Blockbuster anota un gol a favor do Blu-Ray

Algo se move na 'guerra da alta definición',  e nesta batalla, Blu-ray pode terlle dado un duro golpe ó HD-DVD. A rede de videoclubs Blockbuster, a máis importante do mundo, anunciou que a partir do mes que vén, alugará películas de alta definición exclusivamente en formato Blu-ray.

Este movemento pode aclarar por fin a un mercado lastrado pola confusión. Moitos consumidores agardaban a que o panorama se aclarase para saber que tipo de reprodutor mercar, algo similar ó que ocorreu a finais dos 70 e comezos do 80 co loita entre o Beta e o VHS.

Blockbuster levaba algúns meses ofrecendo películas nos dous formatos deixando que fosen os consumidores os que “testaran”. A conclusión foi clara: o 70% optaba polo Blu-ray, o que acabou decantando a balanza polo formato desenvolvido e apoiado, entre outros, por Sony. Malia isto, Blockbuster seguirá ofrecendo nalgunhas tendas e en internet o HD-DVD, pero parece unha medida provisional. A maioría dos grandes estudios de Hollywood apoian ó Blu-ray e moitos fabricantes comezan a facer o mesmo.

Apoio de Playstation
Nesta batalla pode estar xogando un papel decisivo a decisión de Sony de incluír un reprodutor de Blu-ray na Playstation 3. Esta decisión estratéxica foi moi criticada, pois o prezo da videoconsola aumentou substancialmente, o que está lastrando de forma importante as súas vendas. Malia todo, os tres millóns de PS3 colocadas no mercado parece ser claves na guerra de formatos.

Toshiba, a cabeza visible do consorcio que apoia ó HD-DVD,  xa anunciou hai uns días que calculaba vender 1 millón de discos deste formato no 2007, o que supoñía rebaixar as previsións nun 44%. Por ese motivo tiña previsto incluír un reprodutor HD-DVD en todos os seus ordenadores a partir do 2008. Quizais para entón sexa demasiado tarde e Sony teña xa a hexemonía do mercado. Iso si, con máis dificultades das previstas inicialmente e con 'danos colaterais' noutros segmentos da compañía.

Comentarios