sábado. 20.07.2019 |
El tiempo
sábado. 20.07.2019
El tiempo

O bar Papyrus di adeus tras 37 anos de historias rabadenses detrás da barra

Lola Méndez y Alberto Pena, pechando o Papyrus. VICTORIA RODRÍGUEZ
Lola Méndez y Alberto Pena, pechando o Papyrus. VICTORIA RODRÍGUEZ

Empezou sendo unha cantina no cuarto dos donos ► Só no último ano comezaron a pechar un día a semana

A vila rabadense despediu o sábado un dos seus establementos máis emblemáticos, o Papyrus, despois de 24 anos de historia na Avenida da Coruña, onde Lola Méndez e Alberto Pena continuaron unha traxectoria que xa comezaran en 1982 no bar As Tres Pontes. "Era unha xubilación, pero fixéronnos agasallos coma se fose unha voda", comenta Lola. E non é para menos. Para as 200 persoas que acudiron a esa despedida, este matrimonio de hostaleiros era coma da casa.

A traxectoria dunha das barras máis queridas de Rábade comezou hai 37 anos, cando Alberto pasou oito meses sen cobrar un peso na empresa na que traballaba. Decidiron, na casa dos seus pais, converter o cuarto no que durmían nunha cantina. Os clientes puxeron o nome: As Tres Pontes, en alusión á ponte da N-VI que se estaba construíndo nesa altura.

E ata lle fixeron unha canción, algo do que non todos os hostaleiros poden presumir: "Rábade ten dúas pontes, ponte de pedra e de ferro, por abaixo pasa a auga, por enriba a cervexa. Pon outros tubos, Lola! Xa chos paguei!". O ailalelo podía continuar horas e horas, e as portas de As Tres Pontes reenganchar os coñacs da noite cos cafés da mañá.

"Rábade ten dúas pontes, ponte de pedra e de ferro, por abaixo pasa a auga, por enriba a cervexa."

SEN DESCANSO. Moitos deses primeiros clientes foron fieis cando As Tres Pontes abandonou a súa céntrica localización para abrir como Papyrus, nome que Alberto trouxo dunha viaxe a Exipto co seu pai, "e porque o papel facía referencia ao preto que estamos do instituto", indica.

Esa debeu ser das poucas viaxes que fixeron. Durante 25 anos, Lola e Alberto apenas colleron un día de vacacións ou de descanso, abrindo ás 5.00 horas e pechando pasada a medianoite. As vacacións nunca superaron os oito días, e só hai un ano, para afacerse á xubilación, comezaron a librar os domingos, grazas á mellor das súas camareiras, Verónica Ramos.

En todo este tempo traballando xuntos, comendo no bar e vendo os fillos crecer detrás da barra, nunca discutiron. "Quen mandaba era a xefa", di Alberto. Lola concorda, pero di que o segredo está "en ser boa xente". O segredo, tamén, de que hoxe haxa clientes agardando por eles, mentres recollen as últimas cousas do Papyrus, para tomar algo na mesa do bar que levaron diante da súa casa.

Os campionatos do Máster de Futbolín de Rábade, a despedida de solteiro do alcalde, os premios do concurso de tapas ou o café diario que o pai de Alberto, con 101 anos, tomaba con eles. "Somos lonxevos na familia, así que aínda teremos tempo abondo de xubilación", bromea el. Máis que merecida, aínda que teñan que afacerse a ela tanto coma os seus clientes.

O bar Papyrus di adeus tras 37 anos de historias rabadenses detrás...
Comentarios