Luis Tobío Fernández

Luis Tobío, o galego máis importante do s. XX con Castelao

Así opina del Díaz Pardo cando edita as súas memorias, As décadas de T.L.

Luis_Tobio_Fernandez_CROMO

El Progreso 25/04/2022

UNHA VIDA TAN intensa como a de Luis Tobío Fernández (Viveiro, 1906), merece varios volumes onde recollela. Existe un, escrito en primeira persoa que a conta polo miudo. Leva por título As décadas de T.L. (E. Do Castro, 1994), un libro moi recomendable non só para coñecer ao personaxe, senón tamén a Viveiro e a Galicia. O seu editor, Díaz Pardo, di del que foi o galego máis importante do século XX con Castelao.

O médico que asiste a súa nai no parto foi Ramón Díaz Freijo, ou Freixo, o médico dos pobres, aínda que a súa familia materna, os Pardo Vaamonde, pertence á fidalguía da cidade. Os Tobíos gañan a nobreza de Brión dende que un parente trae de Cádiz o corpo de Santa Minia, que se converte na súa patroa e motivo de peregrinación.

Ao pouco de nacer teñen casa no convento de San Francisco por ser mestre o pai. Alí están dez anos, a carón do cárcere e das dúas aulas onde o pai imparte as clases. “O meu pai non tina máis que abrir a porta da nosa sala, que se pechaba cunha tranca travesa, para estar no lugar do seu traballo”.

O pai, Luis Tobío Campos, escritor e lector do  Kempis, ameaza a Luis coa  “Cartilla de la buena crianza”, que estipula: “has de lavarte los pies / cada dos meses o tres”.

As primeiras lecturas do neno son os poemas de Rosalía e os Aires da miña terra e O divino sainete, de Curros. O avó, Francisco Fernández, chamado Veiga, casa con Encarnación González Pardo-Vaamonde; e xuntos abren unha tenda de “quincalla, paquetería y ropa hecha”, onde tamén sirven viño.

Luis fai Dereito en Santiago e na súa Facultade dá clase antes de ingresar na carreira diplomática o ano 1933. En 1929 amplía estudos na Universidade de Berlín co profesor e politólogo Hermann Heller, do que traduce a súa  Teoría del Estado. Outros autores que tamén traducirá ao castelán son Ralph Roeder (El Hombre del Renacimiento),  Heinrich Mann (La madurez del rey Enrique IV), Hermann Hesse (Narciso y Goldmundo) e James Purdy (El sobrino).

Participa na fundación do Seminario de Estudos Galegos, onde é secretario, conselleiro permanente e director da Sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas.

Tamén é un dos redactores do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia do ano 1931 e pertence ao Consello Executivo do Partido Galeguista.

Dentro da súa actividade como diplomático, é secretario da embaixada de España en Bulgaria, para logo ser nomeado en 1938 secretario xeral do Ministerio de Estado.

No ano 1939 ten que marchar de España cando xa casara en Barcelona con Carmen Soler. Reside en Nova York, Cuba e México antes de instalarse en Montevideo 25 anos. Alí exerce como asesor xurídico de Castelao para a creación do Consello de Galiza, do que será delegado en Uruguay.

Funda o programa de radio Sempre en Galiza, onde colabora, como tamén en El Día, Galicia Emigrante ou Alma Gallega. Nesta última, baixo o seudónimo de Lois de Chousela, publica a lenda da cidade de Estabañón na praia de Area. Tamén prepara a edición da Historia de Galiza que dirixe Otero Pedrayo.  

No ano 1947 deixa o xornalismo e entra a traballar na sección de publicidade da farmacéutica Roche, coa que regresa a España en 1963, aínda que en 1974 retoma a súa actividade diplomática dous anos máis antes da xubilarse.

Investiga ao conde de   Gondomar e realiza novas traduccións, desa volta ao galego, de Bertolt Brecht, Rilke e Goethe. Preside o Seminario de EG ata morrer en 2003.

Más en Álbum de los lucenses