domingo. 05.04.2020 |
El tiempo
domingo. 05.04.2020
El tiempo

POL 2018

Recordos vivos nun lugar de emigrantes e raíces

Celebración do 200 aniversario de Díaz Sanjurjo en Suegos. AEP
Celebración do 200 aniversario de Díaz Sanjurjo en Suegos. AEP
 Nun concello que rende tributo anual aos que marcharon, o ano pasado celebrouse o 200 aniversario do nacemento de José María Díaz Sanjurjo, o santo de Suegos que perdeu a vida por evanxelizar Vietnam

Por que?
Hai moitas noticias publicadas ao longo destes 13 anos pero poucos lugares deron vida a un santo. Pol si e en 2018 celebrou o 200 aniversario do seu nacemento.     
Protagonista
José María Díaz Sanjurjo naceu en Santa Olalla de Suegos o 25 de outubro de 1818. Iniciou os seus estudos no seminario de Lugo, continuou en Santiago e en 1842 ingresou no colexio misioneiro de Ocaña, da Orde dos Dominicos, e ordenouse sacerdote en Cádiz. Partiu rumbo a Manila (Filipinas) en 1844 ata conseguir o seu destino, Tonkín, onde foi decapitado. 
Un chisco de historia
Tonkín foi un protectorado francés do Sureste Asiático despois de pertencer a China ata o século X. Constituía o que hoxe é a maior parte do norte de Vietnam e o seu nome será recordado polo ataque a dous destrutores que finxiu EE.UU. para intensificar a Guerra de Vietnam.

HAI HISTORIA que se olvida e memoria pola que se loita. Nun concello coas raíces tan amarradas á terra como as das árbores protagonistas da carballeira de Mosteiro, marchar non significa borrar os recordos, nin dos que se van nin dos que quedan. 

Demóstrao a Festa ao Emigrante, que case triplica os anos deste suplemento —cumpriu 35 na última edición— coas raíces sempre presentes, fondas, e cun espazo reservado para os nomes propios. E deixouno claro en 2018 a conmemoración do segundo centenario do nacemento de José María Díaz Sanjurjo, que máis de 200 anos despois está na memoria. Razóns non faltan: é o único santo galego, un mártir que podería ser protagonista da mellor serie da HBO. 

"Dende a canonización empezóuselle a dar máis auxe e deuse a coñecer, pero aínda queda por facer. Sempre que se innove algunha cousa é interesante», di o párroco de Suegos, Jesús Trigo, un dos organizadores, xunto ao cura de Meira, a delegación de Misións e ao arquiveiro do bispado, dunha cita «multitudinaria» que recorda «como moi emocionante". 

"Buscamos tódolos detalles, fíxose unha exposición, unha peregrinación dende Mosteiro, polo mesmo camiño que iría á feira cos seus pais, houbo unha misa co bispo de Lugo e unha comida", rememora o párroco. 

"Suegos tiene la suerte de tener un santo que nació aquí. De niño andaría por estas corredoiras y caminos, y ahora, que es santo, su espíritu está entre nosotros. Suegos tiene la suerte de tener un santo en los altares que ha sido una figura muy importante a nivel mundial. Los que somos de Pol tenemos un motivo de legítimo orgullo y podemos presumir de esta gran figura", expresou no aniversario do seu nacemento o seu biógrafo, José Ramón Ónega. O mesmo que anos atrás, en 2007, pediu como pregoeiro da Festa ao Emigrante —el tamén marchou a Madrid— unha distinción para o mártir, que tomou rumbo a destinos moito máis lonxanos. 

O agora santo de Suegos —foi beatificado por Pío XII en 1951 e canonizado por Juan Pablo II en 1988— marchou cara a países asiáticos co obxectivo claro de salvar ánimas de pagáns, un destino convulso para os cristiáns. 
Os misioneiros europeos que levaban as augas bautismais a aqueles que rendían culto a Buda ou a Confucio estaban perseguidos, pero iso non frenou ao polense nin á súa misión. En 1847 foi nomeado bispo de Platea —con 150.000 cristiáns ao seu cargo e moitas almas que evanxelizar— e continuou co seu labor aínda cando pesaba sobre el, e sobre o resto, unha condena colectiva a morte. 

Foi o seu final. En 1857 o santo polense foi capturado e decapitado, meses antes de cumprir 40 anos. A súa cabeza estivo exposta nunha pica como escarmento durante tres días. Tirárona ao río e décadas despois foi atopada por uns pescadores e enviada a España. Desapareceu na Guerra Civil despois de cumprir algún milagre —contan que unha monxa gravemente enferma recobrou a saúde ao contemplala—. 

Pero a súa morte non tivo só consecuencias relixiosas. Serviu de pretexto para unha intervención militar dos franceses, apoiados polo exército español, na Conchinchina, ese lugar que quedou na memoria colectiva como o outro extremo do mundo. 

"O seguinte aniversario non sei cando vai ser, eu o 300 non o vou ver, pero tódolos anos facemos unha misa en Suegos na súa memoria", di Trigo, que recorda que  en Valonga, a parroquia natal da nai do santo, organízase cada 20 de xullo unha festa na súa honra. Senón, sempre queda a oración: "Oh Dios, que despertaste la vocación misionera en el corazón del bienaventurado Obispo José María, que llegó hasta el martirio para defender y consagrar la fe en su iglesia de Tonkín. Concédenos el mismo espíritu para extender la fe en el mundo y así llegar como él a tu Reino Eterno, por nuestro Señor Jesucristo, tu Hijo". 

E en 2018 tamén pasou...

Abadín  
▷ Arrancan as obras da nova área de servizo na A-8 na Xesta, que ocupará 6.000 metros cadrados. Non entrou en servizo pero contará con gasolineira, restaurante e un gran aparcamento.  

Begonte 
▷ O Concello compra unha finca detrás do consistorio para ampliar a céntrica Praza Irmáns Souto Montenegro. Inclúese nun proxecto maior no que reforma a casa consistorial e antiga cámara agraria.  

Castro de Rei 
▷ O tan anunciado centro de recría de Castro abre as súas portas en xuño coa entrada das primeiras 50 xatas luguesas. Actualmente xa chegan a 800.  

Cospeito
▷ Nace o Premio de Poesía Torre de Caldaloba, da man do Concello, da asociación veciñal de Pino e de Culturalia GZ. Gáñao Xesús Rábade Paredes. 

Guitiriz
▷ A igrexa do Sagrado Corazón de María de Guitiriz celebra o 50 aniversario da consagración do templo. Hai unha exposición previa e o 22 de agosto unha misa oficiada polo bispo de Mondoñedo-Ferrol.  

Muras
▷ O veciños recuperan 461 hectáreas de monte na Gañidoira e Ximarás tras sete décadas. 

A Pastoriza
▷ O Concello estrea no verán a pista de pádel, que se suma á oferta de instalacións deportivas. Meses despois presenta unha aplicación para facer as reservas. 

Vilalba
▷ Manu Chao visita por sorpresa a capital chairega nunha homenaxe no Paseo dos Soños ao seu pai, Ramón Chao falecido uns meses antes. 

Xermade
▷ Os xogadores do Cazás e do Momán inician o ano con continuas incursións dos xabaríns nos seus campos de fútbol, que teñen que blindar, primeiro con pastores eléctricos, e renovar para poder  xogar en condicións. 

Meira
▷ A Praza Maior modernízase en outubro cun novedoso paso de cebra tridimensional. Non hai máis polo momento. 

Ribeira de Piquín
▷ O Concello continúa coa súa aposta polo turismo coa mellora do mirador de Barangón. 

As Pontes 
▷ A central térmica afronta unha gran transformación para adaptarse á normativa de emisións europea. Endesa inviste máis de 200 millóns de euros nunhas obras que aínda se están acometendo. 

Recordos vivos nun lugar de emigrantes e raíces
Comentarios