Antonio Veiga, presidente do CB Breogán: ''O club seguirá sendo dos lucenses e de Lugo''

Fai un chamamento aos afeccionados lucenses, ''ata aos que non veñen habitualmente'', para que este venres o Pazo rexistre unha gran entrada que axude a superar ''un rival complicado'' no arranque dos 'play off'. Tamén fala do futuro do conxunto
Antonio Veiga, na Deputación.
photo_camera Antonio Veiga, na Deputación.

O presente e o futuro do Breogán son contemplados con optimismo polo seu presidente, que valora moi positivamente a tempada que xa entrou na recta final.

Aínda queda a parte definitiva da tempada pero, ata agora, ¿que valoración merece o realizado polo equipo breoganista?
A valoración ten que ser moi boa. Hoxe mesmo -por onte- falei cos xogadores e transmitinlles o noso agradecemento polo esforzo que realizaron. Están con moita ilusión ante o play off. Foi unha Liga moi dura, pero estivemos á altura das circunstancias e cumpríronse os obxectivos. Agora todos temos a esperanza posta na primeira eliminatoria, que sabemos que será difícil, pero que creo que liquidaremos de forma positiva.

Un dos aspectos máis relevantes da tempada estivo, unha vez máis, no amplo apoio social que tivo o equipo...
Nisto dende logo hai que destacar o traballo que fixeron dende o consello de administración Alberte Fernández e Afonso Orol. O Breogán recuperou o apoio social de toda a provincia de Lugo, o que era moi importante. Sendo o equipo referente do baloncesto en Galicia ten que selo tamén na provincia e para iso houbo que tender pontes con moitos clubs. Así, xogadores do Chantada están a vir adestrar co Breogán, o equipo fixo a pretemporada en Ribadeo, tamén visitamos Monforte... estivemos no día a día con todos os clubes. Ademais, os xogadores van a colexios da provincia e todo isto é unha labor social importante que xa está a dar os seus froitos.

Futuro. ''O proceso de saída da Deputación do accionariado do Breogán ten que esta rematado a finais de maio, pero non imos deixar tirado o club''

E todo iso con moi boas entradas no Pazo dos Deportes...
A entrega do equipo recompénsao a afección con esa presenza masiva nos partidos e cos seus ánimos ata nos desprazamentos. Repito que se está traballando moi ben e isto dá e vai dar moi bos resultados. No play off espero que acuda, unha vez máis, toda a afección en masa. Ata os que non veñen habitualmente ao baloncesto, porque vailles gustar e así se lles podería enganchar para o ano que vén.

Os abonados do Breogán, a diferenza das últimas tempadas, non terán que pagar nos partidos de play off. ¿É unha decisión que pode condicionar o orzamento do club?
Os abonados non van pagar e poderán levar a un acompañante por só cinco euros. Isto é así porque creo que habería que premiar á afección que estivo ás duras e ás maduras, que estivo dende o primeiro partido de Liga e isto había que recompensalo dalgún xeito. A afección do Breogán é do mellor que hai. A nivel de orzamento vimos que se podía asumir perfectamente porque a tempada ímola pechar de forma positiva. Ademais, por encima de todo está a nosa afección.

¿No mellor dos casos, é asumible o ascenso a ACB para o Breogán?
Xa estamos a estudar a posibilidade porque temos que ter moi claro cal é o custo da participación na ACB. Tamén hai que ter en conta que paralelamente a todo isto vai un proceso de saída da Deputación do accionariado do Breogán que a finais do mes de maio ten que estar acabado. A partir de aí, haberá un novo consello de administración e este será o consello que ten que tomar as decisións.

 Consello de administración. ''O Breogán recuperou o apoio social de toda a provincia de Lugo e nisto foi clave o papel de Alberte Fernández e Alfonso Orol''

Pero é posible que as datas se boten encima e haxa que tomar decisións importantes antes de que legalmente se nomee ao novo consello de administración...
Se iso é así, o que ten que quedar claro é que a saída da Deputación do accionariado do Breogán non quere dicir que nos esteamos desvinculando. O proceso de saída e entrada no consello será un proceso totalmente harmonizado. Repito que nunca deixaremos tirado ao Breogán, seguirá contando coas subvencións nominativas porque temos unha liña para os sete clubs grandes da provincia e ese paquete vai seguir existindo. Nin o Breogán nin o novo consello van quedar tirados.

Di que o proceso de venda de accións por parte da Deputación pecharase a finais do próximo mes. ¿Cal é o estado actual do proceso?
A primeira fase xa está pechada, falta só por requirir unha mínima parte de accións, unhas duascentas que se van a pasar á segunda fase. Nesta xa se están requirindo a documentación aos compradores. Case todas as accións postas á venda están comprometidas, aínda que escrituradas están algo máis da metade. A venda de accións fíxose como pediron os accionistas e afeccionados do Breogán, fíxose de forma fraccionada para que ninguén puidese vir a compralas todas. O Breogán seguirá sendo dos lucenses e de Lugo.

Comentarios