miércoles. 11.12.2019 |
El tiempo
miércoles. 11.12.2019
El tiempo

O "capricho" de cumprir 102 anos

Álvaro Riazor, na cociña da súa casa en Matafaxín. XESÚS PONTE
Álvaro Riazor, na cociña da súa casa en Matafaxín. XESÚS PONTE
Álvaro Riazor é un dos veciños máis lonxevos do Corgo

Ninguén diría que Álvaro Riazor ten tantos anos como a Revolución Rusa. Só a súa maneira de contar os netos, de dous en dous, e os bisnetos, de catro en catro, fan sospeitar que, talvez, sexa certo. O veciño máis lonxevo da parroquia corguesa de Gomeán cumprirá 102 anos este domingo. Ao que fora o seu cardiólogo, Prieto Galán, dixéralle que tiña "o capricho de chegar aos 100", conta. Agora non lle falta sentido do humor para afirmar: "Teño que facer a viaxe solicitada". Pero alí non o queren, non. E non estraña. Coa súa enerxía sería capaz de revolucionar a calma do ceo.

Álvaro Riazor viviu toda a vida en Matafaxín, na casa na que naceu ou, xa viúvo, na do lado, dun dos seus catro fillos. Toda, menos os anos da guerra. Eses anos, pese a ser unha excepción, marcaron a vida enteira. E a memoria.

Moito ten que agradecer Riazor á divina providencia, di. Agradecer, por exemplo, que aquela noite conseguise discorrer a escusa perfecta para non ir á fronte, algo do que aínda hoxe se alegra. "Pola mañá, cando nos chamaron, dixen que era zapateiro, porque sabía que se precisaban, aínda que eu nunca collera unha ferramenta", comenta. Agradecer que o seu verdadeiro talento, escribir, se impuxese antes de que ninguén lle reprochase que non sabía máis que achatar as solas dos zapatos. "Meu pai pagoume a pasantía dun mestre republicano, que me ensinou moi ben, polo que pasei a traballar na oficina", indica.

Librouse de ir á fronte na Guerra Civil e foi garda forestal

Pero, se cadra, o que máis agradeceu foi aquela monxa que —despois da viaxe a Valladolid "nun tren de mercancías onde ían os animais", e de pasar días nun piso sen mantas, co medo da guerra enriba— o coidou da bronquite coma se fose un fillo. "O hospital era un local dun teatro, e ela... era de Lugo! O que me axudou falar con alguén de Lugo! Aínda me lembro dos seus ollos azuis. Se morreu, deus a teña consigo", di.

Cando acabou a guerra, Álvaro quería quedar onde a guerra o levara, en Lleida, naquela Cataluña "onde vin un adianto de 20 anos". Pero seu pai queríao en Matafaxín, e "aos pais hai que respectalos", afirma.

O segredo da súa lonxevidade é "non exceder en cousa ningunha, beber un vaso de viño ao día e, cando vai frío, un chupito de augardente"

O XORNAL, POR TRES PESETAS. Volver, volveu. Pero o que non quería era traballar na terra. Por iso, o primeiro que fixo foi subscribirse a este diario, por tres pesetas por trimestre. Quería estar ao tanto de ofertas de emprego. Foi outro xeito de chamar á providencia, e funcionoulle. Nas páxinas de El Progreso viu un anuncio de oposicións para garda forestal. Presentouse, e aprobou. Naqueles folios brancos do exame había quen comezaba a liña arriba e a remataba abaixo, pero non el, que tivera un bo mestre.

No amor tamén tivo sorte. Coñeceu a Josefa nas festas e feiras de Gomeán e caeulle simpática, tanto que un día foron dar un paseo e xa non se separaron. "Fomos felices", afirma. El di que o segredo da súa lonxevidade é "non exceder en cousa ningunha, beber un vaso de viño ao día e, cando vai frío, un chupito de augardente". É que non hai nada como ter algún capricho de vez en cando, e a divina providencia da felicidade.

O "capricho" de cumprir 102 anos
Comentarios