miércoles. 25.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 25.05.2022
El tiempo

Ricardo Carballo Calero

Ricardo_Carballo_Calero_CROMO_1

Medio século dunha conversa con Carballo Calero

En 1970 o ferrolán ocupaba de facto a cátedra de Galego en Santiago sen nomeamento

El Progreso 17/05/2020

FOI UNHA DAS miñas primeiras entrevistas e xa hai diso medio século. Ten lugar no seu despacho da Universidade de Santiago en abril de 1970, cando aínda no fora nomeado catedrático de Galego, aínda que si o era de facto.

A entrevista con Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910)  se le hoxe, 50 anos despois, como un petroglifo.

_ O fenómeno máis interesante da actualidade literaria galega é o predominio da prosa sobre a poesía. Tradicionalmente, a poesía era o xénero máis característico polo seu volume e calidade. 

_ Moitos escritores galegos utilizan o castelán, que lle parece?

_ Semella natural que o escritor galego cultive a súa lingua nativa; pero, polo demais, hai que ter un criterio liberal e recoñecer a todo o mundo o dereito a escribir en calquera lingua que domine, sexa esta o castelán, o francés, o ruso ou o chinés. 

_ Coñece a nova xeneración de poetas lucenses: Rábade, Cabana...?

_ Interésame todo o que se refira a Lugo. Formei parte de xurados que outorgaron premios a algún deses mozos. 

_ A tendencia por revalorizar o galego que leva a cabo principalmente a mocidade, cre que é sincera, ou existe tamén unha certa porcentaxe de esnobismo?

_ A sinceridade é un problema de conciencia. Habería que coñecer a intimidade de cada un para decidir caso por caso. Pero en xeral non hai motivo para alimentar a prevención.

_ A que motivo pensa que hai que agradecer este movemento a prol do galego?

_ A dúas causas, ao meu xuízo. En primeiro lugar, hoxe o galego estúdase como outra lingua, e este estudo científico favorece novos horizontes culturais ao alumnado. Por outra parte, o galego foi conservado polas clases populares do país, e xa sabe que hoxe priva unha tendencia xeral á exaltación do  popular.

_ Cal é a situación actual do ensino do galego?

_ A nivel universitario, estudan galego uns 150 alumnos. Sendo opcional esta materia para a maior parte, ese número é moi elevado xa que polo momento non existe máis cátedra que aquela da que estou encargado, e non se ensina o galego nin nas escolas de Maxisterio nin nos institutos. Fóra de Santiago, en todas as facultades de Linguas Románicas apréndese, dun xeito ou outro, o galego-portugués. En universidades, como Barcelona, hai materias especiais. E, por suposto, os estudos de galego por filólogos extranxeiros, en moi distintos países, son cousa corrente.

_ Que opina da Nova Canción Galega?

_ Está en crise de crecemento na procura da súa orientación definitiva.

_ Todas as cancións deben reflectir temas sociais ou comprometidos?

_ Non parece natural proscribir ningún tipo de contido como tema literario. A poesía chamada social é característica do noso tempo, pero toda poesía é social se é humana. 

_ Para rematar, que posibilidades de adaptación aos novos tempos ve ao galego?

_ Calquera lingua pode servir para expresar toda clase de vivencias. Só persoas moi confundidas cren hoxe que o galego non é apto para calquera forma de expresión. Nas relacións sociais, só un sector moi limitado da clase media deixa de usalo no pasado século. En Lugo, a aristocracia local, vencellada coa terra, nunca o abandona totalmente como lingua familiar. Ninguén dubida que é unha lingua de cultura. As variedades dialectais do galego non afectan a súa unidade substancial. A riqueza do léxico galego é extraordinaria, e iso plantexa problemas de elección ao galego literario. A solución deses problemas é o labor ditoso á que os escritores están entregados hoxe. Elixir entre o abondoso non é unha desgraza, senón unha sorte.  
 

Ricardo Carballo Calero
Comentarios