Fuxan os ventos

Fuxan os ventos, medio século sementando e recollendo cancións

O grupo nace en Lugo como Folk-70 e recibe as augas bautismais en Mondoñedo

Fuxan_os_ventos_CROMO

El Progreso 07/03/2022

XA CONTEI NALGUNHA ocasión que durante a primeira visita do presidente Fernández Albor a Montevideo, a xente do Centro Galego organiza unha velada logo da cea de recepción que remata, antes do Himno de Galicia, coa interpretación de Sementeira, o éxito de Fuxan os Ventos que neses anos era imprescindible dentro e fóra de Galicia.

Os aplausos son atronadores. Cando acaban, Albor érguese e anuncia que alí se atopa, nin máis nin menos, que o autor de Sementeira, Luis Álvarez Pousa, sentado entre Albino Mallo e eu mesmo. Daquela collemos a Luis polos brazos e obrigámolo a saudar para recibir unha nova salva de aplausos que supera á anterior.

Din que Sementeira marca o cumio popular de Fuxan e probablemente é unha afirmación referendada polos números. O certo é que o entusiasmo provocado a miles de quilómetros de Galicia só o conseguen pezas moi sinaladas, como a Alborada, de Veiga; Negra Sombra, de Montes, e esta canción de Pousa e Xosé L. Rivas, Mini.

Se cadra este é un dos cromos máis complexos do Álbum, porque por Fuxan pasan máis de trinta persoas e a saída de Mini e Mero supón unha división entre dúas épocas, como contou hai pouco Sabela Corbelle. Abordada noutro cromo a peripecia vital de Xesús Mato, non parecía xusto deixar a ningún deses músicos fóra do recoñecemento na colección.


A historia está contada  na biografía de Xesús Mato. Os comezos hai que situalos o ano 1972 baixo o nome de Folk-72, moi ao gusto da época _ Castañuela 70, Grupo 70, Los 5M. 70..._, logo de coincidir chamados por Mato para o coro do Colexio Menor Santísimo Sacramento.

Ese mesmo ano participan e gañan o primeiro premio da III edición do Festival de As San Lucas de Mondoñedo. A canción elixida para interpretar alí é Fuxan os Ventos, orixinal de Xesús Mato, que se agocha debaixo dun pseudónimo recoñecible, J. Cabodevila, pois nace no lugar de Cabo de Vila de San Martiño de Castro en Paradela.

De volta a Lugo, o nome da canción recibe en La Palloza o visto e prace dos seus compoñentes para sustituír a ese Folk-72 que tiña certo desapego con Galicia, a cuxas aldeas queren chegar coa música galega para que non exista a máis mínima dúbida da súa variedade e riqueza, uns aspectos que neses momentos levanta controversia.

Polo tanto inician tamén un traballo de pescuda e recollida de cancións populares. Moitos dos compoñentes de Fuxan son mestres por toda Galicia e Mato está en Pedrafita, o que facilita o contacto coa xente que aínda as conserva na memoria, xa que a maioría non están recollidas en ningures.

Así, Mari Carmen, Teresa, Maruxa, Alfonso, Moncho, Xoán, Geluco, Mero, Mini, Freire e por suposto, Xesús Mato, os que forman Fuxan entón, anuncian dez anos despois que recolleron máis de mil cancións tradicionais. Coincide ese intre coa saída do seu disco número seis, Quen a soubera cantar. No camiño están Fuxan os ventos, O Tequeletequele, Sementeira, Galicia canta o neno e Chegaremos.

Logo virán, entre outros, Noutrora, Sempre e máis despois, Na memoria dos tempos, Terra de soños, O Meu Amor Mariñero, Pra Onde Vas Maria...

Na actualidade, ante o anuncio de que o novo auditorio de Lugo levará o nome de Fuxan, os actuais membros do grupo _ Alfonso Fernández, Antón Castro, Carme Vázquez, Maruxa Fociños, Pedro Lucas Domínguez, Moncho Díaz Fernández, Tereixa Novo, Xoán L. Fuertes Saavedra e Xosé Vázquez, comprometéronse a cantar o día da inauguración, aínda que tal como están as cousas, falar dese acto é como facelo das postrimerías do xuízo.

Más en Álbum de los lucenses