, localizada na parroquia de Pena, que, nesa época, estaba habitada na súa totalidade por familias de músicos. Nacía así a Banda de Pena, que durante dez anos foi a gran rival da de Bolaño. 

Estas dúas agrupacións conseguiron facer da música un medio de vida, profesionalizando as súas actuacións. Estableceron ensaios varias veces por semana e tiñan que dividirse para actuar nas diferentes foliadas nas que debían participar nun mesmo día. As bandas de Bolaño e Pena fraguaron unha enorme competencia para obter o maior número de actuacións, rebaixando os seus prezos para facelos máis atractivos. 

Tal e como conta o historiador Ricardo Polín, "os músicos tiñan que ir andando ata os lugares das festas, polo que tiñan que ausentarse da casa durante varios días». Isto facía que foran as mulleres quen se «fixeran cargo das casas, recaendo sobre elas todos os labores de labranza, polo que a música condicionaba o modo de vida das familias locais". 

OS SEGUINTES PASOS. Coa chegada á súa fin das dúas bandas que protagonizaron o mellor momento musical de Castroverde, varias persoas do municipio, formadas no ámbito musical polos integrantes das bandas de Bolaño e Pena, crearon a primeira orquestra da zona, a Orquestra Alegría, dirixida nos seus primeiros anos por Salustiano Gómez.

Os seus comezos foron sen altofalantes, pero conseguiron que nas festas se organizaran os primeiros concursos de bailes. Os veciños tiñan que danzar en zocas e, para agradecerlle á orquestra as súas actuacións, ademais dos pagos aos músicos, tamén lles daban casa e comida. 

Tralas orquestras, os seguintes pasos da historia musical de Castroverde chegan ata a parroquia de Vilabade. No que fora o lugar de nacemento da primeira banda, reúnense na actualidade as corais locais para actuar no seu pórtico renacentista. 


Adolfo Seijas

O último paso desta historia pasa polos irmáns Brais e Xairo López, e por xente como Adolfo Seijas, un apaixonado da música que, con 15 persoas, formou hai catro anos unha banda de acordeonistas. "Cun acordeón montas festa nun momentiño", afirma Seijas, que buscou axudar a perpetuar a tradición musical que o acompañou toda a vida. Na actualidade esta banda actúa por parroquias de toda a provincia tentando transmitir "a adición que xera a música" ao resto do mundo. "No momento no que colles o acordeón esqueces todo", resume. 

 

Castroverde, unha historia musicada