sábado. 30.05.2020 |
El tiempo
sábado. 30.05.2020
El tiempo

Custodios do pasado: mil e unha formas de manter viva a memoria

Vista do cemiterio de Román, en Vilalba. C.PÉREZ
Vista do cemiterio de Román, en Vilalba. C.PÉREZ

Polafías, encontros e xornadas, programas de radio, traballos para clase ou premios de investigación. Estas son algunhas das iniciativas desenvolvidas nas comarcas de Terra Chá, Meira e As Pontes para protexer e salvagardar as vivencias dos que van deixando atrás os recordos 

Cantas historias desapareceron xa? Cantos recordos se borraron do mapa? Como se loita contra o esquecemento? Asociacións e colectivos da comarca de Terra Chá, Meira e As Pontes levan anos dando respostas, promovendo mil e unha formas de manter viva a memoria que non está escrita nos libros. Convertidos en custodios do pasado loitan para que nada se esqueza, co obxectivo de salvagardar o que as agullas do reloxo levan. Estas son algunhas —non todas— das iniciativas. 

Algunhas céntranse na palabra, outras na imaxe. O Iescha organiza dende hai anos a exposición Tal como eramos —van oito mostras en Vilalba e catro en Guitiriz— dun arquivo de máis de 14.000 fotografías, a maioría cedidas polos veciños, que reflicten a evolución do mundo máis cercano. Pero non é o único. 

O Concello pontés trata de manter vivos os recordos, individuais e colectivos, con Daquela As Pontes, un proxecto que xa documentou e dixitalizou —están publicadas nunha web propia— máis de medio milleiro de fotografías e o Museo Etnográfico Monte Caxado garda máis de 2.000. 

A asociación cultural Gaia e Ricardo Lamela iniciaron hai un ano unha colaboración que ten como fin pór en marcha un gran álbum dixital no que se vaia recollendo, para a posteridade, a historia de Castro de Ribeiras de Lea, e foron moitas as asociacións veciñais, como a de Cabreiros (Xermade) ou Santaballa (Vilalba), que apostaron por gardar as testemuñas gráficas do seu pasado. Tamén en vídeo, e gravaron documentais de tempos pasados. 

O Iescha organiza dende hai anos a exposición Tal como eramos, unha recuperación da memoria en fotos como Daquela As Pontes ou o proxecto Castro na Memoria 

Recoller palabras, non só imaxes, é outra das grandes loitas dos que buscan custodiar a memoria. En publicacións en papel, como a revista de historia de Hume, o Caderno de Estudos Chairegos do Iescha, o Guieiros de Xermolos ou Croa, de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, ou noutros formatos.  

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), gardiá de gardianes, impulsa dende hai anos as polafías, xuntanzas como as de antano, aínda que sexan lonxe da lareira, para contar os contos de sempre. Van máis de 30 e tres delas foron aquí: Cabreiros, en 2009; Santaballa, en 2012, e As Pontes, o ano pasado, cando se presentou outro exercicio de memoria co documental Pedrón do Freixo. Unha historia da terra das Pontes, un traballo argallado por Ángel Cordero e Alfredo Varela e que demostra que os anónimos como José María Tojeiro poden ser protagonistas e lenda. 

A Asociación de Escritores en Linga Galega organizou tres polafías na zona (Cabreiros, Santaballa e As Pontes) e nomeou Mestres da Memoria a Mini e Mero, Elba Requeijo, Ángel Rivas e Josefa Arias

Coma outros moitos. Ducias de veciños da zona viaxaron nas polafías entre os recordos para sacalos do máis profundo e lanzalos ao futuro: a web da AELG conservará para sempre nos mundos de internet historias, contos, refráns, coplas, lendas e mitos locais. Así como o perfil dos que un día nomeou Mestres da Memoria ou, como di a Unesco, "tesouros humanos". O título téñeno os cantautores chairegos Mini e Mero; a abadinesa Elba Requeijo, fonte de romances, parrafeos e contos; igual que Ángel Rivas, nado na Pontenova pero casado na Pastoriza, e a santaballesa Josefa Arias, que mantivo viva parte da obra do seu tío, o poeta Caetano Arias. 

Aí, en internet, moitos ven a chave máxica contra a desmemoria e o olvido. "Temos que difundir polas vías que temos. Nós usamos a radio como medio pero despois publicamos os podcast na rede e están dispoñibles para todo o mundo, para que dentro de cen ou 200 anos, esperemos, se poida recordar ao quedar recollido noutro formato, máis imperecedoiro que un libro", di o documentalista pontés Xosé María López, que xunto ao historiador Lois Gómez lanza o patrimonio oral ás ondas cada 15 días a través da radio local das Pontes e o programa A Lareira das Mouras. "Levamos 13 e esperamos facer 15 cada tempada", di, mentres fala sobre minutos de voces que gardan anos, ou quizais séculos, de transmisión oral. 

Algo similar fan en Cabreiros Sergio Pascual e Lucía Abarrategui, responsables dun laboratorio de radio itinerante polas parroquias que xermolou dentro das Xornadas Interxeracionais Rurais, lugar de encontro de pasado e presente a través de anos de iniciativas —inclúen sempre un espazo para recuperación de antigos xogos—. É o mesmo espazo no que naceron as Invernadas de Cine, lugares de reunión que buscan recuperar as xuntanzas de antes, actualizadas aos tempos de agora, para dinamizar o rural entre contos e películas nas longas tardes de inverno. 

"A experiencia está sendo moi boa. Estamos aprendendo moito todos de todos, é moi bonito poder reunir distintas xeracións arredor dun micro e é moi importante para salvagardar o patrimonio inmaterial. Recollemos cancións populares, costumes, historias sobre a emigración... A idea é facer ver que todos temos algo que contar", indican os promotores desta iniciativa nas ondas. 

Coa mesma filosofía, a de que cada un ten a súa propia historia que contar, nacen moitos dos proxectos da Uned Sénior Terra Chá-Eume, como en La vida de antes, que recolle nun blog as experiencias de vida dos alumnos. "Ahora tenemos los libros vivientes, pero no los tendremos siempre", di o coordinador da Uned Sénior, Luis Rodríguez Patiño que fala da importancia de conservar a memoria histórica dos maiores. "Son actores de su propia historia", apunta, mentres enumera documentais, recuperación de oficios, xogos ou excursións da man do historiador Felipe Senén por Galicia na procura de que a viaxe non só sexa física, senón tamén para remover recordos. 

Porque algunhas propostas, como esa, teñen a capacidade de converterse en máquinas do tempo. O Concello de Xermade, en colaboración coa asociación de veciños de Cabreiros e a facultade de Ciencias da Educación, organiza dende hai anos o Premio Xermade na Historia para poñer en valor a historia do municipio. Algo similar ao que fai a asociación de estudos históricos Hume nas Pontes, cun premio de investigación que cumprirá tres anos.

As festas como viaxes no tempo
As festas, feiras e celebracións tamén poden ser salvagarda da tradición e da cultura. Aí está Pardiñas, o festival folk máis lonxevo, ou a Romaría Labrega da Chaira, tamén en Guitiriz. Son citas que afianzan raíces e miran cara o pasado co obxectivo de encher o futuro de sabedoría popular. Pero non son as únicas viaxes no tempo. A Tasca de Insua, en Vilalba; a Festa do Emigrante, en Pol; os Encontros de Torneiros, en Xermade; a Moexmu de Muimenta ou as distintas mallas —a de Meira é Festa de Interese Turístico— son un salto no tempo, que pode chegar moito máis atrás con outras propostas como a Festa Indiana, de Santaballa, ou a Cita coa Historia, nas Pontes. Ás citas temáticas súmanse as festas gastronómicas e as patronais dos concellos, dos barrios, das aldeas... así como as romarías e as xiras que manteñen vivos os costumes. 

Custodios do pasado: mil e unha formas de manter viva a memoria
Comentarios