BEGONTE

Romaxes vivas de fonda tradición popular

O santuario dos Milagres de Saavedra é o máis representativo, pero non o único dos espazos sagrados do municipio de Begonte aos que acoden os fieis para pedir a mediación divina ante aquilo que os preocupa

Capela de San Vitorio de Damil. C.PÉREZ
photo_camera Capela de San Vitorio de Damil. C.PÉREZ

Poboación
O Concello de Begonte conta con 3.071 veciños censados.
Vista atrás
Hoxe é a capitalidade municipal e o epicentro do concello, pero noutros tempos a parroquia de Begonte non tiña entidade como tal e era un anexo da de Baldomar.
Curiosidades
Begonte, segundo o filólogo e historiador Manuel Vidán, débelle o nome aos lexionarios romanos da tribu de los Vocontii, da conca do Ródano, mentres que o investigador Nicandro Ares cría que pode significar Vinte e que podería aludir á distancia con Lugo. Parroquias como Saavedra e Baamonde derivan de casas nobres.

"LA VIRGEN DE los Milagros te conceda la salud del alma y la salud del cuerpo. Amén". Cada ano, dende tempos inmemoriais, milleiros de fieis acoden ao santuario dos Milagres de Saavedra para poñer o santo e oír estas, ou outras verbas similares, invocando o amparo da santiña no seu devir.

"Creo que a Saavedra vai máis xente hoxe que hai 30 anos, cando eu investiguei sobre os santuarios", di José Manuel Blanco, autor da tese de doutoramento Religiosidad popular en el Municipio de Begonte en 1988, certificando a gran trascendencia que ten esta romaxe begontesa, á que ao longo de todo o mes de maio —o día grande é o 24— centos de persoas peregrinan dende a zona de Vilalba ou de Lugo para pedir os favores da virxe milagreira, cumprindo cos rituais que se manteñen no tempo, aínda que fosen evolucionando co paso dos anos.

A imposición do santo, dar voltas ao redor da igrexa, acender candeas ou facer unha ofrenda —Blanco dá conta de que os fieis ofrecen máis de 400 misas cada ano— son prácticas coñecidas por todos eses devotos, de todas as idades e condicións, que conseguen que a porta da igrexa de Saavedra estea aberta todos os días do ano, un feito pouco común nun templo rural no século XXI.

O fervor que esperta esta virxe begontesa ten unha orixe incerta, aínda que son varias as lendas que lembran eses milagres que lle dan nome, coma a que di que ela fixo que se soltasen as cadeas do señor de Vilaguisada, acusado inxustamente de matar o seu criado, ao pasar ante a Fonte dos Milagres clamando a súa inocencia. Outra di que, pola invasión francesa, estes quixeron entrar a cabalo no santuario, pero unha forza misteriosa non lles deixou.

Das máis populares é a que conta que un 24 de maio houbo un incendio nunha malla —ou na palleira da Casa do Pozo—, cun vento imposible. Entón, os veciños sacaron a Virxe, o vento cambiou de dirección e así puideron apagar o lume.

A devoción á Virxe dos Milagres é unha das mellores mostras de relixiosidade popular que perviven ata hoxe, pero non a única, e en Begonte hai variados exemplos máis destas crenzas que mesturan fe, devoción e tradición secular.

A só uns quilómetros está a capela do San Vitorio de Damil, onde tamén neste mes de maio acoden os romeiros para seguir cumprindo coa tradición dos panos e curar problemas de pel. O costume di que hai que lavar a parte afectada cun pano empapado na auga da fonte e deixalo alí colgado, pois a medida que seque, o mal curará.

"É San Vitorio un santo máis, pero un santo pequeniño, acunado cada noite polas augas do Miño", di unha copla popular que se suma ás diversas lendas que rodean a orixe desta antiga capela. Hai unha que di que a Carballa de San Vitorio se vía dende o alto de Garabolos, servindo de guía para  os que ían desde Lugo á romaxe, e outras que falan de cando o mesmo San Vitorio chegou ao lugar nunha lancha polo río abaixo —o Miño está só a uns metros da capela—, enfermo de sarna, e que pediu, antes de morrer, que alí se lle fixese unha capela. Ou poida ser que curase, como di outra vesión, logo de lavarse na fonte milagreira.

Tamén se lavaban con panos na fonte do San Benito de Baldomar, costume que se perdeu no tempo, aínda que os veciños seguen a avalar as propiedades da auga. Xa non se bendín tampouco os animais, logo de prohibiren levalos. "Por tu corazón bendito, santo del rostro moreno, de todo infernal veneno, líbranos sangre bendito", lembra Blanco que dicía un dos rezos para pedir a intercesión de San Benito de Palermo, o santiño negro.

En cambio, ao San Adrián, que comparte devoción con San Xiao en Carballido (Pacios), había o costume de pasarlle un coitelo de madeira para logo pasalo pola parte doente do corpo pola que se pedía.

O Santo Antón de Denune, a Virxe de Luján de Trobo, chegada dende a Arxentina; a capela da Natividade de Ximarás, en Cerdeiras, onde están enterrados os Condes de Monterroso; a Virxe das Dores das Carpaciñas de Uriz; o San Andrés de Gaibor, a Santa Lucía do Castro e de Gaibor son mostras aínda vivas da relevancia que a relixiosidade popular ten en Begonte, onde tamén se conservan varios esmoleiros, coidados polos veciños, para recadar fondos para estas festividades.

E hai tamén outra capeliña, visita obrigada de peregrinos de todo o mundo, tallada no interior dunha árbore polas máxicas mans do artista internacional Víctor Corral para salvar o que é o emblema dun concello e dun pobo, o Castiñeiro Milenario de Baamonde.

CO OLLO ABERTO
Belén electrónico. O Nadal Chairego abre e pecha con este lonxevo nacemento que recrea o rural galego. Din que por moitas veces que se vexa sempre se descubre algo novo.
Víctor Corral. Moito que ver dá a inxente colección de creacións que garda a casa museo do artista de Baamonde.
Clubs fluviais. O de Begonte e o de Baamonde son parada obrigada no verán.
CANCIONEIRO
Adrián Vigo. O músico de Pacios xa conta con dous discos: Profunda amistad e Reflejos.
Foliadeir@s do Castro. Grupo residente das foliadas que se celebran na Casa do Pobo da parroquia do Castro.
Festival 27373. No club fluvial de Begonte, en agosto.
POR ESCRITO
David Corral. Este mestre xubilado é autor de sendas obras sobre as parroquias de Trobo e de Gaibor e doutra sobre os sindicatos agrarios desta última.
CON MOITO GUSTO
De pota madre. Xoán Corral converteu o seu café, e algún outro dos seus pratos, coma os mexillóns, nun mito.
Cocido. É tradición dende hai décadas ir comer o cocido ao Labrego e o Galicia, e nos últimos anos, tamén á Taberna do Labrego.
Casa Varela. Este local de Damil é o rei das tapas, logo de gañar case todas as edicións do concurso do municipio.
Mel e cervexa. Algúns dos socios da asociación cultural Castiñeiro Milenario elaboran e comercializan estes manxares para colaborar coa entidade.
PARA SENTIR
Pozo do Ollo. Desta fermosa lagoa dise que serviu de foxo para os franceses derrotados, que nela viven tres irmás encantadas ou que caeron animais dos que nunca nada se soubo. Nin sete adibais atados a un pote de ferro cheo de coios chegaron para atoparlle o fondo.
En batuxo. Hai uns anos en Begonte recuperáronse varias destas barcas coas que antes se navegaban os ríos chairegos. Os propios batuxeiros contaron as súas experiencias.
CANTO CONTO
Fonte da Perdiz. Dous rapaces da casa de Fro viñan de ver dúas mozas, preto desta fonte de Santalla de Pena, sentiron unha cousa rara e pensaron que sería un encanto. Resultou ser un can cun axóuxere do que ninguén sabía nada. E ao ir á fonte, só eles podían oír música. Eles mesmos dicían que estaban encantados.
Castro de Donalbai. Do castro saíron tres irmáns, Grandeu, Albai e Senén e cada un deulle nome a un barrio: Dongrandeu, Donalbai e Senande.

Comentarios