A Asociación Nacional de Criadores de Ganado Vacuno Selecto de Raza Rubia Gallega (Acruga) retoma a súa actividade despois de meses de parón debido ao Covid-19 coa celebración do concurso, a subasta e a exposición de gando en Adai, no concello de O Corgo, o vindeiro sábado 1 de agosto. Así o anunciaron nunha rolda de prensa celebrada onte na capital lucense o alcalde de O Corgo, Felipe Labrada, e o presidente de Acruga, César Dorado.
Na comparecencia falaron das principais novidades que se producirán fronte a edicións pasadas, que serán aquelas relacionadas coas medidas de seguridade impostas coa nova normalidade. A xente que acuda á feira deberá facelo con mascarilla e mantendo en todo momento a distancia de seguridade.
Esta edición contará con 87 cabezas de gando de raza rubia galega, que participarán na 93ª edición da subasta nacional, no 33º concurso, tamén de carácter nacional, e na exposición de exemplares de rubia.
Felipe Labrada resaltou o compromiso de O Corgo co sector primario e preveu que "se venderán todos os animais presentados á poxa, aínda que o sector primario está en crise polo descenso das ventas e a redución dos prezos da carne". Pola súa parte, César Dorado cre que "aínda que asistirá menos xente", a feira non se resentirá demasiado porque "Adai é un valor seguro para a venda de animais e, ademais, é a primeira poxa que se fai no que vai de ano".
No concurso nacional, que contará con sete seccións e no que se premiará aos tres primeiros clasificados de cada categoría, participarán un total de 50 animais: 41 femias e nove machos, mentres que a exposición estará composta por 11 femias do centro de recría da Granxa Gayoso Castro.
A entrada dos animais no recinto gandeiro de Adai producirase o día 30 para os exemplares que formen parte da subasta, mentres que os participantes do concurso chegarán o 31 pola mañá para ser calificados polos xuíces. Na feira de Acruga colaboran o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, a Consellería de Medio Rural da Xunta, a Deputación de Lugo e o Concello de O Corgo.
Axudas económicas
As persoas que decidan adqurir algún dos exemplares subastados poderán recibir axudas da Caixa Rural Galega. En concreto, as subvencións serán de 300 euros por cada macho e 200 euros por cada femia.
Participantes
Na feira participarán 17 explotacións gandeiras, das cales máis dunha decena son lucenses, aínda que tamén haberá unha pontevedresa e outra coruñesa.