As Pontes 2016

Vodas de prata da unión entre pobos irmáns

A Irmandade As Pontes-Lesneven celebrou co tradicional intercambio os seus 25 anos de vida en 2016. A entidade, presidida durante todo este tempo por Antón Ferreiro, aínda chora a súa perda
Homenaxe a Antón Ferreiro no parque de Lesneven. AEP
photo_camera Homenaxe a Antón Ferreiro no parque de Lesneven. AEP

Por que?
As Pontes presume de ter un tecido asociativo ben forte, a nivel cultural, social e deportivo. A irmandade entre a vila e o pobo bretón non fai máis que refrendar esa característica propia.
Protagonista
Antón Ferreiro, que faleceu repentinamente en setembro de 2017 con 66 anos, viviu por e para a entidade dende os seus comezos. Presidiuna durante 25 anos con auténtica paixón, como todo o que facía.
Un chisco de historia
Ademais da unión fraternal con Lesneven, As Pontes está ligada á vila de Carmarthen dende o 2002. O Concello tamén asinou lazos de amizade coa localidade de Arroyo Naranjo, en Cuba.

ANTÓN MARCHOU demasiado pronto. A súa repentina partida fixo chorar a dous pobos unidos polo seu traballo incansable. As Pontes, a súa casa. E Lesneven, un recuncho da Bretaña francesa do que acabou converténdose en Cidadán de Honra. Un título merecido ao impulsor da Irmandade As Pontes-Lesneven, unha entidade que celebrou en 2016 as súas vodas de prata e que non se entendería sen el. Sen Antón.

"El primer año colaboramos acogiendo una familia. Al principio se organizó a través del Concello. Después mi padre se implicó de lleno, se creó la asociación y asumió toda la responsabilidad", recorda a su filla Begoña, explicando que os primeiros anos foron "una aventura".

Antón organizaba ao milímetro cada viaxe, cada ruta, cada parada. "Era sumamente responsable y minucioso. Preparaba cada intercambio con mucha antelación, con mimo y cariño", conta emocionaba Begoña, indicando que as portas da súa casa "siempre estuvieron abiertas y siempre lo van a estar" para recibir aos veciños de Lesneven.

O vixésimo quinto aniversario como irmáns celebrouse como era lóxico cunha nova visita, na que participaron uns 25 ponteses, que gozaron duns días inesquecibles nas terras bretonas. 

É que os lazos creados ao abeiro deste intercambio —este verán foi o número 30, xa que houbo dous anos de viaxe dobre, ademais de excursións de escolares en 1992 e en 1993—, polo que pasaron máis de 2.000 asistentes, superan a amizade, segundo confirman aqueles que un ano tras outro acollen ou viaxan a Francia.

Un deles é Xosé Cendán, que asistiu a cada intercambio, exceptuando dous aos que non puido acudir. "Para min é coma se tivese familiares fóra que vou visitar", di Cendán, que xa creou a máis de 1.400 quilómetros de distancia colegas e amigos que se converteron en "curmáns da vida".

Polo que contan todos os implicados, a Irmandade As Pontes-Lesneven vai moito máis alá da simple unión entre dous pobos. As actividades promovidas pola entidade —no ano das vodas de prata visitaron o Mont Saint-Michel, o río Elorn, o castelo de La Roche Maurice ou o conxunto parroquial de La Martyre, ademais de facer un picnic na praia, visitar o mercado local e asistir a un concerto de órganos e a unha actuación teatral— sempre buscaron achegar aos veciños das dúas vilas á historia, á cultura e ás tradicións. E conseguírono.

Lográrono promovendo intercambios de grupos de música tradicional e mesmo de entidades deportivas. Fixéronse concursos de debuxo e relato, xornadas da terra e mesmo cursos de inglés e francés, que continúan vixentes hoxe en día.

Así o destaca a actual presidenta, Sara Ramos, que busca darlle un novo pulo á irmandade. "Antón lo dio todo por el intercambio, se involucró al 100 por 100 desde el primer minuto y hasta el último", recoñece Sara, que agora trata de que a entidade teña futuro "implicando a los más jóvenes".

"Estamos acudiendo a los institutos para que las nuevas generaciones también participen, ya tenemos gente interesada en acoger. Es fundamental que las familias vean esto como una oportunidad para aprender otras culturas y otras costumbres", di Sara.

Neste 2019, unha vintena de veciños de Lesneven achegáronse ás Pontes. Unha vila que o pasado ano lle rendeu unha fermosa homenaxe a Antón Ferreiro no Parque de Lesneven, un recuncho marcado polo traballo dun home comprometido coas Pontes. Un pobo que sempre o recordará tamén ligado á Bretaña francesa.
 

E en 2016 tamén pasou...

Abadín
▷ Un raio fulmina nove vacas, tres becerros e un touro nunha gandaría de Labrada, que cuantificaba as perdas nuns 24.000 euros.

Begonte
▷ A apertura dunha casa niño en Begonte, posta en marcha pola Xunta, mellora a conciliación de cinco familias do municipio.

Castro de Rei
▷ Os veciños da parroquia de Duancos conmóvense ante o asasinato de Tatiana Vázquez Abuín. Seis meses despois organizan unha homenaxe cunha multitudinaria ruta ecuestre.

Cospeito
▷ O X Encontro Escolar de Xogos Tradicionais reúne en Muimenta a 500 nenos. A actividade encádrase dentro da oitava edición Xotramu.

Guitiriz
▷ A Garda Civil intercepta en Guitiriz a un octoxenario que circulou seis quilómetros en sentido contrario pola A-6. Máis de 40 persoas alertaron da presencia do vehículo. 

Muras
▷ Un grupo de arqueólogos descubre novos elementos no antigo castelo. Ao retirar a maleza acharon dous fosos non catalogados.

A Pastoriza
▷ Os veciños de Álvare vense sorprendidos por parto quíntuple dunha ovella. O animal tivo sen dificultades ás cinco crías.

Vilalba
▷ O CEP Castelao de Belesar, un dos tres colexios rurais da capital chairega, pecha para sempre en xuño, tras chegar a un acordo a Xunta de Galicia e os pais dos alumnos.

Xermade
▷ O párroco de Momán, Luis Ángel Rodríguez Patiño, inaugura unha nova forma de protesta. Dedica dúas concorridas e mediáticas misas reivindicativas nas fochancas da estrada que une Momán con As Pontes.

Meira
▷ O gran traballo de recuperación do patrimonio realizado polo equipo de goberno viuse reflectido coa inauguración da Sala das Reliquias e a loita polo recoñecemento oficial da Vía Rexia.

Pol
▷ Un mozo da parroquia polense de Rioxoán revoluciona as redes sociais cun vídeo no que amosa un artiluxio para pelar os cochos e facilitar o traballo da matanza.

Ribeira de Piquín
▷ O Concello acondiciona a área recreativa do Chao do Pousadoiro, dotándoa de novo mobiliario exterior e rehabilitando os antigos vestiarios.

Más en A Chaira 13 Aniversario
Comentarios