El Progreso 17/05/2022
NON ESTARÍA COMPLETO o abano de lucenses sen a presenza dunha saludadora, que non é meiga, nin bruxa, nin adiviña, pero embauca como todas elas e que durante os séculos XIX e XX aínda se fan presentes en toda España para sacarlles os cartos ás familias máis crédulas e desgraciadas.
A saludadora nace, a diferenza do resto de meigas, que se fan. Polo menos iso é do que se gaban para dicir que o seu vén determinado por circunstancias máxicas superiores á súa propia vontade.
É saudador o sétimo fillo seguido do mesmo sexo dunha parella; quen chora no ventre materno e súa nai escoita o pranto sen comentalo; o maior de dous xemelgos; se nace coa bolsa amniótica, ou se chega a este mundo en Xoves ou Venres Santo, en Noiteboa ou o día da Encarnación.
O noso personaxe, Josefa Filomena Rodríguez (Lugo, 1837), é saludadora porque asegura nacer a Noiteboa do ano citado.
Cando Josefa rolda a corentena, outra muller que fai o seu agosto entre as familias pobres do barrio coruñés de Santa Lucía. Faise chamar Matilde e non podemos certificar que sexa ela mesma, ou a competencia, pero en calquera caso demostra que ese tipo de curandeira abunda.
A de Coruña bicou a perna de Eduardiño, un neno coxo, que saíu correndo e dando chimpos. Mágoa que aos catro días estea moito peor.
Coñecemos o suficiente de Josefa como para dedicarlle o cromo porque ela engade ás súas habelencias sanadoras unhas primitivas nocións de márketing que teñen deixado pegada.
Josefa Filomena axúdase de carteis que para máis inri, crava ás portas das igrexas, como Lutero, onde anuncia a súa presenza na zona. En 1879, catro anos despois da expulsión de Matilde do barrio coruñés, aparece un pasquín nunha igrexa lucense, cuxo contido será reproducido pola prensa madrileña a xeito de sátira política, con Silvela, o conde de Toreno, e varios ministros como protagonistas.
Nada ten que ver o un co outro, pero adivíñase que ao correspondente lle dá reparo falar da nota a secas, e o difraza dun asunto política para publicalo sen vergoña.
O texto, que está inzado de incorrecciones ortográficas e léxicas, encabézase cun “ Abiso ao Puvlico”. A muller explica o seu nacemento na data indicada para certificar os seus poderes cos que sanda varias clases de doenzas, así como chagas e mordedelas de animais velenosos e rabiosos, que é a gran especialidade do gremio, xa que neses momentos a medicina é impotente contra a rabia a falta de Pasteur.
Tamén se proclama de suma utilidade para converter en fértiles a aquelas mulleres desexosas de ter descendencia sen logralo. Para apontoalo con probas, o escrito recolle unha intervención súa en Vilagarcía _ supoñemos que, de Arousa _, onde sanda a unha muller despois de catorce partos en van, e hoxe é nai feliz.
O papel todo o aguanta e a credulidade dos seus lectores, tamén. Todo iso culmínase coa referencia á prensa, que en máis dunha ocasión eloxiou as súas fabulosas facultades. Iso dio tamén dos políticos sen necesidade de que sexa certo.
Mesmo da referencia do seu paradoiro, o cal demostra que a autoridade non pon demasiado interese na súa detención, porque o dato é coma se O Dioni deixa na furgoneta unha tarxeta con a súa localización en Brasil.
Vive na casa de Miguel Lemos da praza do Bo Jesús, “gunto ao mercado”. En realidade, a palabra Jesús non a escribe, se cadra por respecto.