O Estudiantes e o Franciscanos organizaron a primeira xornada de Babybasket da tempada

O domingo celebrouse no Anexo do Pazo unha concentración de baloncesto na que se disputaron un total de 42 partidos

Os máis pequenos e pequenas do baloncesto lucense saíron este domingo á pista para celebrar a primeira concentración de Babybasket da tempada. O Estudiantes e o Franciscanos foron os encargados de organizar esta xornada na que se reuniron un total de 14 equipos procedentes de oito clubs. Os celestes tiveron a maior representación ao participar con tres equipos, mentres que o Franciscanos, o Rosalía de Castro, o Maristas Lugo e o Ensino fixérono con dous. O Galén Ensino, o Cidade de Lugo e o María Auxiliadora acudiron á cita cun equipo.

A concentración dividiuse en once xornadas nas que se celebraron varios encontros á vez, co que se xogaron un total de 42 partidos en toda a tarde do domingo. Os encontros tiveron unha duración de 14 minutos e foron disputados en formato de catro contra catro. O marcador non existe nestes encontros, xa que o fundamental é que os pequenos e as pequenas vaian gozar da experiencia e se mergullen nos valores do deporte.