domingo. 27.09.2020 |
El tiempo
domingo. 27.09.2020
El tiempo

Hernán Fernando Naval Parapar

Hernán Naval, o músico da Mariña

Nace o 5 de agosto de 1962 e protagoniza en dúas décadas a actividade musical de Viveiro e Ribadeo

El Progreso 05/08/2020

A VIDA DEULLE tan só 39 anos, e como se xa o soubese de antemán, Hernán Fernando Naval Parapar (Viveiro, 1962), non perde o tempo en mexericadas para deixar unha pegada, especialmente musical, que se lembrará para sempre.

A súa vida está vencellada tanto a Viveiro, como a Ribadeo, onde morre o ano 2001, logo desa corentena feraz que vive con tanta paixón que nos últimos tempos, coñecedor quizais do seu inminente final, afirma estar canso de todo, agás da música.

Hernán nace tal día como hoxe, o 5 agosto. A súa formación musical é moi completa: 5º de Solfexo e 2º de Estética Musical polo Conservatorio da Coruña; 5º de Trompeta, 5º de Piano, 3º de Harmonía e 2º de Historia da Música polo Conservatorio Superior de Madrid; 2º de Conxunto Coral, cursos de Historia da Arte e da Cultura,  Acústica Musical e Repentización, Transposición e Acompañamento, así como diplomado en Trompeta e Piano polo Conservatorio de Santiago de Compostela e Lugo.

Con esa bagaxe e a súas especiais condicións afronta calquera traballo que se lle poña de diante, especialmente o relacionado coa dirección e a composición.

Con 23 anos preside a asociación cultural Sementeira de Viveiro, o que pon de manifesto que ten as ideas moi claras desde moi novo. Con Sementeira publica Abril no Pastor Díaz, con poemas inéditos de Novoneyra, Manuel María, Miguel Sande, Lino Braxe e outros autores que deran un recital no teatro, dentro dunha campaña a prol da súa salvación.

Tamén vicepreside a  Federación Galega de Asociacións Culturais e máis adiante será directivo da  Francisco Lanza en Ribadeo.

Amais de varios centos de artigos, publicados en El Progreso, na prensa nacionalista e noutros medios, e asinados as veces como Colectivo Musulmán, é autor da obra teatral Comunicando (Traxicomedia con parabellum. Nun acto), premiada en Burela e publicada  nos Cadernos da Escola Dramática Galega, así como contos, poemas e mais teatro inédito.

Pero a principal actividade de Hernán Naval, como xa queda dito, foi a música. Crea a banda de Ribadeo, logo Sinfónica, que funda en 1992, coa que actúa en Madrid, Barcelona e Lisboa. Tamén a da Academia de Música Carlos Álvarez Fernández-Cid e en 1993, da escola EMMeD de Ribadeo,   reúne a 230 alumnos cando morre. En 2006, o Auditorio de Ribadeo recibe o seu nome.

Xa fora antes profesor do conservatorio de Viveiro  ata 1991; trompetista e percusionista da Banda Municipal de Música desa cidade durante nove anos nos que chega a desempeñar o cargo de subdirector; fundador e director da coral Polifónica do Centro de Iniciativas Turísticas de San Cibrao no ano 1987 e director da Escolanía do Colexio público de EXB do Vicedo.

Tamén neste eido é vicepresidente da Asociación Galega de Escolas Municipais de Música (AGEMM), e director da súa Big-band coa que actúa no VI Festival de Música dos Xoves Europeos celebrado en Trondheim (Noruega) o ano anterior ao seu pasamento.

Como compositor deixa unha obra curta, pero moi madura, que inclúe pezas gravadas e estreadas, como a habaneira Lonxe do mar, Mar por médio e Portbou-Saraxevo. Así mesmo estrea para coro mixto as cancións Ábrelle a porta o día, sobre un poema de Darío Xoán Cabana, e Sirena, de Mario Benedetti.   

O seu xeito de considerar o papel socio-cultural das bandas, lévao a organiza en Ribadeo o ano 1994 o I Congreso de Bandas de Música Populares de Galicia, no que participa activamente.

Tamén foi candidato ao Senado co BNG nas xerais de 2000, antes de morrer dun infarto na noite do 16 ao 17 de maio do ano seguinte.
 


 
 

Hernán Fernando Naval Parapar
Comentarios