jueves. 19.09.2019 |
El tiempo
jueves. 19.09.2019
El tiempo

XERMADE 2011

Templo perdido onde Eolo fixo escola

Sotavento, en Xermade. AEP
Sotavento, en Xermade. AEP

O parque eólico experimental Sotavento celebraba o seu décimo aniversario en plena ebulición e situábase como unha aposta firme de divulgación das renovables e de loita contra o cambio climático 

Por que?
Unha década despois de que o Príncipe de Asturias, o actual rei de España, inaugurase Sotavento, o parque eólico cumpría os seus primeiros dez anos de vida como unha proposta consolidada de educación e divulgación. 
Protagonista
Pese a que é un parque eólico e o vento sempre foi o grande protagonista, este comparte espazo co resto das enerxías renovables, que se dan a coñecer aos visitantes a través de maquetas, paneles, aplicacións informáticas interactivas, charlas e outras moitas actividades. 
Un chisco de historia 
A historia do descubrimento científico do cambio climático iniciouse a principios do século XIX. Hai anos que se alerta dos riscos do quecemento global e xa é difícil negalo. Hai poucos días a Onu publicou un preocupante informe sobre o impacto do ser humano no planeta que alerta de que un millón de especies están ameazadas no que podería ser a sexta gran extinción. 

EN 2009 CHEGOUSE ao récord, con 22.000 persoas, e dous anos despois, mantendo as cifras polas nubes, con 21.000 visitantes, o parque eólico experimental Sotavento celebrou o seu aniversario confirmándose como unha aposta firme e de referencia de divulgación e educación enerxética. 

"Foi un ano moi significativo, de consolidación, con moitas visitas e en plena ebulición de actividades e exposicións, cun montón de cursos, que incluíron un seminario do hidróxeno, en relación ao proxecto de acumulación de electricidade, ou unha campaña de cursos de condución eficiente e a estrea do Rallye Eficiente, que celebrou a súa primeira edición en 2011", explica Manuel Díaz, o encargado de divulgación dun parque que demostra ano a ano que o rural pode ser un imán. 

Dende un lugar para moitos case remoto —hai que recoñecer que os accesos non son grandes autovías— Eolo fixo escola en Xermade e convertiu Sotavento no seu templo, un lugar de visita obrigada para cambiar sensibilidades polo que xa pasaron un total de 265.000 persoas chegadas dende medio mundo. 

"Os visitantes chegan dende todos os lados e son do máis variopinto", di Manuel Díaz, que destaca a importancia dos centros educativos nas cifras, nas que cada vez teñen un maior peso as universidades. En 2017 representaban o 60% do total das visitas. Pero a lista é longa e moi diversa. 

Xogadores de fútbol do Munich, do Barcelona ou do Celta, concursantes de Gran Hermano, mandatarios de toda Galicia e de países de medio mundo —dende México ao Congo, Brasil ou Honduras— ou incluso líderes militares da guerrilla nicaragüense como Edén Pastora pasaron polas instalacións xermadesas, que en 2011, en pleno momento álxido, tamén recibiron algún premio. 

A vivenda bioclimática demostrativa foi galardoada ese ano dúas veces, co Premio Solar Europeo na categoría de Educación e Formación e co premio da Asociación de Agencias Españolas de Gestión de la Energía (EnerAgen). Foron dous de tantos para Sotavento. 

A Asociación Europea polas Enerxías Renovables concedéralle ao seu plan de divulgación o Eurosolar en 2004 e en 2014 Sotavento foi destacado pola Unesco como exemplo de boas prácticas. Ese mesmo ano o Colexio de Enxeñeiros concedeulle o premio á mellor actuación de sensibilización nos Premios Galicia de Enerxía e a Fundación Renault valorou a súa aposta pola mobilidade sostible. 

Volkswagen concedeulle un ano despois o Think Blue pola súa traxectoria de difusión das enerxías renovables e en 2016 a Asociación de Empresas de Eficiencia Energética e a Editorial El Instalador recoñeceron a súa acción divulgativa. 

Pero o deus do vento sopra forte e o aire que move vai máis alá de Sotavento. Xermade recibiu en 2013 o II Premio Eolo por "ser un lugar modélico en lo que a desarrollo eólico se refiere, tratándose de un pueblo dedicado a la agricultura de autoconsumo y a la ganadería que utilizó los recursos generados por la energía del viento para crear riqueza y empleo", como destacou a Asociación Empresarial Eólica o día en que o parque experimental foi o epicentro das actividades do Día Mundial do Vento. 

"Levamos 17 anos traballando e estamos moi orgullosos de poñer a nosa semente tódolos días na loita contra o cambio climático, somos unha gota no medio do océano", expresa o responsable de divulgación, consciente de que moitas gotas, eso si, poden mover senón o mundo si conciencias. 

O templo de Eolo en Xermade non foi alleo á crise económica. Con menos apoios e un cambio de horario —dende 2014 non abre as súas portas os 365 días do ano e empezouse a cobrar entrada, prácticamente simbólica (tres euros adulto e dous menores)— as cifras baixaron, pero nunca deixou de ser un referente. 

O ano pasado Sotavento despediuse rondando os 10.000 visitantes e este ano xa está "a tope". "Estamos colapsados e cunha lista de espera brutal", di Manuel Díaz, que asegura que "non hai outro centro que coñezamos ao nivel de Sotavento, que toque tan directamente a enerxía". 

"E hai que ser conscientes de que non hai moitas cousas máis importantes para o ser humano. Todo ten que ver coa enerxía", apunta o responsable de divulgación, mentres fala da importancia da implicación das administracións e dos colexios nun traballo de todos cada vez máis necesario. 

"De pouco vai servir ter coñecementos de matemáticas ou de física se non hai un planeta onde levalos a cabo", conclúe, cunha frase que deixa no aire e abre unha porta a un novo visitante que busque respostas. 

En 2011 en Xermade tamén pasou...

Abadín 
▷ O Descenso de Carrilanas A Corda cumpre a súa primeira década de historia. O evento, que reúne a decenas de amantes da velocidade, soña con converterse en Festa de Interese Turístico.  

Begonte 
▷ O centro de día celebra o primeiro aniversario da súa apertura con varios actos. Inclúe unha actuación dun veciño ilustre, Xoan Corral. 

Castro de Rei 
▷ Nace a Escola Municipal de Teatro no concello que deu a coñecer o agroteatro da man de Xosé Manuel Carballo e con el volve a escena o grupo Os Baluros, 30 anos despois do seu nacemento sobre as táboas. 

Cospeito 
▷ Ponse en marcha en Feira do Monte o centro de día Vila de Valverde. A instalación, que depende do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, abre con once usuarios. Hoxe ten máis de 30. 

Guitiriz 
▷ Érguese un monolito en Santa Mariña en recordo ás vítimas franquistas. É o primeiro, pero non o último. En 2018 colócase outro en homenaxe a Alfonso Blanco e aos Irmáns da Lexía. Pero a fosa común do cemiterio segue á espera da exhumación dos corpos. 

Muras 
▷ Celébrase a primeira Xuntanza de Escolares na antiga tallería da Xestosa, unha cita que continúa celebrándose ano a ano para manter vivos os recordos de pupitres. 

A Pastoriza 
▷ Falece a xornalista Mariña Folgueira e os veciños de Reigosa póñenlle o seu nome á casa da cultura, presentan un libro e convocan un certame. 

Vilalba 
▷ Explota un artefacto na casa natal de Manuel Fraga. Pese ao susto, non hai vítimas. É a primeira vez que na capital chairega sucede algo así.

Meira 
▷ A familia do profesor Río Barja doa as súas obras ao Concello e as súas cinzas espárcense nun acto íntimo no Pedregal.  

Pol 
▷ Os familiares de José Antonio Rivas Carballés, un zoqueiro de Fraialde vítima da represión franquista en 1936, enterran os seus restos na súa parroquia natal 75 anos despois. 

Ribeira de Piquín
▷ Pecha a única gasolineira da localidade, que nunca volveu a estar en funcionamento. 

As Pontes 
▷ O gaiteiro Freixo, que durante anos foi o máis maior en activo de Galicia, grava o seu primeiro disco con 92 anos. 

Templo perdido onde Eolo fixo escola
Comentarios