Manuel Leiras Pulpeiro

Leiras Pulpeiro, “defensor da clas desherdada”
 
O médico e poeta mindoniense conquista ao lector galego cun só libro ao final dos seus días
Manuel_Leiras_Pulpeiro_CROMO

El Progreso 09/11/2020

DENTRO DA MITIFICACIÓN do personaxe inclúese o feito de que a noite do seu enterro fóra do recinto consagrado no cemiterio de Mondoñedo, dous ou tres mozos entran armados de palas e botan terra bieita sobre o lugar onde xa repousan os restos de Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo, 1854).

Pode ser certo ou non. Na realidade é unha anécdota un tanto contradictoria, porque o pensamento de Leiras está máis lonxe daquela terra litúrxica, que da que lle serve de acollida, terra civil, por dicilo na mesma dirección.

Ao seu agnosticismo engade unha militancia anticlerical, unha fe masónica como Lúculo e un laicismo rigoroso, pero admitamos que a posible acción nocturna dos admiradores de Leiras tería unha significación máis aló da meramente relixiosa, como rexeitamento da censura sepulcral que se lle impón.

En realidade, o personaxe non precisa ningún tipo de mitificación, porque Leiras foi recoñecido como un grande en vida, e moito máis despois da súa morte. Cando iso ocorre, o único que fai o mito é restarlle importancia ao home ou á muller que trata de glorificar.

Novembro é o mes fúnebre de Leiras. Morre tal día coma hoxe de hai 108 anos e tamén será en novembro de 1921 cando ten lugar a multitudinaria homenaxe en Mondoñedo, grazas aos seus veciños a un e outro lado do Atlántico. Alí estarán Vicente Risco, Antón Villar Ponte, Eladio Rodríguez, Eugenio Carré Aldao, Luis Peña Novo e o alcalde e xornalista local Cándido Carreiras, republicano coma el, de quen se conta que no ano 1930 irá a súa tumba para darlle as novas coa famosa frase: “Leiras, Leiriñas; chegou a República”.

Ese mesmo ano son colocadas as tres placas de bronce que financian os mindonienses de América para as casas de Leiras, Pascual Veiga e Noriega, e tamén se publica o primeiro tomo da súa obra completa.

O médico, poeta e humanista, recoñecido como o defensor “da clas desherdada”, tamén nace cerca do mes de novembro, o 25 de outubro. É fillo do médico Vicente Leiras, orixinario de Santiago de Lindín, e da ribadense Matilde Pulpeiro. Para máis datos, coma sempre, García Doural, Reigosa, Requeixo, Martínez, Alonso Montero...

Entre 1867 e 1868 aproba no Seminario da súa cidade o segundo e o terceiro ano de Latín coa cualificación de meritísimo. En Madrid remata Medicina e Cirurxía o 22 de decembro de 1877. Casa con María Andía Villar.

O estro poético de Leiras, a riqueza do seu galego e a temática das súas composicións fixeron del un autor popular e reclamado, aínda que el non era dado a prodigarse. 

Na revista Galicia, de Martínez Salazar, publica un Refraneiro popular, e tamén xunta un  Vocabulario mindoniense, pero só dá ao prelo os seus Cantares gallegos (1911), que El Progreso acolle rendido de admiración cunha ampla crítica do filósofo e futuro propietario do castelo de Pambre, Manuel García Blanco, publicada por suposto no curto espacio de tempo que vai entre a saída dos Cantares e a morte do poeta, en 1912.

Para García Blanco, as Montañesas de Noriega e os Cantares de Leiras, converten a Mondoñedo na capital poética de Galicia. Sabedor de que gran parte da obra de Leiras permanece inédita, o filófoso solicita que sexa coñecida por todos os galegos sen sospeitar que apenas faltan once meses para o seu pasamento.

En 1910, na súa vertente de médico, publica uns Apuntes para la Geografía médica del distrito municipal de Mondoñedo, en colaboración co seu colega Pastor Taladriz Díaz.

Pouco antes de morrer é premiada en Vigo a súa composición O galo no Coto.

Más en Álbum de los lucenses
Comentarios