Branca Rodríguez Pazos recibirá a Navalla de Manuel María en Outeiro de Rei

No acto, que se celebrará este sábado, tamén será homenaxeado a título póstumo o curo Moncho Valcarce

Branca Rodríguez Pazos. AEP
photo_camera Branca Rodríguez Pazos. AEP

LUGO. A nacionalista Branca Rodríguez Pazos, extenente de alcalde do Concello de Lugo e exdelegada da Vicepresidencia da Xunta en tempos do Goberno bipartito autonómico, recibirá o vindeiro sábado, día 8, en Outeiro de Rei a Navalla de Manuel María. Este acto enmárcase na chamada Memoria da Chaira Enteira, unha xornada que se celebra con motivo do cabodano do escritor natural dese municipio.

Rodríguez Pazos non será a única homenaxeada, xa que tamén recibirá esa mesma distinción, a título póstumo, Moncho Valcarce, o cura das Encrobas.

Organizan esta xornada Xermolos e a Irmandade Manuel María, para manter vivo o legado do poeta de Outeiro de Rei.

Sobre os méritos dos homenaxeados este ano, os dous colectivos resaltan a traxectoria política de Branca Rodríguez Pazos, como militante do BNG, tanto no Concello lugués como na Xunta. Subliñan que o seu labor foi fundamental para o nomeamento da Muralla como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, no ano 2000. Tamén enxalzan a súa «atención continuada ás necesidades veciñais» e a súa «firmeza nas demandas a outras administracións».

Do crego Moncho Valcarce, falecido hai 25 anos, os organizadores destacan que, como «cura rebelde e comunista» que foi, fixo «forza co pobo, desde o rural, para reclamar dignidade humana, dignidade da terra en propiedade para que sexa fogar, semente e poida garantir porvir». Tamén lembran a súa participación nas loitas populares das Encrobas, Xove e Baldaio, e anos despois nas Enchousas, «a carón dos labregos desafiuzados».

Programa de actos. A Memoria da Chaira Enteira arrancará o sábado cun xantar de irmandade no restaurante local Río Ladra. Os interesados en asistir -deberán abonar 20 euros- poden apuntarse chamando ao teléfono 646.41.38.90. Despois, sobre as cinco da tarde, haberá un recital de poesía en Penas de Rodas.

Ás 18.30 horas, realizarase unha ofrenda floral no cemiterio de Outeiro de Rei e, a continuación, sobre as 19.30 horas, os participantes achegaranse á carballeira de Santa Isabel, onde se celebrará a entrega simbólica das Navallas de Manuel María. Este último acto incluirá tamén un recital de poesía e música.

Comentarios