Abadín 2007

O primeiro de moitos ao servizo do peregrino

A escola unitaria de Gontán fíxose a un lado e o seu local renaceu como albergue de peregrinos público. O auxe do Camiño fixo que se pasaran das 26 prazas que había en Abadín en 2007 ás 115 actuais
 

Albergue de Gontán. S.IGLESIA
photo_camera Albergue de Gontán. S.IGLESIA

Por que?
O albergue público de Gontán abría o 20 de xuño de 2007 e marcaba o punto de partida para as hospedaxes que foron agromando polo municipio ata chegar ás actuais catro, tres delas de titularidade privada.
Protagonista
A vella escola unitaria de Gontán, que funcionou dende a década dos 60 ata a apertura do colexio Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín, reconverteuse en albergue. Mentres tanto, fixo de local social dos veciños da zona. As instalacións actuais suman preto de 270 metros cadrados e o investimento total da obra ascendeu a 340.172 euros.
Un chisco de historia...
Antes de dispor de albergue, os peregrinos que pasaban por Abadín pernoctaban no ximnasio do colexio público. De non ser así, víanse obrigados a realizar o traxecto de 40 quilómetros que une Mondoñedo con Vilalba, ambos con instalacións. O da capital chairega foi inaugurado no ano 2000 e conta con 48 prazas, mentres que o de Baamonde incorporouse en 1998 á rede pública de albergues de peregrinos do Xacobeo con 94 prazas. 

PASAR DE ALBERGAR nenos de Gontán, Fraiás, Fanoi e Quende a acoller os extasiados peregrinos que veñen de percorrer un dos tramos máis duros do Camiño Norte de Santiago, o que une Lourenzá con Abadín e que se acentúa coa subida da Xesta. A historia do albergue público de Gontán, pertencente á rede do Xacobeo, é a historia de como reinventarse aproveitando un tirón ao que aínda lle queda moita vida por diante.

Dende hai catro anos, a ruta que parte de Irún está declarada como Patrimonio da Humanidade pola Unesco e con ela, unha tendencia á alza no número de camiñantes que se aventuran a facer a variante norte. Ante esa crecente demanda, que ata entón facía parada no ximnasio do colexio, naceu o albergue público de Gontán un 20 de xuño de 2007 para poñer a disposición do peregrino 26 prazas distribuídas en dúas plantas: na de abaixo está a habitación para persoas con discapacidade —ademais da recepción e da sala multiusos— e na de arriba, o dormitorio comunitario, os baños e unha pequena terraza.

A orixe do local no que se localiza, en pleno centro de Gontán e moi preto dos renovados cabanóns da feira, remóntase á decada dos 60, cando os veciños levantaron a escola unitaria en detrimento da casa de Germán Díaz, vivenda situada enfronte do bar Regueira na que se impartían as clases. Logo de abrir o colexio público de Abadín en 1971 as escolas unitarias botaron o peche, entre as que se atopaba o centro de Gontán. Nese lapso de tempo, entre a súa función educativa e a súa función xacobea, foi empregado como local social para os veciños do barrio abadinés.

O auxe peregrino que pasa pola Chaira, e que serve de motivo para que na actualidade haxa catro albergues no concello de diferentes titularidades, está refrendado con cifras. Así, no ano 2016 foron 17.289 as persoas que pasaron polo Camiño Norte cara a Compotela; en 2017, 17.836; en 2018, 19.040, dos cales 3.600 pernoctaron no albergue abadinés.

Tal e como explican nas propias instalacións, as nacionalidades que fan parada en Gontán son múltiples, pero chegan especialmente de Corea do Sur, China, Reino Unido, Rusia, Francia ou Alemaña. E fano durante todo o ano, aínda que son os meses de xuño, xullo, agosto e setembro os máis fortes, con moitos dos días acadando o cheo.

A demanda tivo resposta e en marzo de 2017 —unha década despois da posta en marcha do público— abría Xabarín, o primeiro albergue turístico privado. Nacía da man de Daniel Valle con 24 prazas dispoñibles, aproveitando a situación de Abadín como fin de etapa xacobea e lugar escollido por moitos para pasar a noite. E foi en menos dun ano cando se pasou das 26 prazas da rede do Xacobeo que ofrecía no municipio, ás actuais 115 diseminadas por catro establecementos.

Tres meses máis tarde do Xabarín, chegaba O Xistral en Castromaior, xestionado por Jaime Prieto. Encravado nunha casa rústica no medio dunha paraxe natural, o novo albergue, tamén privado, incrementou a oferta con 19 camas máis, repartidas en tres habitacións. O último en incorporarse e o máis grande ata o momento é o de Casa Goás, con capacidade para 46 persoas, que se suman ás 34 prazas coas que xa contaban na pensión. Abadín súmase así ao carro do Camiño Norte e, como din os hostaleiros, "non é que vivamos do peregrino, pero axudan moito".

En 2007 tamén pasou...

Begonte 
▷ A Deputación de Lugo adxudica solo industrial en Carral a nove empresas que formarían parte do polígono empresarial Carral-Begonte.

Castro de Rei 
▷ A lotaría de Nadal acariña unha tenda de electrodomésticos de Castro de Ribeiras de Lea. O 22 de decembro, os propietarios de Máis Fogar reparten un quinto premio, 750.000 euros en 15 series do número 30.504.

Cospeito 
▷ No mes de outubro, abre en Sistallo a casa de turismo rural máis grande da comarca chairega, a Casa Grande de Anllo. Conta con 2.000 metros cadrados. O caserón está datado en 1885.

Guitiriz 
▷ Os veciños de Parga rehabilitan os alpendres da feira cun presuposto de 140.000 euros e estrean unha nova captación de auga, deixando a un lado os problemas coa traída. 

Muras 
▷ Tres familias poñen á venda a aldea de Rioseco, a catro quilómetros de Muras e de 100 hectáreas de terreo. Ten catro casas, un muíño, alpendre, un bosque, ademais de plantacións de pino e de eucalipto.

A Pastoriza 
▷ Varias bandadas de corvos matan e degollan, en cuestión de poucos meses, a 117 años recén nacidos nunha granxa ovina de Reigosa.

Vilalba 
▷ O 20 de xullo inaugurase na Magdalena o parque acuático de Vilalba, con seis tobogáns e a recreación da torre dos Andrade.

Xermade 
▷ O Concello xermadés realiza un inventario no que reúne máis de cen elementos con valor etnográfico ou paisaxístico do municipio. 

Meira 
▷ O 1 de outubro nace M de Meira co propósito de dinamizar a arte e a cultura na vila. Traballan co M de Cine, co magosto popular ou coas Olimpíadas Rurais, ademais de homenaxear a Xosé da Flor, un dos seus históricos membros.

Pol 
▷ A comezos de abril, os Trotamontes surcan con súas motos e quads os montes polenses por primeira vez como asociación. Por aquel entón, xa participan 60 afeccionados. 

Ribeira de Piquín 
▷ A Unesco declaraba reserva da biosfera as terras de Burón-Oscos-Eo, entre as que tamén figura o concello de Ribeira de Piquín.

As Pontes 
▷ A mina de carbón, que alimenta a central térmica dende 1976, pecha e deixa paso a un lago de 800 hectáreas e ata 200 metros de profundidade.

 

Comentarios