CASTRO DE REI

As raíces reivindicativas beben da tribo maldita

Feiticeiros, adiviños ou curandeiros, o imaxinario colectivo converteu aos antigos habitantes da Chaira nun emblema cultural. Hai libros ou grupos de música e de teatro que perpetúan o nome dos valuros 

O río Miño, ao seu paso por Bazar. CRISTINA ARIAS
photo_camera O río Miño, ao seu paso por Bazar. CRISTINA ARIAS

Poboación
Castro de Rei roza os 5.000 habitantes, con 5.013 en concreto, segundo os últimos datos do Ige. 
Vista atrás 
En 1971 o corazón de Castro de Rei foi declarado conxunto histórico e paraxe pintoresca. Do seu castelo, levantado no S. XVI, só queda o escudo e algúns restos das murallas. 
Curiosidades
Algúns autores sitúan a orixe do emperador romano Teodosio I o Grande (347-395) na parroquia de Coea, mais outros aseguran que só é unha bonita historia. 

PECHA OS OLLOS. Cal é a imaxe que aparece se escoitas a palabra Valuria? Cal sería a fotografía? "Cidades lacustres da Chá/ en palafitas isoladas da auga/ que as lendas mergulla./ Raza maldita,/ ancestra da nosa identidade./ Aroma que se respira nos ollos dos anciáns,/ tan azuis como a bandeira/ ou a auga nas enchentes da ribeira aldeá", responden os versos de Valuria, de Xosé Otero Canto. 

Non quedan palafitos de madeira na Chaira. Si auga. E planicies. Quilómetros que un día foron lagoa hoxe son verdes e infinitos campos. Tamén quedan historias, e memoria, nun concello no que o pasado se mestura co presente, con saltos á prehistoria a través de numerosos castros, á epoca romana na ponte de Duarría ou ao Medievo, entre as pedras. 

Pero a tribo maldita, pese a ter unha fonda pegada no imaxinario colectivo e na intrahistoria da comarca, é un misterio, como a súa propia grafía —hai tanto descaordo entre o b ou o v que cada un escolle ao seu antollo—. 

"Non foron os baluros, como algúns autores pretendían, os últimos herdeiros dos adoradores de Baal, deus fenicio-púnico, pero si unha casta ou un grupo social probablemente vinculado ao comercio ou a outros oficios ambulantes, como tratantes de gando ou mercachifles que adquiriron entre o común da poboación unha certa sona, sona certa, de magos ou feiticeiros, adiviños, curandeiros ou falsos médicos", explica o exdirector do castro de Viladonga, Felipe Arias, que recorda que esa etnia, noutrora "mal mirada" chegou a ter problemas coa Igrexa católica nos séculos XVII e XVIII. 

Non se coñece a súa orixe real nin apenas a súa historia ou que foi deles e hai moitas lendas ao redor da súa figura, como que pedían esmola para "as once mil virxes e once mil cantantes que con medio corpo na auga e medio fóra cantan noite e día na lagoa de Caque", que segundo explica José Villa-amil y Castro no libro ‘Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia’ eran en realidade ras nun dos humedais que quedan. 

A auga, a paisaxe habitual na Chaira, foi deixando espazo á terra. E co tempo, a finais do século XX, a idea dos valuros comenzou a cambiar ata converterse na base da identidade dun pobo que se enorgullece do seu pasado.

"Este compoñente máis ben pexorativo foi revertendo nunha connotación favorable, afortunada e sabiamente razoada a favor duns caracteres propios, positivos", remarca Felipe Arias.

Xosé Manuel Carballo, o máis valuro dos valuros, foi dos impulsores do cambio. En 1978 organizou a primeira Festa da Mocidade Balura, un canto á cultura que recolleu un grande éxito, e nesa década bautizou co nome da tribo maldita a un pequeno grupo de teatro que aínda se mantén sobre as táboas. 

"Non sei cando escoitei a palabra por primera vez, pero gustoume porque era sonora e os veciños sentíronse identificados", explicaba el. O nome empezou a ter outra imaxe. 

"É un orgullo levar o nome, son as nosas orixes, fundadores da Terra Chá", di Araceli Galán, integrante dun grupo de teatro que hoxe suma once membros. "Eran feirantes e é un pouco a liña que seguimos nós, que imos de concello en concello para chegar ao público. A nosa misión é conectar coa xente do rural", di, mentres indica que coa primeira obra fixeron máis de cen representacións por media Galicia. 

E dos Baluros con b chegaron os Valuros con v, os de música, hai 27 anos. "Preguntar pregunta todo o mundo polo nome. Fóra e tamén en Galicia, hai moita xente que non ten nin idea de quen eran, incluso aquí. Eu para abreviar sempre digo que eran antigos poboadores de Castro de Rei", di Ana Canto, a presidenta dun grupo de música polo que pasaron varios centos de persoas e que levou o nome da tribo maldita e de Castro de Rei fóra de tódalas fronteiras. 

"O lugar máis lonxano foi París, buscara a actuación Carballo, pero fomos por toda España e tamén a Portugal e sacamos un disco co título de Valuria cando cumprimos 25 anos", engade Ana. Ela e o seu fillo son os únicos que seguen no grupo dende o primeiro día. E que implica ser valuro, polo menos musical? "Para min, todo. Xa non podería vivir sen selo", di. 

Porque ser valuro é motivo de orgullo, de raíces, de cultura. Así, teñen o título de honra varios persoeiros como Xosé Otero Canto, o artista Anxo Lamas ou o párroco Isaac Rielo. Xavier Rodríguez, o actual cura de Castro de Rei, ostenta o de adoptivo. 

CO OLLO ABERTO
A princesiña troita. No lugar de Couto de A, en Ramil, hai unha fonte na que din que se pode chegar a ver unha troita que en realidade é unha princesiña moura encantada. Haberá quen a desencante?
CANCIONEIRO
Os Valuros. Os seus ritmos póñenlle banda sonora a moitos dos actos que se organizan no concello e levan fóra o seu nome. 
por escrito
Valuria. Poemario de Xosé Otero Canto, con ilustracións de Anxo Grande Penela. 
‘Don Otto de Viaxe pola Chaira’ ▷ Un arqueólogo alemán e a súa dona viaxan pola Terra Chá e atopan unha terra habitada por xentes herdeiras de moitos séculos de historia que narra Xosé Manuel Carballo. 
Croa. Ana Rubiero, Carolina Pérez y Gloria Abelleira fixeron entrevistas para recoller patrimonio oral, que publicaron na revista de Amigos do Museo de Viladonga. Destacan "a importancia que ten que a xente se anime a contar historias para poder difundir os seus saberes".
CON MOITO GUSTO 
Galiña de Mos. A cría desta ave, que agora Avimós trata de recuperar, é ancestral. "De aquí colleu o nome porque un veciño tiña ovos que se utilizaron para recuperar esta raza", di o presidente, Francisco Monasterio. 
PARA SENTIR
Entroido de Val de Francos. O meco ten en Castro de Rei un longo pasado. Hai máis dun século as máscaras xa se reunían e dende 1992 Ansemar, Balmonte e Goberno únense nun día no que aínda se mantén o sermón e a queima. 
Os Baluros. O teatro ten longa historia en Castro de Rei. O grupo máis antigo é Os Baluros. Alguén viu unha obra? 
Monte da Escrita. Algúns historiadores identificábano co Monte Medulio. Na súa cima foi contruído un monumento ao Sagrado Corazón (1931) e máis tarde un vía crucis.
CANTO CONTO
Mouros e tesouros. Son moitos os lugares con lendas de seres míticos e tesouros: a galiña dos pitos de ouro no castro de Ameixende ou os caldeiros de ouro cos que se levaba a auga no castro de Duarría. En Viladonga hai varias, como a da trabe de ouro enterrada na cova ou a do torques que atopou unha vaca. 
Lenda ou realidade? Deu pé a moitas historias pero a súa explicación é unha realidade botánica. Na cova situada no antecastro en Viladonga hai un musgo luminoso: é unha especie en perigo de extinción: schistostega pennata
A vella de Triabá. Conta a lenda que tres homes queimaron a unha vella nun forno en Triabá, pero esta antes botoulle unha maldición a un deles. Tempo despois volveu para levalo ao inferno. Apareceu morto dun golpe, pero os médicos descubriron que estaba baleiro por dentro. 

 

Comentarios