"Acompañamos os produtores para conseguir o adecuado aproveitamento das terras"

Esta produtora especializada en ecolóxico e cofundadora da empresa friolesa Traloagro é a nova presidenta da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, un colectivo que traballa pola xestión sostible e rendible das terras, co fin último de atraer poboación ao rural e como arma de prevención fronte aos lumes forestais
Isabelle Gómez, na súa explotación de Friol. XESÚS PONTE.
photo_camera Isabelle Gómez, na súa explotación de Friol. XESÚS PONTE.

A SOCIEDADE Galega de Pastos e Forraxes naceu fai uns oito anos co obxectivo de divulgar e acompañar os produtores para conseguir o sistema máis adecuado para o aproveitamento do pastoreo e a xestión da terra.

Cales son os seus obxectivos como nova presidenta deste colectivo?
En liña co labor que xa desenvolve esta sociedade desde hai anos, o obxectivo é seguir divulgando e acompañando os produtores para conseguir o adecuado aproveitamento de pastos, tanto desde o punto de vista económico como desde o da sustentabilidade.

Como se materializa ese labor?
O colectivo está integrado por un equipo multidisciplinar xa que del forman parte tanto produtores como gandeiros, técnicos, investigadores, universidade... Somos, en definitiva, unha sociedade transversal, na que tentamos facer un traballo de acompañamento en novos proxectos, incidir en que o agrogandeiro é un sector estratéxico e tamén ser voz e apoio do sector ante as administracións públicas.

Por que é importante ese adecuado aproveitamento das terras?
Hai moitos tipos de aproveitamentos posibles e nós tratamos de asesorar cal é o máis adecuado a cada zona, xa que nunha mesma explotación a xestión de cada parcela pode ser distinta. Do que non cabe ningunha dúbida é que un axeitado aproveitamento do territorio contribúe ao asentamento de poboación no rural e á prevención de incendios forestais, xa que o propio gando convértese no mellor xestor da biomasa.

Sen dúbida, combater a crise demográfica do rural é o gran reto.
Efectivamente. Por iso cremos que é tan importante ese labor de acompañamento a novos proxectos. Desde logo, no meu caso, a axuda da sociedade foi fundamental. Pero, ademais, este colectivo tamén quere ser a voz para que a Administración reaccione e facilite o asentamento no rural. Desde a pandemia hai un maior interese por vivir no campo, e non son só familias que queiran vivir dunha explotación, por iso é tan necesario dotar o rural de servizos: médicos, pediatras, colexios, centros de saúde, farmacias ou estradas.

Di que, no seu caso, o labor de acompañamento do colectivo foi fundamental para o seu proxecto. Como xurdiu Traloagro?
Traloagro é un proxecto que impulsamos o meu irmán e eu. Os dous nacemos en Bruxelas, somos fillos de emigrantes e cando retornamos, puxemos en marcha un proxecto de gandería de polos e vacún en Friol. Non tiñamos experiencia ningunha no sector, polo que este acompañamento da sociedade foi vital. A explotación iniciámola en 2013, e en 2019 comezamos coa venda directa a través da ecotenda e o biocentro cárnico no polígono friolés para vender tanto o noso propio produto como o doutros.

Un dos temas que preocupa á asociación é, precisamente, a falta de fondos para as axudas á produción en ecolóxico.
Ese mal cálculo na previsión de fondos para as axudas do sector é un problema moi gordo, porque afecta a máis da metade de produtores. Se non se soluciona este problema, en Galicia producirase unha freada en seco do ecolóxico, serán moitos os que abandonen e os que sigan farano en peores condicións competitivas en canto a prezos. É moi importante atopar unha solución.

Comentarios