viernes. 05.06.2020 |
El tiempo
viernes. 05.06.2020
El tiempo

COSPEITO 2019

As aves atoparon o seu fogar nun vello cuartel

Primeira exposición no Museo das Aves. AEP
Primeira exposición no Museo das Aves. AEP
O que fora base e sede dos membros da Garda Civil de Cospeito reconverteuse para dar acubillo á historia que caracteriza ás aves que viven na Lagoa cospeitesa. Tamén pode albergar exposicións.

Por que?
En febreiro deste mesmo ano o Museo das Aves, recén inaugurado, abría as súas portas á primeira colección. Era Cromatopía, da artista Adolfina Mesa, e os seus cadros permaneceron na sala durante todo o mes.
Protagonista
O edificio que acolle o Museo das Aves e a sala de exposicións —ademais dun albergue na terceira planta— data de comezos do século XX e conta con 695 metros cadrados. Para rehabilitalo, obras que comezaron en 2006, destináronse 357.000 euros, ademais de 10.000 para separar as instalacións de hospedaxe das museísticas. Así mesmo, unha partida de 40.000 euros serviu para darlle forma á senda que une o museo co centro de interpretación da Lagoa.
Un chisco de historia
A apertura do Museo das Aves sumábase á oferta chairega que xa compoñían o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, o Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga ou a Casa Museo de Víctor Corral en Baamonde, cada un coa súa propia temática protagonista.

MÁIS ALÁ de acubillar as curiosidades e as características dos centos de aves que habitan na Lagoa de Cospeito, o Museo das Aves tamén naceu para albergar arte. Facíao por primeira vez en febreiro deste ano, cando un frío sábado se instauraban na primeira planta do centenario edificio as 27 pinturas de Adolfina Mesa. A colección Cromatopía ateigaba de cor unha sala diáfana que ata entón nunca fora ocupada. 

Ata o día de hoxe, foron as únicas obras que viviron temporalmente no museo, pero ben seguro que non serán as últimas. A propia artista, asentada en Monterroso, recoñecía as bondades do lugar, "perfecto para calquera exposición", e afirmaba que "se sigo tendo a porta aberta e en canto teña a oportunidade, volverei expoñer alí".  
Para chegar a este punto, primeiro houbo que pasar por eternas reformas e eternas tempadas nas que as instalacións estaban a punto, pero non o suficiente como para poñerse a andar. 

En 1995 cesaba o uso da edificación como cuartel dos axentes da Garda Civil e, a partir de entón, emprazarían o seu posto de mando nun piso da Avenida Terra Chá de Feira do Monte custeado polo Concello. Dous anos máis tarde, comezaban os proxectos para dotar dun espazo novo aos membros da Benemérita, pero os atrancos foron innumerables. En 2004, parecía que se retomarían as obras de levantamento do edificio cunha inxección de 72.000 euros que prometía o Ministerio de Interior, pero non foi ata 2009 que se comezaron a palpar os avances. Finalmente, foi en marzo de 2015 cando o novo cuartel —de 542 metros cadrados, con oficinas e vivendas— daba a benvida aos seis axentes que por aquel entón traballaban en Cospeito.

Ao mesmo tempo, o seu anterior fogar cobraba unha nova vida e en 2009 dábanse por finalizados os labores de rehabilitación dun edificio que non perdoou o tempo que pasou por el. Así, e logo de máis de 350.000 investidos, o que prometía chamarse Centro de Educación Ambiental Veria —logo Casa das Aves e, por último, Museo das AveS— habilitaba 20 prazas para todos aqueles que quixesen hospedarse, pensando especialmente en grupos de mozos e de investigadores.

Houbo que agardar ata o ano 2015 para que catro empresas se presentaran para xestionar un museo que prometía espallar a riqueza paisaxística, ornitolóxica e medioambiental ao mundo. E cumpriu.

Tres anos máis tarde, dende o goberno local pretenderon relanzar o proxecto e, polo momento, colleu voo. Os  visitantes que xa descubriron o espazo puideron interactuar coas múltiples pantallas que invitan a coñecer os pequenos detalles das aves que habitan no humidal. Descubrir os seus chíos, as súas rutas migratorias, os seus niños ou os seus ovos son algunhas das posibilidades que convidan a soñar. Os pasos do visitante son guiados polas pequenas pegadas dun paxaro e a decoración natural que emula un bosque fai que un se esqueza de que está no interior dun edificio.

Os proxectos para aupar a Lagoa de Cospeito como destino turístico ambiental compleméntanse cunha recén estreada senda que une o museo co centro de interpretación e coa idea de crear unha biblioteca ornitolóxica. 
O Museo das Aves non se pecha a nada e a cultura intégrase nel de xeito natural, como coa celebración do Día de Rosalía. Mil propostas para un edificio que custou sacar adiante, pero que xa voa só.

E en 2019 tamén pasou...

Abadín 
▷ O 2019 trae para os abadineses un novo consistorio, que se estrea o 4 de marzo despois de doce anos de obras e dous millóns de euros investidos. O traslado definitivo dos traballadores conclúe dúas semanas despois.

Begonte 
▷ Os veciños do núcleo de Begonte frustran un roubo na sucursal de Caixa Rural. O ruído dos cacos intentando asaltar as instalacións e as alarmas da oficina espertaron aos begonteses.

Castro de Rei 
▷ O día 16 de abril falecía Darío Rivas aos 99 anos en Buenos Aires. Fillo do alcalde republicano Severino Rivas, que foi fusilado en 1936, Darío loitou por atopar ao seu pai e por condenar os crimes franquistas.

Guitiriz 
▷ A Deputación aproba a contratación das obras da Casa da Botica para convertela en residencia de maiores. Prevese que contará con 52 prazas e o orzamento é de 1,2 millóns de euros.

Muras 
▷ Un veciño murés é investigado por branquear diñeiro do narcotráfico a través de plantacións forestais de pino e eucalipto en Muras e As Pontes.

A Pastoriza 
▷ O Concello desenvolve unha aplicación para xeolocalizar en caso de emerxencias, Isocrona. 

Vilalba 
▷ Celébrase por primeira vez a Gala de Empresarios de Vilalba na que se coroan Alberto Román, de Tecnorenova, como mellor empresario, e Marta Seoane, de Carpers, como mellor emprendedora.

Xermade 
▷ Diversas asociacións de Xermade rendéronlle homenaxe a Manuela Vilaboy, que deixaba o seu posto como educadora familiar municipal por un novo emprego en Pontevedra.

Meira 
▷ A localidade acolle o 7 maio as XII Olimpíadas Tecnolóxicas, que reúnen un cento de alumnos de segundo a cuarto de Eso de sete institutos.

Pol 
▷ O pasado sábado, día 1 de xuño, instalábanse na nova residencia de Mosteiro os seus primeiros 13 usuarios. Xa antes, os veciños puideran coñecela durante unha xornada de portas abertas. 

Ribeira de Piquín 
▷ Un veciño da Pontenova de 53 anos falece nun accidente de tráfico no termo municipal de Ribeira de Piquín.

As Pontes 
▷ O Concello homenaxea a Xosé Ferro, o antigo propietario do Muíño de Prieto, cunha área recreativa que leva o seu nome e unha placa de recordo. Tamén presentaron as renovacións da caseta do pulpo.

As aves atoparon o seu fogar nun vello cuartel
Comentarios