jueves. 02.07.2020 |
El tiempo
jueves. 02.07.2020
El tiempo

Entre tesouros invisibles

Museo etnográfico e pedagóxico de Fernando Villapol en Bretoña, na Pastoriza. MARTA MANCEBO
Museo etnográfico e pedagóxico de Fernando Villapol en Bretoña, na Pastoriza. MARTA MANCEBO

Varios museos, tenográficos ou pedagóxicos, encárganse de protexer a tradición e a cultura popular na zona. Como se se tratase de importnates cofres, gardan baixo chave pezas de pouco valor económico reconvertidas en xoias fundamentais para facer funcionar esas engranaxes que fan posible que os pobos non perdan a súa memoria 

Coma os cofres dos tesouros, todos os museos gardan obxectos de gran valor. Algúns pódense tocar, ver, acariciar, noutros case ulir o paso do tempo. Pero algúns dos tesouros son invisibles. Non por iso non existen. Son os antigos costumes, a tradición, os hábitos, a forma de traballar, de xuntarse, de festexar, de contar... desas xentes que xa non están, persoas anónimas que non saen nos libros de historia pero que axudaron a creala e a contala. E falan a través das súas ferramentas, dos apeiros de labranza ou dos obxectos máis cotiáns, cousas sen apenas valor económico, pero pezas fundamentais nas engrenaxes que fan non perder a memoria.   

Varios museos etnográficos e pedagóxicos de Terra Chá e das Pontes gardan baixo chave eses tesouros do pasado que non volve. Pero a fechadura está aberta sempre para quen queira retroceder no tempo, conectar coa historia. 

Museo etnográfico Monte Caxado das Pontes. CRISTINA ARIASO Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes naceu en1985 da man de José María López Ferro, hoxe presidente da fundación que o xestionará cando abra as súas portas nun novo espazo, no antigo barrio da vila. «Eu viña do colexio da Capela e alí tiñan un museo e parecíame interesante a idea, porque nesta zona non había e estábase a perder moito patrimonio por culpa da industrialización», explica. Durante máis de dúas décadas recolléronse pezas doadas por estudantes, familiares e veciños. Hoxe son máis de 4.000 as que compoñen o museo, divididas por oficios e quefaceres, labranza, fogar, xogos, indumentaria ou útiles persoais, dende gafas e chisqueiros a moedas ou billetes. 

"O museo é importante porque se está recollendo un material que se non se recolle estrágase, pérdese. E é un museo activo. Explícanse os procesos que se facían, hai unha transmisión". Ese patrimonio invisible que se mantén vivo. "É algo que se perde, incluso para as novas xeracións algunhas cousas xa son descoñecidas", indica o presidente da fundación, que fala doutro dos grandes tesouros dese cofre, unhas 2.000 fotografías que retratan o pasado. 

Museo etnográfico e pedagóxico de Fernando Villapol en Bretoña, A Pastoriza. MARTA MACEBO Outra das grandes xoias do pasado recente da Terra Chá atópase en Bretoña, na Pastoriza, onde Fernando Villapol deu forma a un museo etnográfico e pedagóxico cheo de saltos no tempo.  
Neste cofre as obras de arte contemporáneas de Lugrís ou Laxeiro mestúranse con tesouros doutros tempos. Os zoqueiros e zapateiros traballan entre apeiros de labranza, unha antiga lareira, os instrumentos dun médico rural, un dentista ou un químico, pezas ás que se suman manuscritos orixinais de Otero Pedrayo, Vicente Risco, Bouza Brey ou Iglesia Alvariño, entre outros moitos, ou unha colección de 2.000 sifóns. 

"A idea do museo naceu porque son amante de respectar e de coidar o noso pasado. E o obxectivo é transmitir a nosa historia aos que veñan despois. Hai xente que pensa que caeron as ideas dunha nave espacial en Goá ou EE.UU., pero é un proceso evolutivo, permanente", explicaVillapol, un loitador incansable da memoria viva. 

Museo etnográfico de Arcos de Frades, en Pol. MARÍA ROCA Tamén hai tesouros en Pol. A oferta museística sobre a etnografía galega ten un lugar reservado en Arcos de Frades, onde a familia Rielo Carballo promoveu na década de 1940 unha ampla exposición no edificio que fora antes escola. Afiadores, zoqueiros, carpinteiros... están representados entre ducias de obxectos que levan cada visitante a un lugar concreto da súa memoria, unha viaxe persoal a través do tempo. 

A escola é un espazo recorrente entre os tesouros ben gardados dos museos. No etnográfico de Monte Caxado, nas Pontes, e no de Villapol, en Bretoña, hai cadanseu lugar reservado á recreación dos tempos dos antigos pupitres, unha temática que algúns museos elixiron como monográfica ou primeiro paso na súa evolución. 

Museo Pedagóxico de Muimenta. EP O Museo Pedagóxico de Muimenta abriu as súas portas en  2012 co obxectivo de recuperar o pasado e mostrar ás novas xeracións a realidade de hai só algunhas décadas. "Algúns non coñecen a precariedade na que se puideron preparar os seus pais e outros cren que sempre existiu unha escola pública e non se imaxinan os lugares inhóspitos nos que se situaban", di Manolo Vila, o presidente da asociación Xotramu. 

"A de Muimenta foi unha das primeiras escolas que se fixeron na Terra Chá en local propio. Foi construída polos veciños e xa que tiveron esa sensibilidade queriamos aproveitala", di. A escola funcionou entre 1965 e 1904 e había mestres de ferrado, "pagados polos pais en gran: un ferrado por cada alumno e tempada", recorda. 

Museo da emigración de Santaballa. EP As plumas e os tinteiros, as pizarras e os pupitres onde nenas e nenos aprenderon a ler, a escribir ou a situar a súa casa no mapa foron os protagonistas e a primeira peza do Museo da Emigración de Santaballa, en Vilalba. 

"A aula montouse para o centenario da Liga, en 2007, e con posterioridade foise facendo o resto, é un museo en continua evolución", explica Isidro Cillero, presidente da Liga, que incide en que non é unha recreación da escola, senón a orixinal. "Todo o material era o que había", di, e fala da evolución do museo, que se completou coa casa do mestre —a vivenda conta cun dormitorio, unha cociña e un despacho—, á que se sumou unha sala de xuntas ou un apartado adicado ás fotos antigas. 

"O noso obxectivo é poñer en valor e dar a coñecer esa emigración de principios de século que é tan importante para Santaballa e Galicia en xeral. Na Habana naceu a bandeira, o himno galego ou a Real Academia Galega. Son anos fundamentais para a nosa historia", destaca.  

Entre as opcións posibles, hai outros moitos tesouros para descubrir e cofres que abrir. O artista Víctor Corral baseouse no cotián para dar vida ás súas primeiras pezas, obras de arte que expón na súa casa-museo de Baamonde dende 1971, e Xosé Manuel Ribeira abriu hai cinco anos nas Pontes O Comezo das Cousas, un museo do xoguete para aprender ciencia ou as posibilidades de crear diversión como antano, e con pouco facer moito. 

Entre tesouros invisibles
Comentarios