domingo. 18.08.2019 |
El tiempo
domingo. 18.08.2019
El tiempo

RIBEIRA DE PIQUÍN 2013

Adeus a unhas aulas que mudaron netos por avós

Comida de despedida do Ceip Aníbal Otero. T.LÓPEZ
Comida de despedida do Ceip Aníbal Otero. T.LÓPEZ

A Consellería de Educación dicidía pechar o colexio do Chao de Pousadoiro, que nese último curso só tiña seis alumnos de primaria. O edificio, que quedou baleiro, acaba de reabrir como centro de día.

Por que?
Ribeira de Piquín é o concello menos poboado da volta e o único que non ten colexio dende que a Xunta decidiu pechalo en 2013.
Protagonista
O centro educativo lembraba a Aníbal Otero, lingüista e escritor nado o 21 de xaneiro de 1911 en Barcia e finado o 1 de marzo de 1974. Foi autor de Contribución al diccionario gallego (1967), Vocabulario de San Jorge de Piquín (1977) e Esmoriz (1994) e colaborador do Atlas lingüístico de la Península Ibérica. Acusado de espiar a prol da República, foi detido en 1936 e condenado a morte, pena que se lle conmutaría, aínda que estivo na cadea ata 1941. En 1964, foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega. 
Un chisco de historia
O colexio de Ribeira de Piquín, que chegou a ter unha matrícula de 140 alumnos e fora creado na época do agrupamento escolar, recibía oficialmente o nome de Aníbal Otero no ano 1995. Daquela dedicóuselle un mural no patio.

PODERÍASE DICIR QUE foi a crónica dunha morte anunciada, aínda que se loitase para que non fose así. Ribeira de Piquín quedaba sen colexio ao rematar o curso 2012-2013, no que estiveran escolarizados só seis alumnos: tres en quinto, un en segundo, un en terceiro e un en sexto. Xa non había alumnado de infantil e non se cubría a matrícula mínima de seis alumnos que pedía a Consellería de Educación. Non houbo excepcións.

Consumábase así a desaparición dun centro convertido nunha pequena familia, polo que pasaran centos de estudantes de varias xeracións de ribeiregos, dende que se creara para substituír as unitarias das parroquias. Xusto o que acabou sendo el. Foi un aviso previo, coma prescindir dos docentes que tiñan a praza definitiva —Anxo e Lucía eran dous referentes para varias xeracións, responsables de numerosos proxectos, ata intercambios europeos co Comenius— ou que a única matrícula en infantil que podería producirse xa non se materializase. Foise directamente para Meira, onde serían logo escolarizados o resto dos nenos e nenas de Ribeira de Piquín.

Tres anos antes, Educación suprimía o servizo directo de comedor no centro e, malia as reiteradas protestas das familias, o curso 2010-2011 iniciouse sen persoal na cociña, polo que nos derradeiros cursos os escolares xantaban grazas a un servizo de cátering. Ademais, a Anpa reclamou en reiteradas ocasións que se acondicionasen unhas instalacións cada vez más deterioradas. Xa non foi necesario.

O peche do centro non motivou novas protestas, pois quen máis, quen menos, xa o tiña asumido. E os veciños optaron, coma quen di, por porlle ao mal tempo, boa cara. En setembro, tempo de inicio das clases, organizouse una xuntanza á que asistiron antigos alumnos, mestres e persoal non docente, compartindo unha xornada de homenaxe e despedida, un encontro cheo de emocións e de lembranzas, onde varias xeracións de ribeiregos foron, por un día, compañeiros de pupitre.

E por esas casualidades que ten o destino, esta comida de irmandade celebrouse no restaurante Mirador de Barcia, un hotel rural inagurado en 2008 na que fora a casa natal do escritor que lle daba  nome ao colexio, Aníbal Otero.

Nunha localidade na que escasean os nenos —o Instituto Galego de Estatística contabiliza en 2018  22 veciños censados con menos de 16 anos— parece difícil que volva abrir un colexio pechado por falta de matrícula. Unha desfeita, si, pero sen volta atrás, polo que xa naquel 2013 no que quedaba baleiro este céntrico edificio se comezaba a darlle voltas ao uso que podía ter de cara ao futuro. En 2014, o Concello solicitáballe á Consellería de Educación a súa desafectación. 

A alternativa parecía clara. A aposta polo uso social era o camiño a seguir e a meta a alcanzar darlle cobertura e servizos a unha poboación cada vez máis envellecida. O Ige de 2018 di que, dos 543 veciños do municipio, 245 teñen máis de 65 anos.

As instalacións aproveitáronse para organizar comidas de maiores mentres se ía cocendo, lentamente, o proxecto para converter aquelas vellas aulas nun centro de día, e que ese uso puntual para os maiores se convertese nalgo permanente. 

Custou, houbo que esperar, pero finalmente neste 2019, seis anos despois do peche do antigo Ceip Aníbal Otero, o centro de día converteuse en realidade. Ofrece 20 prazas, para as que xa hai 16 solicitudes, e conta con servizo de transporte e de comidas contratados a empresas do municipio.

E aínda pode dar máis de si, posto que xa existe un anteproxeto para acondicionar o que resta do edificio, pois para o centro de día só se usou unha parte, para crear unha residencia de maiores con doce prazas.

E en 2013 tamén pasou...

Abadín 
▷ O Concello recupera ao longo do ano varias fontes cun obradoiro de emprego.

Begonte 
▷ O Mago Antón estrea no  polígono industrial begontés I+D Maxia, un espazo de 800 metros cadrados e con capacidade para acoller a unhas 400 persoas, pensado para deseñar e presentar  espectáculos de ilusionismo.

Castro de Rei 
▷ A mañá do 5 de decembro, un veciño de Castro de Ribeiras de Lea salva de morrer afogado a un sarriao que caera co seu coche ao río Lea. O día 9, os dous reencontranse en Castro.

Cospeito
▷ A Feira do Porco da Ceba celebra en novembro o seu 25º aniversario coa convocatoria da I Semana Gastronómica e a inauguración dun monolito coa lenda ‘De ti... ata os andares’

Guitiriz
▷ O 12 de xaneiro, un acto, no que ademais se homenaxea a Alfonso Blanco como Veciño Necesario, conmemora os 25 anos da resistencia unida de todo o pobo fronte ao transporte dos bidóns do Casón ao campamento militar de Santa Cruz.

Muras 
▷ Absolven aos tres acusados de danar unha área natural protexida cunha canteira da que se extraía pedra para a Cidade da Cultura.

A Pastoriza
▷ O 31 de maio asínase un acordo histórico de deslinde dos montes de Bretoña e Santa María Maior (Pastoriza), que pon fin a un conflito de case un século. Colócanse 22 marcos.

Vilalba
▷ A folga de basura máis longa prolongase durante 25 días nos que se acumulan máis de 350 toneladas lixo. Aféctalle ao Fiv, o concurso de tapas, a Semana Santa e a Feira do Queixo de San Simón.

Xermade
▷ A asociación de veciños de Cabreiros pon en marcha a primeira Invernada de Cine. ‘Elsa & Fred’ foi a primeira proxección.

Meira
▷ O Pedregal de Irimia acolleu un acto de afirmación cultural organizado por varios colectivos e dedicado a Valentín Arias.

Pol 
▷ Sospeitan que un oso destrozou varias colmeas no barrio do Candal, en Lúa. 

As Pontes 
▷ O 14 de novembro explota unha bombona de butano que desfai por completo un segundo piso dun edificio do barrio da Casilla. O inquilino resulta ferido.
 

Adeus a unhas aulas que mudaron netos por avós
Comentarios