O Concello de Castroverde iniciou xa o proceso para acondicionar o histórico barrio da Fortaleza, o xerme da actual vila castroverdesa, e fíxoo buscando investimento para acometer o proxecto. No último pleno, os votos a favor do PSOE e do BNG sacaron adiante unha modificación de crédito co fin de ter máis garantías á hora de optar a unha subvención do Mitma. Unha axuda concedida ao abeiro do programa 2% Cultural facilitaría o financiamento dun proxecto de case 350.000 euros.
O alcalde de Castroverde, o socialista Xosé María Arias, explica que "podemos optar a esta subvención porque somos un concello coas contas saneadas", polo que as arcas municipais poderían sufragar o 30% do presuposto -é dicir, 102.501,24 euros dos 341.671,12 totais-, o que "nos dá máis puntos para conseguir esta axuda".
Baseándose nos "valores patrimoniais" da área, situada en pleno Camiño Primitivo, o equipo de goberno proxecta actuacións que melloren o firme das vías do barrio, así como o soterramento do cableado, coa idea de crear unha imaxe máis amable da contorna. Nela residen varios veciños e son unha ducia de vivendas, na súa maioría rehabilitadas, as que dan forma ao núcleo da Fortaleza.
Por outra banda, "queremos darlle un pulo ao castelo", indica Arias, pois este espazo atópase aos pés dun Ben de Interese Cultural desde 1994 e cuxa titularidade é na súa maioría municipal, aínda que "nos falta a parte dun propietario", matiza Arias. Con todo, o rexedor valora a rehabilitación do barrio e avanza que "o proxecto imos facelo si ou si, pero se nos dan a subvención sería moito máis doado e rápido".
Este punto, no que o grupo popular votou en contra, non foi o único do pleno que se celebrou na tarde do xoves. Dentro da modificación de crédito deuse luz verde, entre outros asuntos, á partida para a reforma do pavillón, unha axuda para a asociación A Fortaleza Sport e a mellora de camiños en Tórdea, Riomol, Paderne e de Barredo a Soutomerille e da rede de saneamento en Santadrao, Serés e na Rúa Doutor Fleming. Tamén se abordou a adquisición dunha parcela urbana dotacional, a compra de material para obras e de mobiliario do centro sociocultural ou as retribucións para a nova traballadora social.
Finalmente, aprobouse o inventario de camiños e a moción do PSOE para reclamarlle á Xunta a devolución do canon da auga, mentres que se desestimou a presentada polo BNG, que esixía que o programa Tardes no Cole fose gratuíto. Os socialistas din que Madrugadores está subvencionado pola Xunta e que o custo do vespertino é "moi elevado" para sufragarse só con fondos propios.