Tonina Gay Parga

Tonina Gay, pioneira da información radiofónica en galego

As súas raíces familiares están en Guntín e Ferreira de Pantón, aínda que nace en Barcelona, onde está destinado o pai

Tonina_Gay_Parga_CROMO

 El Progreso 11/04/2022

É LUCENSE PRESENCIAL desde o ano 1962, pero o vencello coa terriña de María  Antonina / Tonina Gay Parga (Barcelona, 1941) viña no sangue, xa que seus pais son de Guntín e Ferreira de Pantón respectivamente.

O nacemento barcelonés débese ao destino do pai, que é policía armada. Na súa casa entra outro soldo, pois a nai traballa para unha casa de lenzaría fina e é moi hábil niso. Contan tamén coa axuda alimentaria que chega de Lugo, sempre tan valorada, e as cartillas de racionamento que aquí non utiliza a súa familia.

Dos sete anos pasados na cidade condal lembra os animais do zoo e que non a deixan soa nin un instante. Non como en Ávila, o seu segundo fogar por razóns de traslado paterno, onde fai o bacharelato coas Fillas da Caridade, e Maxisterio, aínda que sen vocación. Ela sente verdadeira  inclinación polos medios e as artes, proba disto é que xa daquela se fai cun premio de teatro como actriz cómica.

Tivo escola en San Bartolomé de Pinares, 25 quilómetros ao sur da capital, moi preto do porto de  Arrebatacapas. Precisou dar clases alí para poder pedir a excedencia. Os 70 párvulos daquel rico enclave que  pastorea non logran que cambie de opinión e vén a Lugo convencida da súa valía como locutora para exercer un ano despois na Radio Lugo da praza de Ángel Fernández Gómez, recentemente incorporada á cadea Ser, e publicar algunha entrevista en El Progreso.

En realidade viñera á cidade varios anos antes con motivo das festas de San Froilán, durante as que coñece de vista na Praza de España a Carlos Losada  Aizpitarte, un locutor que admira e ao que lle gustaría parecerse. Este encontro produciralle unha grande emoción.

Aquela muralla parécelle moi negra en contraste coa de Ávila. A chuvia, un fenómeno case descoñecido para ela, está a piques de crebarlle as ganas de vivir en Lugo, pero aguanta e comproba que non é para tanto.

Aos catro anos de chegar xa forma parte da directiva da Agrupación Sindical de Radio e Tv, presidida por Aquilino López González, con Tuñas,  Hortas,  Aizpitarte e demais membros do gremio.

Ao longo da súa carreira une o seu nome a moitos programas, aínda que na memoria colectiva quizais calase máis o  magazine diario  Mexunxe e Galicia  sempre, de 1972, proba de ser pioneira no uso do galego para a información diaria.

Para a emisión deses primeiros programas era necesario pasar a preceptiva censura previa. 

Ao seu lado, La canción del trabajo, destinada aos que están en horario laboral, El juvenil club, emitido con público desde o cinema Kursal e Los 40 principales, que ela presenta no seu horario lucense.

Tamén leva a cabo A palabra  herdada, un curso de galego editado en libro e en  cedés, e os catro audiolibros  Do  arquivo  á  fiestra, Xesús  Ferro Couselo: un  devanceiro, Ánxel  Fole, Si señor! e Ondas  do mar amigo.

Ao mesmo tempo matricúlase en Xornalismo para facer a carreira por libre. Máis adiante recibirá o Premio Galicia de Comunicación da Xunta de Galicia (1993) e será Lucense do Ano.

Intégrase como vogal na Sociedade Filarmónica e colabora co Club Cultural Valle-Inclán, que chega a presidir.

Por certo, cando é designada para pregoar as festas de San Froilán no 2020 non se esquece de reivindicar a apertura do novo auditorio, cunha cariñosa crítica ao Gustavo Freire: “Moito frío  temos pasado, levábamos manta”.

Naquela ocasión recibe como agasallo da alcaldesa unha radio antiga de válvulas, de caixa de madeira, dos anos 40-50, con todos os seus compoñentes orixinais. 

Más en Álbum de los lucenses