Manuel Oreste Rodríguez López

Manuel Oreste, auriga de Fole polos camiños de Galicia

O poeta de Paradela foi cronista das moitas viaxes que fai xunto ao escritor e que supoñen un engadido á obra foleana

Manuel_Oreste_Rodriguez_Lopez_CROMO

El Progreso 02/03/2022

ADEMAIS DE POETA, correspondente, colaborador e amigo, Manuel Oreste Rodríguez López (Paradela, 1934), sempre estará presente nas miñas lembranzas por levar a cabo un fermoso e antigo oficio, caso de existir nalgún país dos remotos tempos o cargo de Heraldo das Vacacións. Paso a explicalo.

Desde 1979, ano da miña volta a Lugo, logo dunha década de estudos e xornalismo en Madrid, ata ben sobrepasado o ecuador dos oitenta, Manuel aparecía na redacción de El Progreso, non como ave precursora de primavera, como acuñou Bécquer, senón de verán. Non sabería precisar se eran os últimos días de xuño, despois do San Xoán, ou nos primeiros de xullo _ aínda que apostaría por estes últimos _, pero indefectibelmente, unha mañá dese treito anual abríase a porta da redacción e alí estaba Manuel, acabado de chegar de Barcelona, onde vive coa súa muller, Irene López Gómez, do Páramo, e con seus fillos Enrique e Santiago.

Se pola trasfega do día a día no xornal puidese existir algunha dúbida sobre o momento do ano que tocaba vivir, a presenza de Manuel e o seu sorriso confirmaban con grande exactitude que en poucos días, virían as semanas de lecer, e claro, iso sempre era ben recibido.

A súa era unha visita de rendida admiración e sincera amizade por Fole. Por iso a chegada de Manuel cadraba sempre a última hora da mañá, antes de xantar e antes dos viños previos á comida, porque ese era o momento no que Fole viña á redacción naqueles anos, fóra da súa obrigada participación na tertulia da noite, co doutor Varela Buján, Jaime Sánchez Rey e outros.

O ritual repetíase unha e outra vez. Saúdos en El Progreso, viños no Castroblanco, Divey ou Castroverde, e finalmente, determinación do día, hora e destino da primeira viaxe que realizarían ambos os dous, sós, ou na compaña de Benxamín Andrade, case sempre por terras luguesas, ao longo do mes que Manuel pasaba aquí. As crónicas deses desprazamentos de verán están recollidas no seu libro ´Viaxes con Ánxel Fole´, e moitas delas foron publicadas antes en El Progreso.

Naqueles tempos era unha dolorosa obriga falar das dificultades polas que atravesaba a factoría OSSA de Barcelona, onde Manuel era xefe administrativo do seu departamento de persoal. Uns atrancos que finalmente remataron co peche de Orpheo Sincronic Sociedad Anónima, que ese era o complexo significado dunhas siglas características no mundo motociclístico español. Por certo que logo de vinte e cinco anos sen actividade, OSSA retomou a produción hai pouco.

Outros temas de conversa neses encontros eran a actividade da colonia galega en Barcelona e os contactos que Manuel mantiña con Costa Clavell, Basilio Losada, Manuel Blanco e Lorenzo García-Diego; cos centros galegos cataláns, e con xornalistas e empresarios da terra, como deixou escrito polo miúdo nos libros dedicados á súa segunda patria, onde quixo ser soterrado en Paradela.

A obra de Manuel Oreste, como asina algúns traballos xornalísticos, atópase espallada nunha ducia de cabeceiras galegas ou barcelonesas, e principalmente nun feixe de libros de poesía _ ‘Poemas populares galegos’ (1968), ‘Saudade no bulleiro’ (1970), ‘Soldada mínima’ (1979) e ‘Onte e hoxe vivencial’ (1995).

Algunhas das súas colaboracións xornalísticas tamén están recollidas en libros, como son os dous volumen dedicados aos Galegos en Catalunya.

Tamén foi tradutor de ‘A Atlántida’ (1995), o poema épico de Jacint Verdaguer, y do libro do xornalista Manolo Silva, ‘Volta a España a pé’ (1990).

Morre o ano 1990 e cinco despois convócase en Paradela o certame literario que leva o seu nome.

Más en Álbum de los lucenses