A artesanía está de feira en Castroverde

María Nogueira, fotógrafa castroverdesa que impulsou o desfile de moda hai dez anos, foi a encargada de ler
un emocionante pregón. A palabra tamén chegou da man de Ánxela Gracián, que presentou o seu último libro
Ambiente da feira. SEBAS SENANDE
photo_camera Ambiente da feira. SEBAS SENANDE

A Feira de Artesanía de Castroverde cumpriu o domingo quince edicións. As rúas da localidade enchéronse de veciños e veciñas que quixeron, un ano máis, desfrutar da demostración de oficios tradicionais, da degustación de produtos gastronómicos típicos e actuacións musicais.

O recinto feiral abriu ás 10.00 horas as súas portas ao público, nunha xornada marcada polo bo tempo. Ás 11.00 horas comezou a concentración de motos e coches clásicos no recinto feiral, e os amantes dos automóbiles puideron desfrutar de vehículos únicos.

A recepción oficial de autoridades chegou ás 12.00 horas da mañá, ao que seguiu a actuación da asociación cultural e musical Zuncurrundullo, de Castroverde, que fixo un percorrido polo recinto feiral.

A feira foi o marco escollido da autora castroverdesa Ánxela Gracián para presentar o seu último libro, Paisaxes de pan, da man de Edicións Fervenza. Acompañou a autora o escritor, tamén oriúndo do municipio, Xesús Trashorras, e o editor do libro.

Presentación do libro de Ánxela Gracián. SEBAS SENANDE
Presentación do libro de Ánxela Gracián. SEBAS SENANDE

A moda seguiu á literatura, co desfile que cada ano organiza María Nogueira, e que contou con catro pases distintos: Castroverde, de Edu Carreira e María Nogueira; Coser e cantar, de Conchita de Tarrío; Xoves de comadres, de Antía Vilar, e Marys, de Marisa Freire.

A mesma Nogueira, fotógrafa de profesión e impulsora deste desfile de moda na feira dende hai unha década, foi a encargada de ler un emocionante pregón, no que quixo expoñer aos seus veciños o seu amor por Castroverde e por esta celebración.

Pechou a mañá a charanga Louband, e á súa musica seguiu un xantar típico.

Desfile de moda. SEBAS SENANDE
Desfile de moda. SEBAS SENANDE

Xa pola tarde os máis pequenos puideron desfrutar dos inchables nas piscinas municipais, e ás 19.30 volveron as actuacións co circo da compañía As Sircópatas, que levaron á vila o espectáculo Rogelio: un pallaso en recuperación. O Mago Rafa tamén converteu o aparcadoiro das piscinas municipais nun lugar onde deixarse levar polos trucos de Experiencias.

Durante todo o día, as persoas que visitaron a feira puideron admirar a mellor artesanía galega, con postos coma o de Xaneco, de instrumentos de percusión tradicional. No recinto tamén se puido atopar o máis típico da feira quincenal, dende produtos para a cociña ou calzado para o traballo.

A deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o alcalde, Xosé María Arias, participaron na inauguración da cita. A Deputación de Lugo colabora con este encontro tradicional a través do plan único de cooperación cos concellos, que achega preto de 20.000 euros para a posta en marcha de actividades culturais deste municipio.

María Nogueira xunto co rexedor local. SEBAS SENANDE
María Nogueira xunto co rexedor local. SEBAS SENANDE

García Porto destacou que a Feira de Artesanía e Gastronomía de Castroverde "contribúe a dinamizar a economía local, a produción artesanal, a gastronomía, e impulsa así o medio rural da provincia de Lugo".

"Estamos contentos porque veu moitísima xente, incluso máis ca outros anos. Para Castroverde é unha feira moi importante para todos, un día máis para pasalo ben, que temos ganas de festa", indicou o rexedor local.

Comentarios