Atención temperá con visión de futuro

Catro profesionais ofrecen en Friol este servizo gratuíto a case medio centenar de nenos e nenas de cinco concellos
Laura Campos, Olalla Pensado, Iria Hidalgo e Julia Rivas con dous nenos usuarios do servizo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Laura Campos, Olalla Pensado, Iria Hidalgo e Julia Rivas con dous nenos usuarios do servizo. VICTORIA RODRÍGUEZ

O centro de atención temperá de Friol atende gratuitamente a 47 nenos e nenas de entre cero e seis anos deste concello e de Begonte, Guntín, Palas de Rei e Rábade. Nel traballan Laura Campos, logopeda; Olalla Pensado, enfermeira; Iria Hidalgo, terapueta ocupacional, e Julia Rivas, psicóloga. As catro levan cerca dun ano tratando de garantir o correcto desenvolvemento motor e cognitivo dos menores que acoden ás instalacións no centro sociocultural municipal. Todas coinciden en que nos últimos anos se lle deu un pulo moi importante e necesario á atención temperá. Iria Hidalgo explica que o o punto de inflexión está no "cambio de enfoque que houbo, antes asistíase cando había dificultades e agora centrámonos en previlas".

Un neno precisa atención temperá cando as súas capacidades psicomotrices non son as adecuadas para a etapa evolutiva na que se atopa. Está encamiñada a aumentar a independencia e a calidade de vida dos nenos e das súas familias intervindo nos aspectos nos que é necesario reforzo profesional. Aínda que neste centro atenden a case medio centenar de usuarios e prevén incorporar máis en setembro, as catro traballadoras confirman que aínda hai pequenos que precisan atención temperá e non a reciben.

Explican que moita xente descoñece esta alternativa ou non entende ben como funciona. Tamén sinalan que hai moitos prexuízos e algunhas familias presentan reticencias a que os seus fillos reciban este servizo. A estigmatización é maior no caso da psicóloga: "Asóciase a enfermidades mentais e incluso hai familias que temen que ao quedar rexistrado no historial afecte ao futuro laboral dos seus fillos", explica Julia Rivas. Sen embargo os usuarios do centro de atención temperá de Friol están encantados cos coidados e os resultados do traballo cos nenos e coas familias son bos.

FUNCIONAMENTO. Olalla Pensado explica que hai diferentes fontes de detección de casos de nenos e nenas que precisan apoio, aínda que a maioría proceden do colexio. Tamén pode ser que a familia requira axuda porque detecta comportamentos inusuais, que a soliciten os servizos sociais, o pediatra e algunhas veces o centro de atención e información á muller. En todos os casos é obrigatoria unha revisión pediátrica que confirme a necesidade do menor de recibir atención temperá.

Con cada novo usuario lévase a cabo unha fase de acollida na que se fai unha entrevista aos nenos e nenas mais ás familias. Faise unha valoración global e outra por áreas nas que se determina en que aspectos actuar. A partir delas establecen un plan de intervención personalizado. A logopeda atende sobre todo problemas de pronuncia e realiza cos rapaces exercicios de respiración, de aumento do vocabulario ou de axilidade na construción de frases. A psicóloga intervén a miúdo problemas de regulación emocional coas familias, e traballa na modificación de patróns para que non os repita o neno ou a nena. A terapia ocupacional, por outra parte, serve para incrementar a independencia funcional dos pequenos.

A medida que avanza a intervención revísase a evolución dos usuarios para comprobar que se van acadando os obxectivos ou ver se xorden outros novos, que ás veces son demandados polas propias familias. Unha vez que se cumpren os obxectivos o servizo dáse por completado. A atención aos menores é individual, pero cando a situación sanitaria o permita pretenden complementala con actividades colectivas.

A intervención na infancia é crucial porque "están nunha etapa na que é esencial estimular ao máximo a neuroplasticidade dos nenos, porque o cerebro é plástico toda a vida pero cando somos pequenos moito máis", explica a terapeuta ocupacional. Estas catro profesionais do centro de atención temperá de Friol insisten na importancia que ten este servizo na prevención de futuras dificultades e na mellora da calidade de vida para os rapaces e as familias. Recordan que é "un servizo gratuíto e que debemos aproveitar"

De insuficiente a gratuíta
Durante os últimos doce anos a atención temperá multiplicouse por dez. No ano 2009 había só 14 concellos en Galicia con acceso gratuíto a ela, a alternativa era privada e descoñecida. A día de hoxe hai activas 39 unidades que cobren 160 concellos e o investimento público anual ascende aos tres millóns e medio de euros, segundo resalta a Xunta.

OS CENTROS LUCENSES. Na provincia hai seis unidades que asisten a 23 concellos. Á marxe do de Friol, hai centros en Antas de Ulla, que engloba tamén a Portomarín e Monterroso; en Outeiro de Rei, que comparte servizo con Castro de Rei, e en Burela, que tamén acolle usuarios de Viveiro. Ademais, o centro de Mondoñedo cobre a demanda de Abadín, Barreiros, Lourenzá, Riotorto, A Pastoriza, A Pontenova e Trabada, mentres que o de Quiroga atende usuarios de Ribas de Sil e do Courel.

Hai outros tres proxectos en marcha para novos centros: na capital lucense, en Sarria —con servizo para Láncara, Triacastela, O Páramo, Paradela, Samos e O Incio— e Guitiriz —que atenderá a Xermade e Vilalba—..

Comentarios