A aposta por criar lento e ben

Gema Albo e Diego Villasante teñen en Madrid dúas tendas nas que comercializan produtos galegos e a carne dos bois que crían no lugar da Avieira, en Marzá, só alimentados con herba e patacas e dos que se aproveita todo grazas aos lotes que venden
undefined
photo_camera Diego Villasante e Gema Albo, cun dos seus animais criados en Palas. EP

Gema Albo é da Coruña e Diego Villasante vive entre Friol e Palas de Rei e ambos uniron forzas, alá polo ano 2015, arredor da idea do consumo consciente e sostible. Saben que é mellor a crianza tradicional que a intensiva e saben que dos bois galegos, pese ao refrán, se aproveitan ata os andares; por iso deron forma a un proxecto con tres frontes abertas que bebe do lugar da Avieira, na parroquia palense de Marzá.

Nos mercados madrileños de Chamberí e de Pacífico hai selo e produto galego. Alí, Gema e Diego instalaron senllos postos, Ultramarinos Serrín, nos que se poden atopar todo tipo de alimentos e artigos chegados desde a esquina noroeste: carne, verduras e conservas, pero tamén infusións, licores ou café. Triunfan a Tenreira Galega Suprema, o polo ecolóxico da firma luguesa Avieco e os lotes de carne dos bois da Avieira.

"Facemos packs de, por exemplo, solombo e hamburguesas, porque se non os cortes tradicionalmente máis nobres serían os primeiros en venderse e quedaría sempre o resto", explica Gema, consciente, con todo, de que "agora estase vendo como hai cortes destes bois que empezan a ser valorados polo tenros que son".

Así asegúrase que dos animais criados lentamente na Avieira se aproveita todo. Os clientes, "galegos residentes en Madrid, madrileños que veranean en Galicia, xente de alí de sempre, un pouco de todo...", tal e como indica, saben tamén que o que están a levar é "algo único, caseiro", di Gema, que explica con detalle o modo de crianza.

En Ultramarinos Serrín preparan packs nos que inclúen partes nobres, como o solombo, con carne picada ou hamburguesas

É Diego, veterinario de profesión, quen atende diariamente os bois que teñen na parcela e que se alimentan de herba e de patacas, fundamentalmente. Algúns están a piques de cumprir os cinco anos, idade á que está previsto o seu sacrificio e que relevan así a outros cinco animais, neste caso de categoría cebón -duns dous anos-, con cuxa carne "abrimos mercado e puidemos comprobar que desde a sostibilidade tamén se pode vender".

Ao cliente final. Ultramarinos Serrín vende directamente ao cliente final -aínda que tamén subministran parte da despensa do restaurante lugués Paprica-, e iso é un elemento diferenciador máis nunha iniciativa que soubo expandirse e que mesmo se fixo un oco en televisión, concretamente no programa de TVE 'Ahora o nunca', onde se deu a coñecer como Gema e Diego abren e pechan o ciclo da comercialización da carne dos seus bois.

O proxecto que nutren man a man ten representado o seu terceiro vértice na distribución, un reto que asumiron en 2017 e que comezaron, conta Gema, coas infusións Orballo.

Nesta moza coruñesa, que se formou como química industrial no campus de Lugo, latexan as humanidades, tal e como sinala na páxina web de Ultramarinos Serrín, e domina o carácter emprendedor. "Claro que animaría aos que queiran apostar por este tipo de crianza e aos que queiran trasladarlle ao consumidor a responsabilidade que temos tanto co animal como coa sostibilidade", explica cando se lle pregunta polo que lle diría a eses que dubidan de dar o paso adiante. E remata: "Temos que darnos conta da importancia de consumir con cabeza".

Comentarios