Coñecer a esencia do universo da man de bibliotecas humanas

Hai persoas e colectivos que levan décadas a traballar arreo para que as xeracións do mañá coñezan e valoren ese "compendio de sabedoría" que é a tradición oral galega e a cultura popular que a acompaña, un patrimonio que na Chaira conta coa súa propia identidade

Músicos na Festa da Fala, en Guitiriz. C.PÉREZ
photo_camera Músicos na Festa da Fala, en Guitiriz. C.PÉREZ

Falar de tradición oral ou de cultura popular conleva un punto nostálxico. "Cada vez que morre un vello, desaparece unha biblioteca", dise, como querendo pór de manifesto ese "compendio de sabedoría onde se atopa a nosa esencia", como di Xosé Luis Rivas Cruz, Mini. "É un tesouro do que é realmente importante saber", engade Mero Iglesias, sobre todo en tempos de grandes cambios, nos que cada un deses recordos de valor inestimable se escapa coma a area das mans se non se poñen os medios para preservalo coma a riqueza que é. 

"É moito máis importante salvagadar a cultura inmaterial, oral, que todos os castros e edificios que houbese, porque cando iso se perde, xa non hai como recuperalo", lembra Mero que lle dicía sempre Xaquín Lorenzo, Xocas. E fíxolle caso. Aproveitou as súas dúas facetas profesionais, a de músico e a de mestre para recoller as distintas manifestacións da cultura popular da súa Chaira de orixe e tamén do resto de Galicia, un labor de décadas, compartido con Mini en moitos momentos.

O froito dese inxente traballo gárdase agora no Museo do Pobo Galego, ao que doaron o seu inconmensurable arquivo, fonte fundamental para a posta en marcha do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (Apoi). Neste xa se pode acceder a unha breve escolma desas gravacións, aínda que o groso delas está a agardar, quen sabe se anos, a que lle chegue o seu momento.

Mini e Mero doaron o seu  inconmensurable arquivo ao Museo do Pobo Galego, fonte fundamental para a posta en marcha do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade

"Canto máis saibamos do noso pasado mellor poderemos prognosticar o noso futuro", asegura Mero, reclamando unha maior implicación das administracións para preservar manifestacións que en si mesmas constitúen "un estudo da realidade" e que deben "dignificarse".

Porque todas esas lendas, contos, adiviñas, cantigas, ditos, chistes, oracións... transmitidos de boca a orella, axudaron a moitas xeracións, nunha auténtica «simbiose de ser humano e territorio», a configurar «o verdadeiro coñecemento do universo, de primeira man», afirma Mini. 

E é que como di Antonio Reigosa, outro dos grandes investigadores da tradición oral galega, "na memoria da xente sobrevive aquilo que ten significado, ao que as novas xeracións non lle atopan utilidade, perde vixencia". Sobre todo nun tempo no que os soportes de transmisión da cultura están a mudar rapidamente, aínda que o trasfondo sexa o mesmo.

"O que non vai cambiar nunca é o arquetipo, porque non cambiaron as preocupacións", apunta Reigosa sobre esa "cultura dita", á que se refire Mero, que servía para educar, para trasmitar valores, para ofrecer unha visión do mundo propia de cada lugar.

Esa idea tívoa tamén hai xa máis de dúas décadas o Grupo Chaira, integrado polo propio Reigosa e por Xoán Ramiro Cuba, Mercedes Salvador e Ofelia Carnero. En 1992 uniron forzas cunha axuda da daquela Dirección Xeral de Etnografía co obxectivo de facer «un inventario exhaustivo» da literatura oral da Terra Chá.

Antonio Reigosa, Xoán Ramiro Cuba, Mercedes Salvador e Ofelia Carnero uniron forzas en 1992 para crear o Grupo Chaira 

"Foi traballoso pero fantástico", lembra Reigosa dunha época na que percorreron Abadín, Begonte e Vilalba, recollendo "gravacións de todo tipo. Temos sobre patrimonio, coplas, refráns, aínda que o forte son as lendas e contos e o romanceiro".

A achega que posibilitaba este traballo desapareceu, polo que, tras sete anos de labor, pararon, deixando a meirande parte daquel material gardado nun caixón. "Está publicado un 1%, pero o fundamental está inédito", precisa Reigosa, que logo desta experiencia poñía en marcha un proxecto persoal para sacarlle partido á ferramenta do século XXI, internet. Na web Galicia Encantada poden consultarse centos de exemplos e de referencias que contribúen a conservar esa "cultura popular que é un valor vivo". 

E o mesmo fai como director da sección de literatura oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega, coa que xa ten desenvolvido diversas iniciativas na Terra Chá, unha zona que conta cunha "mostra interesante de literatura e de música popular". 

"Debemos coidar como un prezado tesouro as cantigas, os contos e os ditos que permanecen na memoria dos nosos maiores. Toda esa riqueza que foi pasando de xeración en xeración constituíu un elemento trascendental para que o noso idioma dese sobrevivido en épocas tan negativas para el como foron os séculos escuros ou os anos da ditadura", destacaba hai só uns días o filólogo Xesús Bermúdez Tellado no seu pregón dunha xornada das Letras Galegas en Pol, unindo a súa voz á dos veteranos valedores desa cultura "viva e activa que, se non se usa, pérdese", conclúe Reigosa. 

Ese é o risco que detecta Mini no presente: "Ese mundo que coñecimos está a ser transformado, está a desaparecer. A desagrarización leva á morte do rural se non lle valemos a tempo", incidindo unha vez máis na "necesidade de conservalo e de aprender del" para que non se perda.

"Vía que se estaban perdendo e quixen contribuír a conservar as tradicións", explica outro dos que está a pór medios para frear a tendencia, o fotógrafo chairego Hixinio Flores. Co seu obxectivo leva inmortalizado e amosado numerosos aspectos da cultura popular galega, dende os espantallos aos oficios de sempre. "Recollo de todo e colaboro con todo o que se interese", explica, adiantado que está a traballar arredor da tradición oleira xunto a Orlando Viveiro, outra desas persoas que coa súa pluma procura conservar as cousas de onte para o mañá. 

Será que, como di Mero, "os contos son para ser contandos", citando unha vez máis a Xocas: "Neniño, non pares de recoller, esa cultura é o noso fundamento". E será, como di Mini, que "o Manuel María tiña razón": "A Terra Chá ten personalidade propia". E cada concello tamén.

Grupo Carboeira: 437 cruceiros catalogados 
Os etnógrafos Fernando Arribas e José Manuel Blanco, logo da curiosidade deste último por saber máis do Cristo Enxoito xermadés, comezaban en 1992 unha andaina conxunta, á que se sumaría Mario Saavedra, que xa fixera pola súa conta un pequeno estudo na Pastoriza, que os levou a inventariar, publicando varios libros e estudos, 437 cruceiros chairegos, aos que habería que sumar un inxente número de cruces e de cristos.
 

Comentarios