Pasatempos de sempre, divertimentos sen idade

Varias entidades e persoas levan anos a recoler xogos populares e dándolles difusión entre pequenos e mariones en diversas xornadas 

Xornada de xogos tradicionais no Ceip Mato Vizos de Vilalba a cargo de Xotramu. C.PÉREZ
photo_camera Xornada de xogos tradicionais no Ceip Mato Vizos de Vilalba a cargo de Xotramu. C.PÉREZ

Dende tempos inmemoriais, o traballo sempre requeriu dun tempo de lecer. As antigas civilizacións dispuñan xa dunha gran variedade de xogos, moitos deles non moi diferentes dos que chegaron ata o día de hoxe. En Galicia son diversas as iniciativas que documentan os xogos dos antergos, todas elas vivas practicamente ata onte, historicamente falando, cando a gran revolución tecnolóxica mudou, tamén, as formas de divertimento.

 Os xogos e os xoguetes cotiáns dos avós son hoxe, con contadas excepcións, pezas de museo, protagonistas de xornadas de conservación da memoria no canto de pasatempos de diario. Mais hai persoas e colectivos que traballan por conservalos, poñelos en valor e difundilos. 

Un dos pioneiros na Terra Chá na conservación deste patrimonio miúdo pero vital é o mestre xubilado Mario Saavedra, do club de bolos O Cadaval de Pacios (Castro de Rei), quen leva máis de 30 anos documentando máis dun cento de xogos. "Desde cativo sempre me gustaron os xogos e a creatividade e ao estudar os cruceiros —forma parte do grupo Carboeira— tamén aproveitei para preguntar polos xogos", lembra sobre un traballo de recollida que xa iniciara na súa etapa como docente en Tui, nos anos 70 e 80.

"Antes non se compraban xoguetes, valíaste por ti mesmo, pero hoxe todo vén da tenda", di, e bota a vista atrás lembrando os usos alternativos da cana, das noces, das carozas ou das espigas de millo, presentes agora só en obradoiros de elaboración de xoguetes tradicionais ou de instrumentos con elementos naturais, outra das tradicións que esmorece, vítima da evolución e do despoboamento rural.

"Recollín por toda Galicia, aproveitaba moito nos colexios, preguntándolles aos nenos como xogaban os seus pais", precisa. Con esta visión global afirma que todas estas prácticas lúdicas "son universais con variantes". E pon como exemplo O Chino, "un xogo no que tes tres fichas de distinto tamaño para encestar nun recipiente, e que é case de todo o mundo". 

Outras son mostras dunha creatividade que convertía o traballo en xogo, coma o Zurriagazo ou Zambombazo, unha pelexa con sacos que recrea as que se facían na sega con mollos, subidos a un valado. "O que caía, facía o traballo", di Mario. O Nabo —"facíase moito cando se lle cocía comida ao porcos. As avoas usábano para entreter os pequenos"— ou o Lanzamento de Boina —"nas mallas lanzábaselle ao que estaba no alto do palleiro, nun descanso, co pitillo e o chisqueiro no ‘dobladillo’"— son outros exemplos de prácticas hoxe desaparecidas.

O Cadaval e Xotramu son hoxe  mestres do xogo ambulante. Percorren colexios, festas e celebracións varias

Máis algo queda, e o labor do Cadaval ao que na última década se sumou o colectivo Xotramu (Xogos Tradicionais Muimenta) comeza a dar froitos, "porque cada vez ves máis xente que se preocupa e teñen presenza nas festas e nas xuntanzas", di Kiko Darriba, vicepresidente da entidade e cuxa afección por facer aros ou tirapedras iniciaba "case de broma" unha andaina que levou a Xotramu a percorrer Galicia. 

"Comezamos falando coa xente dos arredores e acabamos chegando a Carballeda de Avia e descubrindo a Bugalliña, que só se xoga entre mulleres, ou a Mazaricos para atopar a Marqueta, xurdida das bromas de tirarlle pedras aos marcos das fincas", lembra, destacando a importancia destas iniciativas "para que non se perda a sabedoría que nos pasaron os nosos avós. Se a deixásemos morrer sería unha mágoa, porque é unha cousa nosa e porque cando pos a xogar os pequenos botan a tarde, fan exercicio e non se acordan dos xogos estáticos".

Entre os seus máis de 100 xogos teñen un oco para os que eran típicos de Muimenta, coma as escopetas de madeira que disparaban corchos. "O costume era poñelas bonitas, pintalas e decoralas con ‘tachuelas’", precisa. O obxectivo, neses anos 60 que hoxe parecen tan lonxanos, era presumir diante dos ‘colegas’.

O Cadaval e Xotramu son hoxe  mestres do xogo ambulante. Percorren colexios, festas e celebracións varias para espertar os recordos duns e descubrirlles a outros que hai vida máis alá das pilas e dos enchufes. E o seu labor ata comeza a ter herdeiros, coma o polense Miguel Vingolea, defensor destas prácticas, porque "fomentan as relacións persoais, moitos son colectivos e divertidos", e que el desenvolve aquí e acolá, coma nos campamentos Mochilín que organiza no verán en Meira e no colexio Anexa de Lugo.

Citas para xogar
Xotramu non só impulsou unha recollida de xogos, senón que puxo en marcha o seu propio encontro. O primeiro sábado de xuño o recinto Manuel Vila convértese na capital do xogo de Galicia dende hai xa unha década. Tamén as Xornadas Interxeracionais de Cabreiros deixaron un espazo reservado ao xogo dende os seus inicios. 

Comentarios