''La movilidad y la interactividad suponen un antes y un después en la historia de la televisión''

El director de Retegal, Jesús García Porto (Foto: AGN)
photo_camera El director de Retegal, Jesús García Porto (Foto: AGN)

Ante a inminencia do chamado apagón analóxico, Retegal, xunto coa Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, leva meses percorrendo Galicia nunha campaña divulgativa que pretende achegar esta nova tecnoloxía á totalidade da cidadanía galega. Jesús García Porto é o director da entidade e falamos con el sobre os cambios que suporá para os galegos a televisión dixital terrestre.

Pregunta: ¿Que beneficios lle ofrece a TDT aos galegos?

Resposta: A TDT supón unha maior oferta de contidos, con maior calidade de imaxe e son. Ademais, posibilita unha maior oferta de servizos, como a interactividade, difusión de radio, guía de programacións electrónicas...

P: ¿Notarase, entón, un cambio significativo respecto á televisión analóxica?

R: Estas ventaxas supoñen un cambio significativo respecto á televisión analóxica. Non obstante, dúas delas supoñen un antes e un despois na historia da televisión. Unha é a mobilidade. A posibilidade de, por exemplo, ver televisión no teléfono móbil ofrecerá aos cidadáns unha forma distinta de obter información ou de procurarse entretemento.

A segunda é a interactividade. Actuacións como realizar votacións dende a casa, realizar a declaración da renda, ou pedir un certificado de vida laboral; ademais de múltiples opcións de entretemento ou interacción con programas de televisión eran implensables non hai moito tempo.

P: Sempre se fala das ventaxas para os usuarios, ¿e para os medios de comunicación?

R: As ventaxas comentadas son as mesmas para os usuarios que para os medios de comunicación. Non esquezamos que os medios poderán ofrecer novos formatos de programación que, entre outras vantaxes, repercutirá no incremento dunha audiencia que poderá interactuar na referida programación.

Acollida popular da TDT
P: Están facendo unha campaña divulgativa por toda Galicia, ¿como estamos os galegos de informados?

R: Retegal, en colaboración coa Secretaría Xeral de Comunicación, comezou no pasado mes de novembro unha campaña de proximidade polos concellos comprendidos dentro da fase un do acendido dixital; iso é zona de Ourense-leste e zona de O Pedroso.

P: ¿Como está acollendo a poboación esta campaña?

R: A concorrencia e participación da xente nos actos programados amosan o interese da xente pola chegada da TDT. Polo tanto, a acollida, en termos xerais, está a ser moi favorable, vencido o inicial escepticismo.

P: ¿E a xente de máis idade? ¿Está informada?

R: Trátase dun colectivo prioritario para Retegal. As condicións orográficas de Galicia de Galicia e a elevada porcentaxe poboacional de maiores fan imprescindible unha campaña cercana a este colectivo. É necesario explicar que se trata da substitución dunha tecnoloxía por outra mellor, e que o cambio é moi sinxelo, basta con comprar o sintonizador e realizar unha pequena adaptación na antena.

En decembro, 98% de cobertura
P: Nalgunhas zonas o apagón será xa o 30 de xuño deste mesmo ano ¿os fogares galegos están preparados para o cambio?

R: Segundo estatísticas facilitadas por Impulsa TDT, case a metade dos fogares galegos están xa conectados á TDT. Non obstante, aínda queda traballo por facer para que a ninguén lle colla desprevisto o cambio tecnolóxico que se aveciña.

P: ¿E as instalacións colectivas da maioría dos edificios das cidades galegas?

R: En Galicia, aproximadamente, 77.000 edificios dispoñen de instalación para TDT.

P: ¿Que cobertura temos a estas alturas en Galicia?

R: En decembro de 2008, acadouse o 98,5 por cento de cobertura. Non obstante, estamos traballando para acadar unha cobertura poboacional case universal coa instalación de gap-fillers e, incluso, coa utilización do satélite nos casos máis difíciles debido ás condicións orográficas da nosa comunidade autónoma.

P: ¿Acadarase o cen por cen da cobertura?

R: O despregamento terrestre acadará ata o 99,3 por cento da poboación. A partires desa porcentaxe, e para o resto da poboación, está previsto unha solución satelital para a recepción dos sinais de televisión.

Comentarios