O BNG solicita que a croa do castro de Castrillón pase a titularidade pública

O voceiro do grupo municipal do BNG, Mario Outeiro, en Castrillón. EP

Pide ao Concello do Corgo que poña en valor ese conxunto histórico-artístico ►É privado, agás o adro da capela

LUGO. O BNG solicita ao Concello do Corgo a adquisición dos terreos que ocupa o castro de Castrillón. Esta moción será levada a pleno co obxectivo de que se valorice o patrimonio histórico-artístico do municipio.

O voceiro nacionalista, Mario Outeiro, explica que as inmediacións do castro supoñen un punto de confluencia de numerosos elementos de interese. Por unha parte está o castro en si, o máis coñecido do concello, que destaca polo bo estado de conservación das murallas, tanto principal como secundarias.

Neste contorno está a igrexa románica de San Salvador, que conserva enfronte un fragmento de miliario. Trátase dunha columna cilíndrica que sinalaba as distancias nas calzadas da época romana. Ao leste do castro atópase a carballeira. Todos estes dominios localizados na croa do castro son privados, agás o adro da capela.

O grupo municipal do BNG solicitará a súa recuperación no pleno da corporación corguesa. A proposición consiste na adopción dun acordo que inclúa a adquisición dos terreos para que pasen a titularidade pública. Esta modificación supoñería o uso do conxunto por parte da veciñanza de xeito gratuíto, según Outeiro.

A finalidade deste cambio de titularidade responde a unha vontade para a posta en valor deste conxunto artístico.