Benedicta Sánchez: "Os actores parécenme monicreques"

Benedicta Sánchez, actriz do Corgo que gañou un Goya en 2020
Benedicta Sánchez nunha randeeira en Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Benedicta Sánchez nunha randeeira en Lugo. XESÚS PONTE

Benedicta non colle o fouciño para rozar as silvas. Decidiu deixalas medrar e non é por non traballar, senón que é para que lle axuden a pasar máis desapercibida e que a súa casa, de Manán-San Cosme, no Corgo, non sexa foco de atracción para os turistas e para os seus admiradores.

Case tres anos despois de conseguir o Goya, volve a Benedicta a ser a de antes?
Mira, estou collendo as mazás e chega alguén e dime: "¿Puedo hacerme una foto con usted? No cambió en nada. Sigue igual". Eu son a mesma pero nunca vivín en mundos totalmente opostos como nos que vivo agora. Antes, pasaba o tempo coa filla, os netos e a horta. Agora non consigo estar en todos os sitios onde me chaman. Son a máis estraña para min. Veño agora de rodar unha curtametraxe en Valencia, Sola no; tamén fixen un anuncio de Mel de Galicia con Oliver Laxe e hai meses participei nun desfile de Adolfo Domínguez.

Cando está na casa, que fai?
Érgome co día e gústame coser. Coso calquera trapo que vexo. Vivo soa, pero o meu non é soidade. Lévome ben co po e coas arañeiras. Vou camiño dos 87 e non quero ningúen ao meu carón. Só pido que poida camiñar ata o último momento e se teño que marchar, que poida ir a un lugar boscoso ou pantanoso... así morrería feliz.

"Non consigo estar en todos os sitios onde me chaman. Son a máis estraña para min"

Faría outra película se llo propuxesen de novo?
Chamáronme de Madrid, Barcelona, Arxentina... o que me é máis molesto é o da fama.

Aínda a segue parando moita xente pola rúa?
Si, pídenme para facer fotos e eu fágoas pero o caso é que eu nunca quixen ser actriz. Os actores parécenme monicreques. Eu fun fotógrafa quince anos, e cámara, si que me gustaba ser.

Nunca antes tería ocasión de ver tantos famosos xuntos. Valeu a pena coñecelos?
Penélope Cruz encontreina preciosa e Almodóvar é moi humilde. Bicoume a man cando me viu! Cando fun ao festival de Cannes, preguntábanme se vira a un ou a outro... e eu dixen: "Non dou un paso por ver a ninguén deses!". Se fosen Gandhi, Mandela, Luther King, Jesucristo, Teresa de Calcuta ou Santa Teresa de Jesús sería outra cousa.

"Non dou un paso por ver a ningún famoso!. Se fosen Gandhi, Mandela, Luther King, Jesucristo, Teresa de Calcuta ou Santa Teresa de Jesús sería outra cousa"

Véxoa moi relixiosa. É vostede de rezar todos os días?
Beata non son. Depende do que lle chames relixión. A min dixéronme que era panteísta. Vexo na natureza o reflexo de Deus e as igrexas son, para min, sagradas como outros monumentos. Se lle tocan á muralla ou á catedral de Lugo, enfermaría!

Que fixo co vestido que levou á gala dos Goya?
Nada. Era de Adolfo Domínguez e volvérono levar. Eu era un monicaco, vestíronme co que quixeron. Iso si, non me metín en gastos.

Volveu soltarse a melena?
Non. Para onde vou eu cos guedellos na vida diaria? Se sacho no horto véñenseme os pelos para diante da cara!

Se lle chegasen a dicir hai anos que sería actriz pensaría que esa persoa estaba tola?
Unha vez cando estaba en Brasil díxome un home inglés: "¡España se ha perdido una actriz!". E eu pensei: "O demo! Que di este?". Pois así foi. Conteillo a Oliver e agora el sempre me di: "¡España ya no se perdió una actriz!".

Comentarios