A Pastoriza 2008

A historia dunha piscina que acaba con final feliz

Cando os veciños da Pastoriza non crían que verían funcionando a prometida piscina climatizada, o mes de maio sorprendeunos cunha xornada de portas abertas que augura un intenso uso das instalacións

Piscina municipal da Pastoriza. S.IGLESIA
photo_camera Piscina municipal da Pastoriza. S.IGLESIA

Por que?
A finais do ano 2008 sentábanse as bases para levar a cabo o proxecto da piscina municipal, publicado no BOP un ano antes. Logo de moitas promesas para a súa apertura, fíxose realidade fai algo máis de dúas semanas. 
Protagonista
A piscina ocupa unha superficie que suma máis de 1.700 metros cadrados, ademais de 1.400 metros cadrados para aparcamento. O presuposto total ascendeu a 1.642.429 euros. Conta con sete membros de persoal: un coordinador, seis monitores e persoal de mantemento e de limpeza.
Un chisco de historia
O recén estreado servizo súmase ás piscinas municipais climatizadas que xa había en Vilalba e nas Pontes. A oferta de instalacións non cubertas é máis ampla, coas propostas en Cospeito, Castro de Rei, Guitiriz, Muras, Vilalba, Meira e Pol.   

ERA O CONTO DE nunca acabar, pero con todo, xa ten o seu punto e final. Por fin se pode escribir un capítulo novo, no que a piscina municipal da Pastoriza recibe chapuzóns e non só prórrogas. Os veciños non eran capaces de ver o momento no que as instalacións, que case caducan agardando, abriran as portas para eles.

O 13 de maio de 2019 quedará marcado no calendario dos pastoricenses e dos veciños próximos como a posta de longo da desexada piscina climatizada, pero para entender o motivo de tanta ansia hai que remontarse a doce anos atrás. 

O conto comezaba en 2007 e quizais algo antes nas cabezas do, por aquel entón, goberno popular na Pastoriza. Para os comicios municipais de maio dese ano, Arcadio López levaba no seu programa electoral o proxecto para que a piscina municipal non quedase en auga de castañas. Como precedente, en febreiro firmábase o convenio polo que a Deputación destinaba 1,6 millóns de euros para a construción das instalacións. Arcadio defendía que A Pastoriza necesitaba unha piscina climatizada porque "o tempo en verán non é moi favorable e unha piscina aberta tería o seu uso limitado a 15 días".

A loita por sacala adiante pasou, nese mesmo ano, a estar protagonizada pola nova tenente de alcalde, Elva Carreira. E dende entón, falta de garantías para a apertura, recursos, prazos que se diluían no calendario ou informes á Fiscalía viñan copando os titulares da prensa. 

A finais do ano 2008 ratificábase o convenio e en 2010 concedíase a licencia de obra por 1,6 millóns de euros, que achegaba a Deputación, e daban inicio as obras da man de Antalsis S.L. nos terreos cedidos polo Concello, moi preto do campo de fútbol O Acibreiro e da pista de kárting, conformando un ansiado complexo deportivo.

Morfoloxicamente e despois de rematado, o edifico caracterízase polas amplias cristaleiras que o dotan de luz e divídese nun sótano, que alberga os equipos necesarios para o funcionamento das instalacións, e unha planta con área de baño e área de complementos. A zona de baño conta cun vaso para nadar de 320 metros cadrados —25 de longo e profundidades de 1,2 a 1,8 metros—, ademais dunha área menos fonda. Tamén inclúe un ximnasio, unha sala para actividades como pilates, aguagym ou cardiobox, un espazo para fisioterapia e gradas.

Despois de velo finalizado, Carreira negábase en 2014 a recepcionar un traballo que consideraba que non cumpría ningunha garantía e meses máis tarde, en agosto, a tenente de alcalde presentaba un escrito na Fiscalía no que denunciaba a ausencia do libro do edificio, das autorizacións de Industria e de Sanidade, así como variacións con respecto ao proxecto inicial. Faltaban as placas solares, o depósito de gasóleo era de 1.500 litros en lugar de 2.000 e o xerador eléctrico era de menor capacidade ca o previsto. Ademais, hai que sumarlle un asolagamento a finais de 2012. 

Con todo, a tregua ao ir e vir de reproches chegou en 2018 coa firma dun convenio no que Deputación e Concello acordaban financiar o funcionamento das instalacións, 207.000 euros repartidos en dúas anualidades por parte do goberno local e 130.000, nas mesmas condicións, do ente provincial.

Primeiro, abriría en nove meses en 2007; logo, no verán de 2011; despois, a comezos de 2014 e, como non foi nese ano, sería en novembro de 2018.
Once anos despois daquela ratificación do convenio e cinco anos e cincos meses despois de poñer a última pedra, o conto de nunca acabar rematou. Desta, con final feliz para os pastoricenses.

En 2008 tamén pasou

Abadín 
▷ Os pais e nais do Ceip Aquilino Iglesia Alvariño mobilizáronse para impedir que o centro deixara de impartir o primeiro ciclo da Eso. Finalmente, os alumnos foron para os institutos de Vilalba e de Mondoñedo.

Begonte 
▷ Un veciño de Begonte acoitela no pescozo e no peito á súa parella en Pacios. O detido enfrontouse a doce anos de prisión.

Castro de Rei 
▷ O centenario carballo de Luxís, en Pacios, pasa a engrosar a lista de árbores senlleiras da Xunta de Galicia. Con 400 anos, este exemplar sumábase aos outros catro que xa había na comarca.

Cospeito 
▷ Xotramu comezaba a súa andaina cos xogos tradicionais de Muimenta e a Festa da Filloa acadaba o título de Festa de Interese Turístico de Galicia na súa décimo séptima edición.

Guitiriz 
▷ O balneario guitiricense celebrou o 29 de decembro o seu centenario, ao que acudiron múltiples autoridades que lle vaticinaban «un futuro brillante», pero non foi así. Na celebración houbo plantación de árbores e música.

Muras 
▷ O Concello de Muras derruba a antiga cooperativa, que levaba 25 anos sen usarse, para levantar no seu lugar un local social.

Vilalba 
▷ O 30 de agosto de 2008, no marco das festas de San Ramón e Santa María, nacía o Festival Independente de Vilalba. O cartel do FIV daquel entón estaba encabezado por Ian, The Ellas e Miguel Costas, entre outros.

Xermade 
▷ Verónica Fernández e Constantino Fernández, do restaurante Tino de Momán, abren o primeiro hostal do municipio, con dez habitacións e 1.300 metros cadrados.

Meira 
▷ A igrexa de Santa María de Meira celebraba os seus 750 anos cun seminario que recreaba a súa historia.

Pol 
▷ A figura dun emigrante, con maleta e paraugas, conmemora os 25 anos da Festa ao Emigrante na Carballeira de Mosteiro e o Concello rehabilita o antigo Muíño do Pacio.

Ribeira de Piquín 
▷ Máis de mil persoas se reuniron no Chao de Pousadoiro para renderlle homenaxe a Xosé Manuel Seivane. Diante da súa casa natal, onde tivo o seu obradoiro de gaitas, descubriuse un busto conmemorativo.

As Pontes 
▷ A asociación Hume estrea revista coa intención de achegar a historia local aos veciños e, nese mesmo ano, a vella residencia de Endesa comeza a acoller o local de Aspanaes.

Comentarios